Na pasada sexta-feira comezou un protesto en diferentes centros prisionais do estado español que se estenderá durante os próximos quince días. A acción pretende tornar visíbel o endurecemento das condicións de vida nos cárceres por causa da emerxencia da Covid-19 e a desatención sanitaria. Tamén se quer visibilizar a tabela reivindicativa de catorce puntos que desde hai xa catro anos defende o colectivo de presos e presas en loita.

 

/ SERGI RUGRAND (KRASNYIBCN)

 

Desde que comezou o estado de alarma polo coronavirus no pasado 13 de marzo, morreron dezoito persoas no cárceres do estado -máis outras seis nos cárceres cataláns. Ainda que dúas delas morreron, segundo fontes oficiais, por Covid-19 -unha muller de 78 anos e un home de 61 con doenza previa-, as principais causas de morte na prisións continúan a ser a sobredose e o suicidio. O corte das comunicacións vis-à-vis e através dos locutorios non fixo máis que tensar a situación que se vive nos centros de reclusión nas últimas semanas, con diversas tentativas de motín nalgúns módulos e as consecuentes represalias para as persoas internas que tentaron iniciar calquera tipo de protesto ou crítica nos establecementos prisionais: isolamento ou transferencia a outra cadea, segundo denuncian a mesma poboación reclusa, as familias e as organizacións de dereitos humanos.

Apesar das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) aos gobernos (procurar alternativas á privación de liberdade durante o estado de emerxencia), a única medida que de momento aplicou o Ministerio do Interior español foi facilitar que 2.100 persoas presas -dun total de 58.000-, que xa estaban en réxime de semi-liberdade antes do estado de alarma, puidesem cumprir a pena na casa. De momento, alén das dúas mortes por coronaviruas, xa son máis de 500 as persoas en cuarentena nas prisións do estado- isoladas e sen saíren facer actividades fora do módulo- por presentaren sintomas ou teren estado en contacto con algunha persoa contaxiada.

 

 Xa son máis de 500 as persoas en cuarentena nas prisións do estado- isoladas e sen saíren facer actividades fora do módulo- por presentaren sintomas ou teren estado en contacto con algunha persoa contaxiada.

 

Para tentar visibilizar a desatención sanitaria nas prisións -que teñen no todo apenas 290 médicas e 6 psiquiatras- e pedir que sexan liberadas de inmediato as persoas presas idosas e con doenzas graves, na pasada sexta feira 1º de maio, unha decena de internos comezou unha greve de fame quincenal en diferentes presidios do estado. As participantes na acción de protesto son as mesmas persoas presas en loita activa que desde hai catro anos realizan diferentes accións de protesto dentro dos muros para tornar visíbel unha tabela reivindicativa de catorce puntos que, segundo elas, atentan contra a súa dignidade e os dereitos fundamentais. Embora a última acción de protesto, unha greve aga de fame rotatoria que se prolongou durante case seis meses e en que participaron -por turnos de dez días de xexún- unhas cuarenta persoas en diferentes presidios, ainda teña acabado no final de marzo, un dos participantes enviaba por carta hai unhas semanas unha nova proposta de acción para este primeiro de maio.

Segundo Toni chavero -privado de liberdade no departamento de isolamento da prisión de Estremera e un dos impulsores da proposta de loita-, esta vez a acción de greve de fame ten como obxectivo visibilizar a vulneración dos artigos 208 do Regulamento Penitenciario (RP) e 4, 36 e 39 da Lei Orgánica Xeral Penitenciaria (LOXP), que fan referencia aos dereitos sanitarios das persoas presas: “a seren tratadas como calquera outro cidadán en liberdade, en lugar de estaren isoladas nunha cela ou nun módulo que non conta cos recursos sanitarios ou de dignidade mínimos”, así como visibilizar e denunciar que “todos os presos que mostran desacordo pola desatención sanitaria que sufrimos nos cárceres están sendo castigados, reprimidos e isolados”.

 

O preso Toni Chavero explica que a acción de greve de fame ten como obxectivo visibilizar a vulneración dos dereitos sanitarios, así como denunciar que “todos os presos que están mostrando desacordo pola desatención sanitaria están sendo castigados, reprimidos e isolados”.

 

José Ángel Martins Mendoza, privado de liberdade no módulo de confinamento solitario de Villena, tamén se sumaba á proposta de greve de fame e acrecentaba unha reflexión: “É preciso que despois de pagarmos vinte ou trinta anos, as persoas presas teñamos de morrer por unha mala praxe e a súa falta de escrúpulos? Coa greve de fame queremos esixir que liberen os nosos compañeiros doentes ou con patoloxías previas, así como esixir que se cumpran os catorce puntos da nosa tabela reivindicativa”.

Actualmente, hai uns vinte presos espallados por todo o estado que se declaran en loita activa e participan na proposta, moitos clasificados en primeiro grao e reclusos en departamentos de isolamento. A atraso do correo postal -que demora dúas ou tres semanas en chegar ao interior dos centros- dificulta a coordenación entre as persoas presas e os grupos de apoio ao desenvolvemento do protesto. Algunhas das persoas na lista non puideron pronunciarse ainda sobre a súa participación e, portanto, agora mesmo resulta difícil saber cantas persoas están facendo greve exactamente, alén dos oito internos que xa confirmaron por carta a súa participación.