Hai xente en Castilla-León moi preocupada polo estado de saúde dun dos presos que participan desde dentro dos muros na proposta de loita colectiva: José Ruyman Armas Santana, doente do corazón e en perigo de morte, se non lle son prestados a tempo os coidados adecuados. Contábao hai pouco el mesmo en carta a unha compañeira, mentres facía greve de fame en solidariedade cos seus compañeiros. Está preso no cárcere de Palencia e os grupos de apoio das proximidades decidiron apoialo persoalmente, sen esqueceren a situación xeral de catástrofe da sanidade prisional nin a necesidade de lle facer fronte. Propoñen, para comezar, un envío de fax ás autoridades responsabeis.

 

 

Segundo denuncian os colectivos de apoio, desde hai tempo José Ruyman Armas Santana ten as pernas salpicadas de negróns. Após un recoñecemento na propia prisión, deronlle cita cun especialista en cardioloxía a finais de Setembro, no hospital Río Carrión onde lle fixeron unha endoscopia e diagnosticaron que se trata dunha vea ou arteria (non José Ruyman non sabe ao certo por non ter no seu poder o informe médico) que está seriamente danada e corre o risco de romper.

O que si sabe José Ruyman é que, se isto acontecer pola noite, hai moitas posibilidades de se encharcaren os pulmóns e el morrer. Caso ter sorte e aarteria ou vea romper de día podería salvarse, chegar con vida a Valladolid onde terían de o intervir de urxencia; pois en Palencia non se fan este tipo de operacións. Descoñece os prazos para que a operación poda ser levada a cabo, dada a gravidade do caso, mais si sabe que, de esta situación ter lugar no exterior, el tería a súa historia clínica, estaría informado e sería sometido a seguimentos periódicos.

O tratamento que recibe no cárcere consiste en tomarlle a tensión e asignarlle un axudante que vela durante a noite encanto el dorme. Isto é todo. “Non é que dubidemos da profesionalidade do persoal sanitario da prisión (dito, con retranca), é que os propios médicos e carcereiros recoñecen exercer baixo presión da administración que lles dá para comer. Seica podería ser doutra maneira? E así quebrantan constantemente o segredo médico, porque a visita faise en presenza da Garda Civil ou similar, impoñen tratamentos forzosos, porque o fin último do cárcere non é a reinserción senón a orde e esta conséguese a base de tranquilizantes, ou de repente retiran medicación prescrita por outros especialistas, non se sabe moi ben con que fin”, denuncian os colectivos solidario.

Recoñecen, en definitiva, estaren máis preocupados pola seguranza e por cumprir as normas da dirección que por atender adecuadamente os seus pacientes, aos que supostamente se deben.

Neste contexto de desatención médica recoñecida e xeneralizada no ámbito prisional, aseguran que non van agardar a que Ruyman engrose as listas de mortes en prisión por causas naturais e esixen unha solución rápida e adecuada á súa grave doenza. Entenden que só a solidariedade -con determinación- pode mudar a súa sorte.

Como primeiro paso, propoñen un envío masivo de faxes e chamadas telefónicas durante a semana do 26 de Novembro ao 2 de Decembro aos seguintes números:

Subdirección Xeral de Sanidade Penal:
Tfno: 913354845 Fax: 913354992

Centro penal A Moraleja:
Tfno: 979716300 Fax:979716315

Hospital Río Carrión:
Tfno: 979167000 Fax: 979167014

Tokata