Unha investigación de Lighthouse Reports describe as brutais devolucións de migrantes que teñen lugar entre os estados membros da Unión Europea despois da recusa ilegal da oportunidade de requerer asilo nas súas fronteiras.
.
.
Baixo os seus amenos convés, os ferris esconden,nas entrañas unha realidade moito menos apracíbel. Unha investigación de Lighthouse Reports –organización sen fins lucrativos baseada nos Países Baixos- mostra as brutais devolucións de migrantes que se realizan entre os estados membros despois da recusa ilegal da oportunidade de pedir asilo nas fronteiras da Unión Europea.
“Descubrimos que os requerentes de asilo, incluídas crianzas, viaxan detidos en cárceres non oficiais, con forma de caixas de metal e cuartos escuros, por veces durante máis dun día, nas entrañas dos barcos de pasaxeiros que se dirixen da Italia á Grecia, como parte das devolucións ilegais das autoridades italiana”, detalla o relatorio.
Lighthouse Reports -en colaboración con SRF, ARD Monitor, Al Jazeera, Il Domani e Solomon -documenta por medio de fotografías, vídeos e testemuños a brutalidade do encerramento de migrantes detidos cando se dirixían como clandestinos rumo a Italia e son devolvidos a Grecia nos mesmos barcos en que chegaron.
Encerrados en antigos baños con duches e sanitas rotos, xunto con varios colchóns, metidos en reducidos cubículos de metal cun teito de grades ou alxemados a tubos de metal. Esas son as penosas condicións que padecen os migrantes durante o seu camiño de retorno.
Xunto cos testemuños e probas visuais, a investigación conta coa participación de especialistas legais e ONGs que confirman os achados e corroboran que estas prácticas se tornaron habituais nos últimos anos.