A plataforma convoca unha xornada de debate no Congreso en que apresentará un documento de mínimos para a próxima Lei de Seguranza Cidadá.

 

Ley Mordaza entra en vigor

 

O grupo socialista no Congreso dos Deputados prevé ter listo para novembro o novo texto de Lei de Seguranza Cidadá que substituiría a Lei Mordaza. É unha das grandes promesas do novo Goberno de Pedro Sánchez.

En vigor desde o 1 de xullo de 2015, a Lei de Seguranza Cidadá aprobada polo PP supuxo a imposición de 285.000 sancións no seu primeiro ano e medio. Contando só as relacionadas coas faltas de respecto aos axentes de policía, de 2016 até o primeiro trimestre de 2018, foron 44.500 sancións.

Fronte ao texto aprobado polo Partido Popular, no Congreso continúan en trámite -desde xaneiro de 2017- dúas propostas apresentadas polo PSOE e o PNV. O PSOE afirma que están dispostos a traballar sobre o texto presentado por PNV para axilizar o trámite.

‘As dúas, desde o principio, parécennos unha operación cosmética da Lei Mordaza’, afirma Mónica Hidalgo, portavoz da plataforma Non Somos Delito. ‘Ningunha das dúas parécenos que vaia garantir o exercicio dos dereitos fundamentais’, engade.

Canto ao texto sobre a mesa, o de PNV, Hidalgo destaca que mantén as sancións por faltas de respecto á autoridade, ‘que é onde máis abuso de poder, máis casos de mala praxe policial e máis arrecadación produce’.

‘Hai moitas accións que se sancionan e non deberían. Ningunha das dúas propostas aprofunda no que debe ser unha lei de seguranza cidadá, que debería garantir o exercicio de dereitos, non reprimilo’, continúa a portavoz de Non Somos Delito.

Esta plataforma, convoca unha xornada no Congreso, para o próximo 5 de xullo, convidada por Compromís, onde debater sobre como debe ser o texto que substitúa a actual Lei de Seguranza Cidadá. O obxectivo é dar a coñecer un documento de mínimos sobre o que comezar a traballar.

#10PuntosSinMordaza
Sob o título #10PuntosSinMordaza, o documento recolle como mínimos que a nova lei garanta a seguranza xurídica ‘establecendo criterios claros e determinados, en contraposición, por exemplo, do artigo que castiga as faltas de respecto aos axentes de autoridade’, faga efectivo o principio de presunción de inocencia ‘para iso, os atestados e manifestacións por parte da Policía deberían ter a consideración dunha denuncia’, manteña transparencia e garantías na súa aplicación, respecte o principio de igualdade e non discriminación, e tamén respecte a protección de datos, eliminando o rexistro de infractores.

Outros dos puntos fan referencia á creación de mecanismos independentes de investigación para repor os dereitos das persoas que sufran arbitrariedade por parte dos poderes públicos. Tamén a defensa dos dereitos humanos, entre eles o de manifestación ou expresión, e a prohibición dos castigos físicos ‘cargas policiais con métodos violentos’. Por último: a prohibición das devolucións en quente ‘en cumprimento da lexislación internacional’ e a protección das persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.

Fonte: El Salto Diario