Mais, a que veñen tantas protestas? Que a partida dos orzamentos para pagar sacerdotes dentro dos hospitais é de 721 000 euros? Parécelles moito? Vese que non leron a Xuvenal: “Mens sana in corpore sano”. O seu materialismo lévaas a crer que chega coa saúde do corpo. Non tal, un ben superior é a saúde do espírito. E os únicos capacitados para coidar do espírito nestes tempos turbulentos, de andazos e catástrofes, sen dúbida castigos aos pecadentos humanos, son os sacerdotes.

.

 

O TSXG rexeita que os capeláns dos hospitais se consideren persoal laboral

Hai parlamentari@s que non tomaron isto en consideración. A portavoz de sanidade do BNG, Montserrat Prado, detectou un aumento de máis de 200 000 euros desde 2013, e apelou á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, afirmando que os capeláns non son persoal laboral do Sergas. O propio TSXG cualifica o feito de que o Sergas aboase as nóminas dos capeláns de mera irregularidade formal. Solicita Prado algo tan estrafalario como que se destinen estes recursos á contratación de persoal sanitario: Contratar persoal sanitario! Por descontado, non se pode considerar excesivo un aumento de 200 000 euros en oito anos, tendo en conta o aumento imparábel do custo da vida. En canto á solicitude de Prado que se faga efectivo o principio de laicidade e aconfesionalidade, coméntase por si só. Proclamas anticlericais e vellouqueiras, carentes de respecto polas crenzas do pobo galego. 

Teima en remoer o asunto dos capeláns o portavoz de sanidade do PSdG, Julio Torrado, quen fixo as contas da leiteira ou do Gran Capitán. Segundo el, eses cartos chegarían para contratar 13 médic@s de familia, 24 enfermeir@s, 21 comadroas, ou fisioterapeutas, traballador@s sociais e psicólog@s. Descoñece Torrado os innumerábeis atrancos que dificultan semellantes contratacións. Desde fóra todo semella doado, mais ai a burocracia! Ai a normativa de contratación! Ai os sindicatos! E desde logo o Sergas non paga capeláns, son os bispos, a Igrexa, quen aboa os seus salarios, o Sergas unicamente fornece os cartos. 

Aquí chegamos á cerna da cuestión, o Concordato de 1953, cando aínda vivía o piadoso Caudillo, o Acordo entre o Estado e a Santa Sé de 1976, por fortuna asinado por Suárez e a UCD antes da entrada en vigor da Constitución, e o Acordo sobre Asistencia Relixiosa Católica en centros hospitalarios públicos de 1985. Se tanto interese teñen na contratación de persoal sanitario, demanden a anulación –previa denuncia– do Concordato. Atrévanse.

Nós Diario