.
.
Voluntarias de Uhuru trabajando en la ayuda humanitaria en la frontera de Ucrania.

 

Only white (só brancos), ucranian first (os ucraínos primeiro)”. Son os lemas que escoitaban as persoas árabes, africanas e racializadas en xeral cando se lles impedía subir aos trens e buses que partían para a fronteira de Ucraína na tentativa de fuxir da guerra. Así o relatan os voluntarios de Uhuru, un colectivo anti-racista da cidade de València que estivo durante un mes repartindo axuda humanitaria no país. Eles mesmos aseguran ter sufrido o racismo, ao punto de non poderen se internar demasiado no territorio doutros países pola violencia dos civís e as autoridades contra calquera persoa non branca.

En pouco máis de 15 días conseguiron os fondos necesarios e emprenderon a viaxe. A idea era “rexeitar a idea do salvador branco”. “Queremos deixar de ser vistos como vítimas e comezar a ser as persoas negras quen vai axudar a xente, tamén os brancos, e pór nas cabezas a imaxe contraria”, explica Agusto Juan Epam “Gus”, membro de Uhuru.

Mais non foi así tan fácil. Gus non puido saír do vehículo durante centos de quilómetros cando chegou, xunto con Ana Isabel Martínez, perto da fronteira bielorrusa. “É curioso porque canto máis perto estábamos da fronteira, máis tensa era a situación. No inicio eran olladas pola rúa, despois a xente xa tiraba de móbel para gravar ou chamar as autoridades, porque se había unha persoa negra alí significaba que era un inmigrante e había que denuncialo”, explica. En resumo: “é un territorio perigoso para unha persoa non branca”. Tanto que tiveron que correr en máis dunha ocasión ante grupos de extrema dereita que tentaban agredilos sen mediar palabra.

 

 

Tres fronteiras

O que os voluntarios de Uhuru presenciaron sobre o terreo foi que “as persoas negras son filtradas por tres fronteiras”, conta Epam. “Non sendo que foses home pasíbel de ser recrutado, as persoas ucraínas non tiñan ningún problema para saír. De feito non se lles pedía nada e podían ser persoas brancas doutro país. Mais as persoas negras non podían, aínda que tivesen a nacionalidade, había lugares onde se separaba directamente as persoas non brancas noutra fila”, relata.

Nesas filas, as persoas tiñan que comezar a tramitar pedidos de asilo. “É algo que poden demorar meses en contestar. E esas persoas non poden ficar un mes á intemperie, así que na práctica impídese as persoas escaparen dunha guerra”. Ao final, explica Gus, estas persoas tiñan que camiñar decenas de quilómetros para cruzar a fronteira de forma irregular e baixo temperaturas xélidas. “Así é como terminaron encerradas 9.000 persoas entre as fronteiras da Polonia e Bielorrusia hai un ano”, relata Ana Isabel Martínez.

“Non podes entrar en Ucraína porque corres perigo por ser negro e poden facerche dano tanto as autoridades como os civís. Tampouco podes achegarte á fronteira con Bielorrusia”. Gus non fala dos refuxiados, senón del mesmo e das súas compañeiras negras da caravana. “O mesmo racismo que impide estas persoas cruzaren a fronteira impedíanos a nós ir para axudalas”.

Unha das situacións que puideron ver cos seus ollos foi a de decenas de estudantes de orixe africana varados e sen poderen saír do país. “Eran estudantes de medicina. Todos contaban que levaban moitos días agardando porque as autoridades non os deixaban subir aos medios de evacuación. Algúns acabaron cruzando a fronteira a pé”, relata Ana Isabel.

Como explica Gus, “en España seguimos asociando as persoas negras coa pobreza e o conflito, mais neste caso non era así. Eran estudantes e de clase alta en África. Estudar unha carreira en Kiev pode custar 15.000 euros. Eran mozos moi novos que viviran rodeados de luxos e comodidades, non estaban afeitos a ser discriminados nin a esas humillacións porque non viñeran ao país por necesidade económica. O shock emocional para eles foi moi importante”, conta.

Afinal, foron tantos os intentos de agresión física ás persoas negras da caravana que tiveron que abandonar a zona. Gus lembra que, cando falaron con outras asociacións, estás preguntábanlles directamente “Onde ides vos esconder esta noite? Xa daban por feito que non iamos durmir nun hotel”, lembra Gus. “En cada parada que faciamos as miñas compañeiras brancas tiñan que baixar do coche para ‘ver o ambiente’ e eu tíña que ficar dentro porque xa tentaran agredirme en varios lugares. Así de hostil era o ambiente”, lembra Gus.

Apesar de todos os inconvenientes, en Uhuru consideran que foi un obxectivo cumprido. “Entre outras cousas queriamos ser exemplo para o noso colectivo ao sermos os primeiros en ir. Alegrounos moito ver que despois de nós uns ciganos de Málaga fretaron nove furgonetas e foron alá axudaren a xente romaní que tamén está varada. O feito de que contactasen connosco para dicirnos que ían dar ese paso adiante é bonito”, enfatiza Gus.

EPE