O Ministerio de Defensa reactivou a adquisición de 348 vehículos de combate 8×8 Dragón. Nun momento de crise social e económica, aposta máis unha vez pola compra duns blindados que, no mellor dos casos, ficarán apañando poeira nos hangares do exército e, no peor, serán utilizados para o control da disidencia interna.

 

Piranha 5 von GDELS mit Elbit-Turm für Rumänien qualifiziert

 

O Ministerio de Defensa decidía hai uns días reactivar o programa VCR 8×8 Dragón para a abastecemento de 348 vehículos de combate blindados para o Exército de Terra cun orzamento de 2.100 millóns de euros. A cargo del estarán as compañías de armamento Santa Bárbara Sistemas, Indra, Sapa e Escribano, esta última incorporada a última hora ao consorcio, quen sabe se como compensación polos seus inestimabeis servizos na fabricación de respiradores durante a emerxencia sanitaria da covid-19.

A xustificación desta mil-millonaria compra está, desde a súa xestación no 2007, en substituír os blindados BMR de que dispón actualmente o exército español dada a súa fraxilidade ante certos ataques con artefactos explosivos, o que custou a vida de varios militares nas guerras do Afganistán e o Iraque. A solución para que isto non volva ocorrer é, no entanto, moito máis sinxela que embarcarse nun programa para adquirir 348 vehículos novos: España non debe participar en caso algún nestas operacións militares, ruinosas en termos morais e económicos, inxustificabeis do punto de vista político e humanitario.

É evidente nesta altura que as aventuras militares en que España participa seguindo o ronsel dos EUA e aliados da OTAN, como son as guerras do Afganistán, o Iraque ou a Libia, non levan paz, estabilidade nin democracia a eses países (tampouco aos nosos), antes o contrario. A contribución que fai España a estas misións, simbólica en termos de efectivos e funcións, responde máis a unha triste tentativa de relacionarse coas grandes potencias occidentais nas súas disputas xeo-estratéxicas que a defender nosos ‘intereses nacionais’ e moito menos aínda a promover e impulsionar dereitos humanos e liberdades. Vistas as progresivas polarización, desestabilización e militarización á que nos levan os liderados temperamentais e cheos de testosterona estilo Trump ou Putin, mellor faría España en se distanciar a tempo desas políticas á beira do abismo que sen dúbida levarán a novas guerras en que non debemos nin queremos estar.

 

É triste recoñecelo, mais talvez o escenario máis probábel en que se podería dar uso a estes blindados sería o da represión interna

 

E, a cereixa no topo do bolo, a achega española a estas operacións militares, apesar de simbólica, cústanos máis de 1.000 millóns de euros ao ano, unha partida a que sen dúbida poderiamos dar mellor uso nos próximos meses e anos atendendo aos sectores máis prexudicados pola crise. Até hai pouco unha grande parte do custo destas misións (até un 70%) era paga a partir do Fondo de Continxencia, un estrataxema bastante turbo que este ano probabelmente non poderán levar a cabo porque unha verdadeira continxencia, a pandemia do covid-19, azoutou o país. Isto suporá inevitabelmente ‘menos horas de voo, menos días de navegación e menos exercicios no campo’, segundo lamentaba un alto mando nun artigo de El País do 14 de maio.

Haberá tamén quen tente xustificar a compra destes blindados na defensa do país frente a unha eventual invasión. Este escenario é, sen dúbida, moito máis remoto que unha pandemia ou un desastre natural (sendo ambas as emerxencias ás que a emerxencia climática contribúe, por certo), ou que ameazas á seguranza máis á orde do día, como o terrorismo, os ciberataques ou o crime organizado. Ningún destes escenarios require a utilización dos blindados VCR. E aínda no caso de o Reino de España continuar tomando parte en guerras no exterior, a maior parte deses 348 blindados pasarán a súa vida útil estacionados en hangares, participando esporadicamente nalgunha manobra ou desfile, como ocorre coa maioría de armamentos do exército español.

É triste recoñecelo, mais talvez o escenario máis probábel en que se podería dar uso a estes blindados sería o da represión interna, unha idea que en calquera democracia minimamente digna debería considerada simplesmente repugnante.

Non necesitamos, portanto, os vehículos de combate 8×8 Dragón. Do mesmo xeito, tampouco nos son úteis nestes momentos os cazas Eurofighter, que alén de ficaren obsoletos antes de terminar o seu programa, valorado en case 13.000 millóns e para o cal o anterior Goberno de Pedro Sánchez aprobou un novo teito de gasto de 906 millóns; nin o submarino S-80, que non aboia, e ao que Sánchez deu un novo teito de gasto de 1.772 millóns; tampouco as fragatas F-110 (cinco unidades por 4.326 millóns pedidas igualmente en 2018) ou os 23 helicópteros Chinook (1.431 millóns máis aprobados polo executivo socialista para completar un pedido anterior).

