A proliiferación de cámaras de vixilancia, a implantación de sistemas de recoñecemento facial e as denuncias de intervención de teléfonos de activistas apontan para un novo modelo de control da poboación.

.

 

Profesoras y escolares palestinos, en un puesto de control israelí, en 2020 en Hebrón.
                   Profesoras e escolares nun check-point en Hebrón.HAZEM BADER (AFP)
.
.

“Hai un par de meses os soldados detiveron unha moza nun check-point de Hebrón por causa dun erro de identificación cun móbel. Sospeitei e púxenme en contacto con Breaking the Silence (Rompendo o Silencio, ONG de exmilitares israelitas) para verificalo. Descubrín que Israel estaba utilizando unha nova tecnoloxía de recoñecemento facial”, lembra o activista palestino Issa Amro ante o check-point de Gilbert, no bairro de colonos xudeus de Tel Rumeida, un dos principais puntos de fricción entre israelitas e palestinos na dividida cidade de Hebrón (Cisxordania). “Varios soldados confirmaron que captaban imaxes para o sistema Blue Wolf (Lobo Azul)”, detalla, en referencia a unha aplicación que identifica e autoriza o tránsito da poboación civil como se tratásese dun semáforo.

A pasaxe de Gilbert está nunha das rotas que conducen á mesquita de Ibrahim -para os musulmáns- ou Cova dos Patriarcas -para os xudeus-, o sepulcro onde repousan os restos do profeta Abraham e os seus descendentes, segundo a tradición de ambas as relixións. As cámaras asoman polas azoteas, sobrevoan postes con cabos e farois, no mesmo ponto onde un militar israelita dun tiro na cabeza acabou coa vida hai cinco anos dun asaltante palestino que xacía malferido no chan.

A proliferación de cámaras de vixilancia en territorio ocupado palestino, a progresiva implantación de sistemas de recoñecemento facial de civís en barreiras e check-points, e as recentes denuncias sobre a intervención, con programas espía de fabricación israelita, de teléfonos de activistas e altos cargos palestinos apontan a que Israel avanza cara un novo modelo de control tecnolóxico 54 anos despois da conquista militar.

“Déronnos un teléfono con cámara que tiña unha única aplicación: (…) a Blue Wolf, con tres opcións que aparecen nunha xanela emerxente para deixar pasar (verde), investigar (amarelo) ou deter (vermello) as persoas identificadas por imaxe”, declarou un soldado aos responsabeis de Breaking the Silence, organización de veteranos do Exército opostos á ocupación, nun documento examinado por El País. Outro militar confirma tamén a forma de utilización da aplicación Blue Wolf: “Primeiro se escanea o cartón de identidade e despois tírase unha fotografía (…) Aí está toda a información básica sobre cada persoa”.

“Trátase de métodos de vixilancia altamente invasivos mediante tecnoloxía de recoñecemento facial”, sostén a ONG israelita após unha recente investigación, da que primeiro informou The Washington Post, baseada nos testemuños de soldados recollidos nos dous últimos anos. A información recompilada sobre a poboación civil incorpórase despois a unha base de datos central, denominada “Hebrón, Cidade Intelixente”. “Alén de pagar o prezo da ocupación desde 1967, os palestinos non teñen a posibilidade de denunciar a intrusión do sistema Blue Wolf, que produce unha dixitalización da ocupación de tintas orwellianas”, conclúe o relatorio de Breaking the Silence.

O propio Exército veu a recoñecer a existencia do sistema Blue Wolf na súa páxina web, segundo informou o xornal estadunidense. Un porta-voz das Forzas Armadas cualificou o uso das imaxes de poboación civil como “unha operación rotineira de seguranza que forma parte da loita contra o terrorismo”.

