O director do Observatori del Sistema Penal i els Drets Humans da Universidade de Barcelona, Iñaki Rivera, examina o que pode significar a equiparación dos funcionarios de prisións aos axentes de policía anunciada hai agora dúas semanas polo ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska.

 

/ HUGO CORNELLES

.

 

Hai dúas semanas coñecíamos, mediante unha noticia publicada na prensa, que o ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska anunciaba unha reforma da lei de corpos e forzas de seguranza do estado español durante a celebracións dunhas xornadas de traballo con directores de establecementos prisionais na cidade de Cuenca. Entre outras cuestións, o máximo responsábel do sistema prisional español anunciaba unha modificación do estatuto dos funcionarios de prisións que suporía a súa equiparación a axentes de policía, así como a creación doutro corpo de funcionarios destinado ao control dos penados en situación de liberdade condicional.

Á espera de coñecermos os pormenores finais desta proposta de reforma, este anuncio suscítanos algunhas reflexións e preocupacións importantes que expomos a seguir, coa finalidade de contribuirmos ao imprescindíbel debate que esta cuestión merece.

Un goberno que acolle as demandas da extrema dereita

En primeiro lugar, chama a atención que o actual goberno español poda ser sensíbel ás reivindicacións que no mesmo sentido expresaron os sectores máis “duros” do penitenciarismo actual no estado español, así como os partidos políticos que lles dan cobertura. Hai tempo que a asociación de traballadores penitenciarios denominada Tu abandono me puede matar esixe a aplicación dunha medida semellante, unha demanda que desde o inicio obtivo o apoio do Partido Popular, Ciudadanos e Vox.

Ante esta frente ideolóxica na maneira de entender o funcionamento dos cárceres, compre preguntarse que acontece agora para que o actual goberno se sume a estas demandas. E, sobretodo, que suporía na práctica unha equiparación dos funcionarios penitenciarios cos axentes da policía.

Ruptura total co estatuto dos funcionarios de prisións

Romper a tradición de manter un funcionarado penitenciario civil supón, en primeiro lugar, o quebrantamento dunha das manifestacións máis importantes da reforma prisional de 1979, estreada na altura coa lei orgánica xeral penitenciaria. Dous meses antes da aprobación daquela lei, en pleno proceso de reforma prisional, xa fora a probado o real decreto 2298/1979, de 20 de xullo, sobre natureza e dereito de asociación dos funcionarios de Institucións Penitenciarias, que establecía no seu primeiro artigo que “os funcionarios pertencentes aos diferentes corpos ao servizo da Administración Penitenciaria terán con carácter xeral a condición de funcionarios civis do Estado español, non sendo considerados como persoal armado”.

 

Os promotores da reforma de 1979 salientaron, frente á tradición franquista dos anos anteriores, o grande salto democrático que representaba a creación dun corpo de carácter civil para xestionar os centros prisionais

 

Os promotores daquela reforma salientaron, frente á tradición franquista dos anos anteriores, o grande salto democrático que representaba a creación dun corpo de carácter civil para xestionar os centros prisionais. Portanto, a creación dunha policía penitenciaria rompería por primeira vez, desde a aprobación daquela reforma, unha tradición xa consolidada.

Asi mesmo, esta “policialización” dos corpos civis de funcionarios penitenciarios, cuxa misión constitucional e legal há de estar orientada por criterios tratamentais e non de réxime nin orde pública, nin tampouco de ningunha noción policial nin securitaria, afástase claramente dunha pretensas finalidades resocializadoras das penas privativas de liberdade.

Os dereitos fundamentais das persoas presas

O réxime penitenciario establece un sistema disciplinar que xa ten gravísimas deficiencias legais na actualidade. Un bo exemplo diso é que a lei penitenciaria de 1979 só regulou as sancións, e deixou para o regulamento a regulación das faltas (en claro menosprezo do principio de legalidade). A esta deficiencia (que levamos décadas denunciando, mais que na  práctica acabou sendo normalizada), pode sumarse agora o gravísimo perigo de que un acto por exemplo de desobediencia dun preso ás ordes de funcionarios de prisións, ou a quen estes imputen un acto de violencia contra eles, poda, alén de ser castigado pola vía administrativa citada, ser perseguido penalmente por un delito de atentado contra axente da autoridade. Este feito traduciríase, por conseguinte, con penas máis graves para a poboación carceraria e un perigo para os dereitos fundamentais dos presos que non cumpran as normas dos centros.

A aprobación da reforma de lei implicaría, portanto, unha arma moi poderosa de goberno da penalidade carceraria. Este feito atentaría directamente contra o principio coñecido como ne bis in idem (a prohibición da dupla punición pola comisión dun mesmo acto). E non é que sexa a primeira vez que este dereito é vulnerado, mais podería agravarse notabelmente caso prosperar a reforma anunciada, supondo unha grave vulneración das garantías individuais das persoas privadas de liberdade.
A afectación ao conxunto do sistema prisional

Alén do que xa foi comentado anteriormente, polo que se refere ao propio sistema prisional, esta reforma afastaría os cárceres de calquera pretensión rehabilitadora, que se abandona pola adopción dun paradigma de orde e seguranza, entendidos ambos nun sentido policial, co argumento explícito, aliás, “de outorgar maior protección penal aos funcionarios de prisións”, segundo explicou o mesmo ministro seguindo a liña do sinalado antes a propósito de Vox, o Partido Popular e a asociación Tu abandono me puede matar.

 

Convén lembrarmos e sermos conscientes do cada vez maior afastamento da reforma penitenciaria de 1979, que no seu momento xa tivo moitos indicadores dunha progresiva deriva cara a policialización do sistema prisional

 

Da nosa perspectiva, o que habería que facer co corpo de funcionarios de prisións é o que veñen sinalando desde hai tempo importantes organismos internacionais. O propio Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa (CPT), entre outros, sinalaron precisamente ao Goberno español e ás súas autoridades a esixendia de enviaren aos corpos de funcionarios encarregados da custodia de detidos a mensaxe “inequívoca” de que non será tolerada a violencia institucional, e a necesidade de formalos no dereito nacional e internacional relativo aos dereitos humanos. Todo o contrario, portanto, do roteiro que acaba de ser anunciado desde o goberno do estado.

Para acabar, e como reflexión final e aberta, convén lembrarmos e sermos conscientes do cada vez maior afastamento da reforma penitenciaria de 1979, que no seu momento xa tivo moitos indicadores dunha progresiva deriva cara a policialización do sistema prisional. Con efecto, un dos seus puntos de viraxe regresivos nesa dirección foi “a saída” do sistema prisional español do ámbito do Ministerio de Xustiza para situar as penitenciarias, os funcionarios e as persoas presas, sob a órbita do Ministerio do Interior (convertendo o Reino de España nunha rara avis do contexto internacional, xa que os sistemas prisionais están controlados polos Ministerios de Xustiza e non de Interior). Levamos anos alertando sobre a necesidade de corrixir esta deriva para evitar unha “policialización” do sistema prisional. Non só non se fixo, senón que parece que agora se aprofunda nesta dirección reximental, punitivista e de carácter policial que, da man das reivindicacións do sectores situados máis á dereita do leque político, pode conducir o sistema prisional cara onde nunca teria de ser orientado se realmente se espera del un fin rehabilitador, tal como indica a propia Constitución.

Directa