Nova viraxe no «caso Bateragune» cando acaban de completarse doce anos das detencións e cando as penas están xa cumpridas. O Constitucional admitiu a trámite o recurso das persoas xa castigadas e valorará se detén o novo xulgamento ordenado polo Supremo nunha resolución realmente inusitada.

 

Iruin, junto con los cinco condenados del caso, al anunciar el recurso en diciembre de 2020. (Jon URBE | FOKU)Iruin, xunto coas cinco persoas condenadas do caso, ao anunciar o recurso en decembro de 2020. (Jon URBE | FOKU)

 

Ramón Sola

Segundo comunicou nesta sexta feira, o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso das persoas condenadas polo «caso Bateragune», ás que o Tribunal Supremo ordenou xulgar novamente despois de coñecer a sentenza do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos que anulara, por inxusto, o xulgamento de 2011.. Esta resolución supón un golpe, aínda que non definitivo, a tan insólita decisión, que ataca, alén das persoas condenadas, o propio tribunal de Estrasburgo.

O TC considérao cuestión de «especial transcendencia constitucional», dado que é sabido que non hai precedente algún desta situación, en que se pretende voltar a sentalas no banco apesar da anulación de Estrasburgo e coas condenas de cárcere xa cumpridas na súa totalidade.

O TC abre tamén unha peza separada para valorar se paralisa o novo xulgamento previsto na Audiencia Nacional, que aínda non tiña data. É o que reclamou a defensa.

A resolución da Constitucional cita que os recorrentes alegaron que a repetición de xulgamento ordenada polo Supremo após a anulación europea vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva, xa que supón un «duplo procesamento» e máis ainda «nun suposto en que as penas no seu día impostas aos demandantes (prisión e inhabilitación especial) xa foron cumpridas». Compre lembrar que Miren Zabaleta, Arkaitz Rodríguez, Sonia Jacinto, Rafa Díez e Arnaldo Otegi purgaron até o último día as penas de cárcere decretadas, de seis e seis anos e medio.

O Pleno do máximo tribunal español entende que o asunto ten «especial transcendencia constitucional», xa que «coloca un problema ou afecta a unha faceta dun dereito fundamental sobre o que non hai doutrina constitucional».

Sen precedente e sen lóxica

Os motivos polos que a defensa apelaba ao Constitucional foron desenvolvidos cumpridamente polo avogado Iñigo Iruin nunha comparecencia en decembro de 2020.

Despois de coñecer a resolución do Supremo, nunha conferencia de prensa xunto coas cinco persoas castigadas sinalou primeiro «unha obviedade, porque en tempos de confusión hai que comezar por cousas básicas: as sentenzas de Estrasburgo son de obrigado cumprimento, vinculantes».

O que está en cuestión neste caso, proseguiu, é como se aplican esas sentenzas e, neste caso concreto, a declaración do xulgamento de 2011 como inxusto feita por Estrasburgo no final de 2018. E aquí lembrou os catro motivos básicos que levaron a defensa a este debate reaberto no Supremo e que foron desatendidos, entre eles o decretado polo propio Tribunal Europeo na sentenza: que só podería haber un novo xulgamento a solicitude dos condenados.

En paralelo, Iruin lembrou que a única fórmula de aplicación da sentenza europea era o recurso de revisión do Supremo, que xa fora resolvido coa anulación do xulgamento, e iso alén do mais sen que a fiscal que agora reclamou outra vista oral o propuxese nese momento: «Non cabía voltar sobre o tema», resaltou Iruin.

Engadiu o letrado vasco, como terceiro motivo, que «non existe norma na legalidade española para un novo xulgamento. E non o digo eu, dío o Tribunal Supremo nunha sentenza de 2017 que está asinada por Manuel Marchena» (xusto o presidente da Sala Segunda que propiciou esta repetición, coñecido pola súa actuación frente ao «procés» catalán).

O cuarto argumento da defensa ante o Supremo foi que «a celebración dun novo xulgamento vulnera a prohibición do non bis in idem [non xulgar dúas veces alguén por un mesmo asunto]». Algo que tamén está asumido polo Alto Tribunal na súa xurisprudencia, lembrou Iruin. E que agora se reforza con esta admisión a trámite como asunto de «especial transcendencia».

Naiz