 

 

El activista palestino Issa Amro, el 26 de noviembre en un puesto de control israelí de Hebrón (Cisjordania) con cámaras de reconocimiento facial.
Issa Amro, activista palestino, o 26 de novembro nun check-point de Hebrón con cámaras de recoñecemento facial.Juan Carlos Sanz

 

 

“As familias palestinas da zona logo se puxeron en estado de alerta”, describe o enxeñeiro electrónico Issa Amro, de 41 anos, como mudou a vida de milllares de palestinos que ven obrigados a atravesar as barreiras na súa cidade. Hai dúas decenas de postos de control, algúns coa aparencia dunha fronteira internacional en toda regra, entre as chamadas zonas H1 (palestina), con máis de 250.000 habitantes, e H2 (israelí), onde viven uns 700 colonos, protexidos por máis de 2.000 soldados, xunto a outros 30.000 palestinos.

“As cámaras e os sistemas de recoñecemento facial non se usan só por razóns de seguranza ou de control”, argumenta Amro, un defensor da resistencia non violenta que foi perseguido tanto polos servizos de seguranza israelitas como polos da Autoridade Palestina. “Están a influír no comportamento social dos palestinos, unha sociedade conservadora moi celosa da súa privacidade”, interpreta. Algúns veciños pregúntanme: “Poden vernos através das paredes?”.

Izzar (prefire non desvelar o seu apelido), de 37 anos, obreiro da construción, vén subindo a costa desde o próximo mercado palestino cos seus tres fillos antes de que comece a oración do mediodía da sexta-feira. Antes tivo que atravesar un control militar. “Non te sentes libre se non podes ter vida privada”, indígnase. “Xa debemos pasar os controis de seguranza; os meus fillos, até seis veces ao día para iren á escola”, abala a cabeza no medio do silencio dos pequenos.

“Estamos sob ocupación”, resume Amro a vida na zona de Hebrón sob dominio israelita, onde se concentra grande parte da zona antigo declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2017. “Non temos posibilidade de protestar nin de dar o noso consentimento ante a instalación das cámaras. Gilbert non é un posto de control entre as zonas H1 e H2, onde si resulta preciso identificarse; é unha zona de pasaxe”, cuestiona a instalación de cámaras e sistemas electrónicos de control nos últimos meses. “É unha imposición sobre o noso dereito á privacidade”.

Yasir Maryani, de 49 anos, funcionario municipal, describe como funciona o sistema Blue Wolf. “Tiran unha fotografía e clasifícante con cores: verde, podes pasar; amarelo, verifican a túa identidade cos seus superiores; vermello, os soldados párante e detéñente”, explica. “E co zoom das cámaras métense tamén nas nosas vidas”.

“Estado de vixilancia permanente”

En Xerusalén, a directora de investigación do Instituto Palestino de Diplomacia Pública, Inès Abdel Razek, lembra que as cámaras están por todas partes na Cidade Vella, como destacou un relatorio da organización israelita Amleh elaborado despois da vaga de protestos da pasada primavera. “Os palestinos sempre teñen a sensación de estar controlados. Coas novas tecnoloxías, instaurouse un estado de vixilancia permanente”, advirte.

Abdel Razek tamén opina que Israel está a probar os seus sistemas máis avanzados coa poboación palestina antes de os exportar. “Habería que preguntarse se este é un valor engadido que vende aos seus aliados, europeos por exemplo, na cooperación de seguranza”, expón esta politóloga formada en Francia e que traballou na sede da Unión polo Mediterráneo en Barcelona. “Parece como se quixese saber todo sobre os palestinos, desde os datos biométricos ao recoñecemento facial, para silenciar os protestos”, sinala.

“E tamén parece que controlan os teléfonos co pretexto da seguranza”, alude a analista á recente ilegalización de seis ONG palestinas, acusadas de vínculos co terrorismo através do proscrito partido Frente Popular de Liberación de Palestina.

En mediados de outubro, Ghassan Halaika, investigador da ONG defensora dos dereitos humanos Al Haq, descubriu que algúns dos contactos da súa axenda telefónica devolvíanlle chamadas que el non fixera. “Despois comezaron a chegar mensaxes vacías ao móbel”, recapitula este economista palestino de 29 anos na sede da súa organización en Ramala.