Estas decisións, tomadas nada máis chegar ao goberno após a moción de censura, foron difíceis de entender no seu momento, mais aínda o son máis agora, cando parece evidente que o que necesitamos son máis sanitarias, mellor protexidas e remuneradas, e máis e mellores hospitais, centros de atención primaria e centros de investigación en saúde, dotados todos eles do persoal, os recursos e o equipamento necesarios para facer frente a emerxencias sanitarias como a da covid-19. A capacidade de sacrificio do persoal sanitario e doutros servizos básicos evitou que a traxedia fose aínda maior, mais non podemos pedirlles que continúen a facer ese esforzo titánico por moito máis tempo, nin tampouco que o fagan outra vez nas mesmas condicións no futuro.

 

Os 2.100 millóns deste Programa Especial de Armamento (PEA) poderían dotar de orzamento máis de 400 hospitais como o Clínico de Barcelona durante dez anos

 

Pablo Iglesias, vice-presidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, parecía ser consciente deste sinsentido cando afirmaba uns días despois da posta en andamento definitiva do programa dos blindados Dragón que ‘non toca gastar en tanques ou avións de combate’. No entanto, o dirixente de Podemos xustificaba a compra dos blindados en que un goberno debe cumprir ‘o que asinou o anterior’.

Isto vén dicirnos que os compromisos do goberno -de que é parte. co complexo militar-industrial son inabalabeis, mesmo cando esa ‘mínima seguranza xurídica’ que Iglesias reivindica vai directamente en detrimento da verdadeira seguranza das persoas, así como dos dereitos sociais e a axenda 2030 que el leva inscritos na súa carteira de ministro.

A ministra de Defensa Margarita Robles respondeu as dúbidas de Iglesias afirmando que ‘hai un certo descoñecemento’ e que ‘moitos falamos de cousas de que non sabemos’. Fai mal en nolo lembrar, porque é sen dúbida o descoñecemento xeneralizado o único que permite ir adiante con este despropósito.

Se, atendendo a todo isto, o Goberno de España decidise que os 2.100 millóns deste Programa Especial de Armamento (PEA) cumpren un mellor papel na sanidade pública, podería dotar de orzamento a máis de 400 hospitais como o Clínico de Barcelona durante dez anos. Se igualmente decidise que con diñeiro público é mellor ter Escribano facendo respiradores e non torretas de metralladoras para estes blindados, con eses 2.100 millóns podería fabricar máis de 290.000 respiradores.

 

Os máis de 13.000 millóns en que están valorados os programas especiais de armamento e que teremos de pagar até 2032 supoñen o orzamento de tres anos do Ministerio de Sanidade

 

Se, tal e como anticipaba na semana pasada Pedro Sánchez no Congreso, o seu goberno preparase unha nova doutrina de Seguranza Nacional e esta puxese no centro as necesidades e intereses das persoas e non os do complexo militar-industrial, sen dúbida procedería a cancelar os PEAs que faltan por executar, especialmente os sete aprobados no seu Consello de Ministros, tomando consciencia de que os máis de 13.000 millóns en que están valorados e que teremos que pagar até 2032 supoñen o orzamento de tres anos do Ministerio de Sanidade.

Se, como sociedade, decidísemos que a forma de facer frente ás emerxencias globais a que nos enfrontamos (pandemias, emerxencia climática, desigualdade, migracións) é con esforzos baseados en coidar e protexer a vida e non en tirala, topariamos con que os máis de 20.050 millóns da despesa militar española e os 1,92 billóns mundiais son un bo lugar para comezar unha transición e unha reconstrución cara a sociedades e economías máis xustas e verdes.

Haberá quen considere estes argumentos demagóxicos, ou talvez idealistas, mais en vista do calado da crise económica e social que se lanza sobre nós e do limitado dos recursos das administracións públicas, o que me parece difícil de defender e pouco realista é este modelo de defensa que non proporciona a seguranza que necesitamos e que beneficia quen non entende un mundo sen guerra. Considero portanto oportuno e necesario facer este tipo de comparativas. No fin de contas, son un cálculo sinxelo do custo de oportunidade que nos supón, en xeral, seguir preparándonos para a guerra en tanto a nosa casa arde en chamas. E do que significa, en particular, gastar 2.100 millóns en blindados cando o que ameaza as nosas vidas neste momento só pode combaterse blindando a sanidade.

QUIQUE SÁNCHEZ

El Salto Diario