A Coruña acolle unha mesa redonda en streaming sobre o fenómeno dos presos sociais, que en 1977 protagonizaron unha revolta para pedir a aministía do novo réxime democrático.

 

 

Fotograma de 'Pocos, buenos y seguros', peza de ficción sobre o motín carcelario de 1977

Fotograma de ‘Pocos, buenos y seguros’, peza de ficción sobre o motín carcelario de 1977 | Fonte: Youtube

 

No Franquismo chamábanlle –ou chamábanse a eles mesmos– “presos sociais” a aqueles reos condenados pola normativa moralizante que o réxime empregaba como ferramenta de represión. No pasado queda a ‘Ley de vagos y maleantes’ aprobada polo goberno da Segunda República e que foi continuada –e ampliada– polo Franquismo para penar as manifestacións de afecto homosexual, entre outros.

Os chamados “presos sociais” gañaron o seu papel especial na historia do Estado cando, ao verse excluídos da aministía da Transición, subiron aos tellados dos cárceres en protesta por unhas condenas inxustas. Agora, a produtora barcelonesa Empatik Films está a recoller fondos para desenvolver unha curtametraxe sobre o histórico suceso e que levará por título Pocos, buenos y seguros.

A campaña de financiamento chega á Coruña ampara pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da cidade, que prevé celebrar unha mesa redonda en streaming en que dar a coñecer o proxecto. Segundo apunta a Comisión, a mesa redonda, accesible na súa web, orbitará arredor de dous temas principais: a necesidade de recuperar a memoria da revolta dos presos sociais durante a Transición e a posibilidade de cuestionar o sistema penal contemporáneo mediante este traballo cinematográfico.

Para tal anfueira contarán con Agustín Moreno Carmona e Antoine Nieto Galindo, que participaron no motín no Hospital Penal de Carabanchel de 1977. Á conversa sumarase tamén César Lorenzo Rubio, autor de Cárceles en llamas. El movimiento de presos sociais en la Transición, doutor en Historia pola UB e membro do Grupo de Estudos sobre a Historia da Prisión e as Institucións Punitivas; e Ales Payá, produtor, co-guionista e co-director de Pocos, buenos y seguros. Na mesa tamén participará David Soto, da Directiva da CRMH Da Coruña, profesor de Dereito da UDC e membro do observatorio Esculca. O coloquio estará moderado polo xornalista David Fernández, ex-deputado da CUP.

.