 

Ghassan Halaika, investigador de la ONG palestina Al Haq, cuyo teléfono fue intervenido con el sistema de espionaje Pegasus, el 25 de noviembre en la sede de su organización en Ramala (Cisjordania).

Ghassan Halaika, investigador de Al Haq, cuxo teléfono foi intervido co sistema de espionaxe Pegasus, o 25 de novembro en Ramala (Cisjordania).Juan Carlos Sanz

 

 

Un mínimo de seis teléfonos intelixentes de activistas palestinos foron infiltrados polo sistema espía de nivel militar Pegasus, fabricado pola compañía israelita NSO. Tres dos aparellos interceptados pertencían a membros das ONG declaradas proscritas por Israel, segundo a inspección efectuada pola asociación irlandesa Front Line Defenders, verificada máis tarde por investigadores do Citizen Lab da Universidade de Toronto e Amnistía Internacional.

“Os israelitas dispoñen dunha tecnoloxía capaz de crear unha realidade artificial, de fabricar probas que poden desembocar nunha detención administrativa (arresto sen cargos por tempo indefinido)”, sinala Halaika, que traballa na recompilación de testemuños e probas para incriminar Israel por crimes de guerra na investigación que abriu este ano a procuradoría do Tribunal Penal Internacional. “Tiven que mudar de número e de terminal”, revela, “prometera protexer a identidade de quen denuncia, por exemplo, a demolición das súas casas”.

O investigador da El Haq cre que os palestinos xa viven sob un Grande Irmán que os controla. “Somos unha poboación cativa que non pode expresar rexeitamento á perda da privacidade”, lamenta. “Isto é fascismo 3.0. No meu caso está claro que buscaban información para criminalizar a ONG que defende os dereitos humanos”.

 

Ubai Aboudi, subdirector de la ONG palestina Bisan Center, cuyo teléfono fue intervenido con el sistema de espionaje Pegasus, el 25 de noviembre en la sede de su organización en Ramala (Cisjordania).
Ubai Aboudi, subdirector da ONG palestina Bisan Center, cuxo teléfono foi intervido co sistema de espionaxe Pegasus, no 25 de novembro en Ramala (Cisxordania).Juan Carlos Sanz

 

 

Ubai Aboudi, de 37 anos, subdirector do Centro Bisan, ONG especializada en investigación social e desenvolvemento democrático, considera que “Israel está a executar un proxecto de enxeñaría social coa comunidade palestina”. O seu teléfono tamén resultou infectado polo sistema Pegasus. “Os medios de vixilancia avanzados forman xa parte do modelo de dominación israelita, que despreza os dereitos humanos nun réxime de apartheid”, alega Aboudi no seu despacho de Ramala.

Na mesma cidade, que é sede administrativa das institucións palestinas, os móbeis de tres altos cargos do Ministerio de Asuntos Exteriores foron espiados tamén coa tecnoloxía Pegasus, segundo denunciou a Autoridade Palestina. Os tres diplomáticos traballan precisamente na presentación das acusacións contra Israel ante o Tribunal Penal Internacional.

Omar Shakir, director para Israel e Palestina da ONG estadunidense Human Rights Watch (HRW), considera que “a instalación dunha base de datos masiva de poboación palestina con recoñecemento facial no territorio ocupado da Cisxordania (…) lembra a utilizada pola China, na provincia de Xinjiang, territorio habitado pola minoría uigur”. Nun artigo publicado na web de HRW, Shakir, que foi expulsado de Israel hai dous anos por causa do seu traballo humanitario no medio de protestos internacionais, conclúe que “estes sistemas tecnolóxicos inducen a neutralizar a disidencia pacífica e a exercer un control intensivo sobre a poboación”.

Juan Carlos Sanz
Corresponde para o Oriente Próximo en Xerusalén desde 2015. Antes foi xefe de Internacional. en 20 anos como enviado de El País cubriu conflitos nos Balcáns, no Magreb, no Iraque e na Turquía, entre outros lugares. Licenciado en Dereito pola Universidade de Zaragoza e máster en xornalismo pola Universidade Autónoma de Madrid.

El País