O xornal vasco ‘Egin’ foi un dos primeiros medios de comunicación que tivo de liquidar a súa actividade por orde xudicial. O seu caso estaba incorporado á causa 19/98, un macro-sumario contra todo tipo de organizacións vinculadas coa esquerda independentista vasca -acusadas de colaboraren coa organización armada- instruído polo xuiz da AN, Baltasar Garzón, e que comportou o encerramento (xunto coa emisora radiofónica Egin Irratia) o 15 de xullo do ano 1998.

 

 

“A motivación nuclear para o encerramento de Egin reside na aberta disidencia que o noso xornal expresaba cada día con certa alegría, crendo que estábamos nunha democracia”, explica Jabier Salutregi, que foi director do xornal vasco de esquerdas antes de cumprir sete anos e medio de prisión despois de a Audiencia Nacional (AN) española ter fechado a cabeceira pola súa suposta colaboración con ETA. Salustregi saiu da prisión en outubro de 2015, mais a experiencia reafirmouno nas súas conviccións.

 

Egin é un dos primeiros medios que liquidou a súa actividade por orde xudicial. O seu caso estaba incorporado á causa 19/98, un macro-sumario contra todo tipo de organizacións vinculadas coa esquerda independentista vasca -acusadas de colaboraren coa organización armada- instruído polo xuiz da AN, Baltasar Garzón, no ano 1998.

 

En xullo daquel ano, unha operación policial con máis de 300 efectivos -dirixida por Garzón e avalada polo goberno de José María Aznar- revistaba as sedes do xornal en diferentes cidades vascas e inutilizaba a impresora. “Na Audiencia Nacional, polo caso 18/98 foron xulgadas 52 persoas, e 47 foron condenadas. De Egin éramos dez: o director, oito conselleiros e mais eu, a subdirectora”, explica Teresa Toda á Directa. Foi condenada a seis anos de cárcere despois dunha rebaixa aplicado polo Tribunal Supremo español. Cumpriu a pena e recuperou a liberdade en novembro de 2013.

“Condenáronos por facermos o traballo xornalístico, con ‘probas’ totalmente contaminadas pola política e os intereses policiais. Había intereses de Estado para facer unha guerra sucia xudicial contra o espazo político da esquerda abertzale, nuns anos carregados de violencias diversas en Euskal Herria”, explica a que fora subdirectora.

Nestes casos víronse afectados xornalistas como Martxelo Otamendi, que denunciaron torturas

Na mesma liña fala Jabier Salutregi: “Os quioscos de Euskal Herría, cando Egin estaba nas estantes, eran un grito diario de liberdade nacional [vasca], -e iso para un goberno autoritario e con clara tendencia a afastarse do sistema democrático cada vez que alguén lle levaba a contraria, é perigoso”. Un dos pontos fortes para o condenar foi unha reunión que Salutregi mantivera con membros da dirección de ETA e que tería servido para o nomear director do xornal. “Durante o xulgamento demostrei que aquela ‘reunión’ era, en realidade, un encontro para a elaboración dunha longa entrevista que posteriormente foi publicada no xornal. Non conseguiron demostrar o contrario”.

‘Ardi Beltza’, ‘Kale Gorria’ e ‘Egunkaria’

Egin sería o primeiro medio encerrado no País Vasco por orde xudicial, mais virían outros. As revistas de investigación Ardi Beltza e Kale Gorria, o xornal Egunkaria, as páxinas web de información anti-represiva Apurtu e Ateak Ireki… Nestes procesos víronse afectados xornalistas como Martxelo Otamendi -que denunciou ter sufrido torturas durante a detención e a quen o Tribunal dos Dereitos Humanos de Estrasburgo deu a razón condenando o Estado español, ou Pepe Rei, que xa fora detido no ano 1994 cando traballaba en Egin e que foi preso máis unha vez nos anos 1999 e 2001 como suposto ‘colaborador do aparato de investigación de ETA’.

Tanto Salutregi como Toda consideran que foron presas por motivacións políticas. A subdirectora pensa que é “unha presa política, sen ningún tipo de dúbida”. O ex director de Egin exprésao así: “Non roubei, non matei, non colaborei, non xustifiquei, non apoiei. A miña actuación foi expresar unha opinión diferente, contraria ao poder, xustificada, racional e profesionalmente argumentada. E fun preso, xulgado e encarcerado durante sete anos e medio polo delito de informar, de opinar, de expresar e de defender ideas e conviccións”.

O Tribunal Supremo deixou sen efecto a clausura de Egin, mais a empresa editora xa falira

Once anos despois do encerramento de Egin, no ano 2009, o Tribunal Supremo español fixo pública a súa sentenza despois de resolver o recurso presentado contra a condena da AN no proceso 18/98. No texto, sinalábase que deixaba sen efecto a declaración de ilicitude de actividades e a disolución das empresas editoras de Egin. O medio, no entanto, non podería voltar a abrir: as actuación xudiciais levárano á falencia económica.

Mesmo sí, Salutregi e Toda téñeno claro: non modificarían ningunha das accións que os conduciron ao cárcere. Toda non tomaría “decisións diferentes” das que tomou. “Egin era a materialización cuotidiana dun dereito básico: a liberdade de expresión e opinión. E ainda acrecentaría outro: o dereito da xente a ter información completa do que pasa na súa casa e no mundo”. “Non dubido que tornaría a facer o que fixen. Non fixen nada malo, só vivin con e para as miñas conviccións”, conclúe Salutregi.

MATIES LORENTE