Carta aberta dirixida á Comunidade Internacional a propósito dos presos políticos saharauis do grupo de Gdeim Izik, no cadro da inminente revisión do seu caso e ante a crise humanitaria causada pola COVID-19.

 

 

 

Pasaron máis de dez anos desde a detención e encarceramento ilegal dos 25 activistas saharauis do acampamento de protesto pacífico de Gdeim Izik, nos arredores do Aaiún, Sáhara Occidental. O exército ocupante marroquino someteu a control e ataque o acampamento até desmontar violentamente o 8 de novembro de 2010.

Como consecuencia daquelas accións a poboación saharaui foi vítima de graves violacións de dereitos humanos. As forzas de ocupación marroquinas declararon 11 baixas entre as súas fileiras, baixas que a día de hoxe non puideron ser probadas, non existe exame médico forense e non constan os seus certificados de defunción.

Os activistas saharauis, hoxe en prisión por aqueles feitos, foron sometidos a diferentes procedementos xudiciais, inclusivamente militares, en Marruecos. O último terminou co ditado dunha sentenza en xullo de 2017, que reiterou as altas condenas de cárcere que van desde os 20 anos de cárcere até a prisón perpetua. Na actualidade, 19 deles permanecen recluídos en prisións marroquinas distantes entre 500 e 1.200 quilómetros do Aaiún, cidade de onde son a maioría deles e onde viven as súas familias.*1

Hai que lembrar que diferentes instancias internacionais denunciaron a falta de garantías á que foron sometidos os acusados. Entre outros, o Comité contra a Tortura das Nacións Unidas, que despois de avaliar a súa situación emitiu unha decisión en que acusa Marrocos de violar varios artigos da Convención de Nacións Unidas contra a Tortura durante o proceso de interrogatorio dos acusados.

Estes procedementos xudiciais son ilegais ao carecer de competencia Marrocos por referirse a feitos e situacións cometidas fóra do seu territorio, o proceso é unha vulneración flagrante do Dereito Internacional e do consagrado dereito a tutela xudiciaria efectiva.

Na vista no Tribunal Ordinario de Apelación non existiu proba de cargo, as condenas estaban baseadas nun video aéreo en que nin sequer se recoñece os hoxe condenados, nin sequer é posíbel verificar o lugar da grabación, e nas confesións obtidas sob torturas, torturas que denunciaron desde o momento en que tiveron acceso a un avogado, polo que esas declaracións terían de ser declaradas nulas, conforme ao dereito internacional, mesmo conforme ao dereito interno marroquino. Non foron practicadas probas dactiloscópicas, nin exame de ADN, nin tan sequer se informou de onde foron encontrados os procesados, sendo preciso destacar que un deles foi detido no Aaiún o día antes do desmantelamento do acampamento e apesar diso, acusado de feitos acontecidos no día seguinte. Outra suma de razóns para a ilegalidade do proceso.

As autoridades marroquinas, conscientes da ilegalidade do proceso, puxeron empecillos á presenza de observadores internacionais; mesmo deportaron algúns dos observadores internacionais que se deslocaron para acudir ao xulgamento, o que acredita a falta de garantías e obscurantismo que rodeu todo o proceso.

Numerosas resolucións institucionais deploraron esta condena e como exemplo a resolución da XXIV Conferencia dos lntergrupos parlamentares “Paz e liberdade no Sáhara Occidental”; que representa os Parlamentos Autonómicos do Estado Español, dos días 14 e 15 de febreiro de 2020, reunida na sede do Parlamento de Cantabria, en que acordaron “transmitimos o noso afecto e solidariedade aos presos de Gdeim Izik que recibiron inxustas condenas nun proceso ilegal e sen garantías e esiximos a súa inmediata liberación e acompañamos ás súas familias na súa loita pola xustiza e a súa liberdade”. 2

Amnistía Internacional no seu relatorio “2017/2018, A situación dos DDHH no mundo”, inclúe este caso e cualifícao de inxusto.  Refire que “o tribunal civil non investigou debidamente as denuncias de que foran torturados sob custodia nin excluíu como proba información obtida supostamente mediante tortura”. Houbo denuncias de tortura e outros malos tratos baixo custodia policial tanto en Marrocos como no Sáhara Occidental. As autoridades xudiciarias non as investigaron debidamente nin esixiron contas aos responsabeis. As autoridades mantiveron varias persoas detidas en réxime de isolamento durante periodos prolongados, o que constitúe tortura e outros malos tratos?. 3

“No xulgamento a maioría dos acusados declararon ante o tribunal que os torturaran para conseguir que “confesasen”, se autoincriminasen ou incriminasen terceiros. “Se o tribunal realmente quixese proporcionarlles un xulgamento xusto, a estas alturas xa tería realizado unha investigación adecuada das denuncias de tortura ou excluído as probas cuestionabeis nas vistas”, declarou Heba Morayef, directora de Investigación de Amnistía Internacional para o Norte de África.

Human Rights Watch no seu relatorio “Marrocos/Sáhara Occidental Eventos de 2017” referiuse a este procedemento:

“Un novo xulgamento ante un tribunal civil de 24 saharauis acusados de participaren nas mortes de policías durante os confrontos de 2010 concluíu coa súa condena e foron pronunciadas longas sentenzas de prisión, un resultado similar ao do seu primeiro xulgamento perante un tribunal militar. O xulgamento estivo contaminado por aparentes violacións do debido proceso, como a aceptación de testemuños supostamente obtidos baixo coacción sen seren investigadas previa e adecuadamente as denuncias de tortura”. 4

A actual pandemia por Covid 19 aumenta a angustia das familias destes presos, as súas vidas corren grave perigo ao estaren expostos a situacións de vulnerabilidade extrema frente ao contaxio, lembramos que a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, pediu reducir a poboación carceraria se for preciso para baixar os factores de risco. O Goberno marroquino adoptou medidas de liberación, con accións de graza e indulto a máis de 5000 presos, das que non se viron beneficiados os presos políticos saharauis.

O pasado día 4 de novembro, o Tribunal de Casación de Rabat, Marrocos, celebrou unha sesión en relación ao recurso de casación do caso, e ten previsto pronunciar sentenza definitiva sobre o mesmo no próximo 25 de novembro.

Por todo isto,

As entidades e persoas abaixo asinadas Manifiestamos e Solicitamos:

  • Á Súa Maxestade o Rei de Marrocos, D. Mohamed VI, a liberación dos presos saharauis do grupo Gdeim Izik que actualmente están nos cárceres marroquinos, outorgándolles a liberdade no cadro da presente crise humanitaria.
  • Ás Nacións Unidas, na persoa do seu Secretario Xeral António Guterres e da Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet; á Unión Europea, na persoa do alto representante da Unión Europea para a Política Exterior, Josep Borrell; ao Goberno do Reino de España, como potencia administradora do Sáhara Occidental, que fagan seguimiento da situación dos presos políticos saharauis e esixan do Reino de Marrocos a inmediata liberación dos presos saharauis e que inicien as oportunas accións de investigación independente sobre as acusacións de tortura e pola detención ilegal da que foron vítimas.

 

Apoia a campaña