Os avogados dos líderes independentistas espiados co sistema Pegasus reclamarán ao xuíz que investigue diferentes axencias gobernamentais por estes seguimentos, non só o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), sobre o cal se proxectaron até agora as responsabilidades, senón tamén a Garda Civil e o Corpo Nacional de Policía (CNP). O avogado Benet Salellas, responsábel da acusación dos afectados de Òmnium e a CUP, concretou durante un acto organizado na Universidade de Barcelona (UB) que presentarán as querelas ante o xulgado de instrución 32 de Barcelona, que é o que mantén aberta unha investigación pola espionaxe ao ex presidente do Parlament Roger Torrent e o deputado republicano Ernest Maragall.

 

.CatalanGate en la UB Gonzalo Boyé Benet Salelles, Andreu Van der Eynde, Antonio Abat y Ninet - Foto: Sergi Alcàzar                         Fotografia: Sergi Alcázar

.

Marta Lasalas / Mayte Piulachs

 

Salellas subliñou que todos os indicios demostran a colaboración destas axencias coa espionaxe. Lembrou que algún SMS tiñan información da cal só dispoñen as axencias españolas e que o CNI admitiu que dispón do programa Pegasus. “Hai un deber de investigación por parte das autoridades españolas”, advertiu. A empresa israelita responsábel do software espía, NSO, ten unha delegación en Luxemburgo, o cal, en opinión do avogado, ten que servir para facilitar a colaboración entre a xustiza española e a europea. De feito, hai ano e medio que o xuíz de Barcelona que investiga o caso espera unha resposta de Israel sobre NSO.

Polo que respecta á imputación como persoa xurídica contra NSO -alén de que poda demostrarse que hai implicadas persoas físicas-, lembrou que en California esta empresa argumentou que antes de vender o produto fai un estudo sobre o goberno que o ten que comprar, e tamén un control posterior do seu uso correcto, que pode levar a revogar autorizacións. “Pediremos imputar a NSO ou ben unha falta de dilixencia debida, ou ben falta de control e vixilancia”, concretou. Igualmente, advertiu sobre a “colaboración necesaria” da empresa, dado que os datos transitan por un servidor de NSO antes de chegaren ao goberno.

.Salellas expuxo diferentes argumentos da acusación. En opinión do avogado, que lembra que Pegasus está deseñado para loitar contra terrorismo e o crime organizado, é imposíbel relacionar, dunha perspectiva lóxica e homologábel con criterios internacionais, a actividade do Tsunami Democrático con violencia. Así mesmo, lembrou que o xuíz Baltasar Garzón foi condenado por escoitar os avogados da trama Gürtel, prácticas que se atribuíron a réximes totalitarios, co cal o mesmo Tribunal Supremo deixou claro que determinadas actuacións xudiciais poden ser susceptibeis de ser consideradas delito. “O debate non é se hai autorización xudicial, senón se hai xustificación”, rematou argumentando que é imposíbel explicar a espionaxe a políticos e avogados dentro do Estado de dereito.

 

Catalan Gate en la UB, Xavier Antich, Elisenda Paluzie, asistentes, ambiente - Foto: Sergi Alcàzar                                   Imaxe do acto – Fotografia Sergi Alcázar

 

O delito de Robles

As palabras da ministra de Defensa, Margarita Carballos, xustificando a espionaxe masiva contra o independentismo convertéronse nunha das chaves do acto. De feito, segundo o avogado de Carles Puigdemont, Gonzalo Boye, terán consecuencias xurídicas fora do Estado español. “Máis dun xuíz pensará que iso é delito, por unha sinxela razón, porque o é. É un delito de manual, que dá pouca marxe á interpretación. A gravidade dos feitos é importante”, advertiu ao avogado.

Boye foi un dos avogados afectados pola espionaxe, do mesmo xeito que Andreu Van den Eynde, avogado de Junqueras e dos dirixentes republicanos, o cal destacou que teñen unha inmunidade como defensores que foi violentada polos autores desta espionaxe e agora mesmo só se pode pensar que a ministra asumiu a responsabilidade. “Somos profesionais, estamos amparados por dereito, e a vulneración deste privilexio é moi difícil que poida ser explicada”, subliñou.

O avogado de Junqueras explicou o funcionamento de Pegasus, como ciber arma de espionaxe masiva, que realiza unha monitorización total das aplicacións do móbel, e pode actuar sobre o dispositivo “plantando probas”, facendo chamadas en nome da persoa infectada ou enviando mensaxes. NSO proporcionaría aos seus clientes, neste caso o CNI, un servidor que estaría á súa disposición para utilizar a información que desexen.

Actuación contra Pegasus

O avogado detallou as tres patas da actuación que levarán a cabo para denunciar Pegasus: explicou que o obxectivo é traballar para presionar tecnicamente que se investigue -neste sentido, lembrou que xa hai unha “boa investigación técnica” de Citizen Lab que demostra que se espiou-; hai tamén unha parte xurídica, e reclama unha parte política para que os órgaos responsabeis non poidan “escapar”. O avogado considera que xa houbo “un punto de inflexión” neste tema, porque acaba de comezar unha investigación no Parlamento Europeo, e os EUA puxeron na lista negra a NSO.

Neste punto, Boye subliñou o feito de numerosos xornalistas teren sido tamén espiados através dos contactos que mantiveron por teléfono cos infectados. “A espionaxe por definición é ilegal. Aquí houbo espionaxe, non investigación de feitos delituosos,” advertiu.

Explica a represión

Salellas reclamou que o CatalanGate, en que foron atacados cidadáns, políticos e xornalistas, ten que servir para “tentar dar a volta” á defensa internacional da represión contra o independentismo e denunciar a “situación de vulneracións do Estado de dereito que se produce no Estado español”. “O CatalanGate dános a oportunidade de explicar fora cal é a diana e o obxectivo do Estado español. Perimetra moi ben cal é o obxectivo do Estado español. Non son só políticos, non é só a sociedade civil, senón tamén avogados, enxeñeiros… O único en común é a vontade de participar, colaborar na defensa do movemento independentista. Talvez nos dá unha oportunidade de definir a represión nesta causa xeral contra o independentismo”, insistindo na intervención das axencias estatais para “debuxar fora o drama xurídico”

Boye destacou que do mesmo xeito que o Watergate foi un ataque directo á democracia nos Estados Unidos, o CatalanGate “é o símbolo máis claro de ataque á democracia e vulnerando os dereitos dos cataláns”. Advertiu que cando a ministra dá por feito que ante o independentismo era necesario cometer delitos, a resposta “é perversa e perigosa”, e perguntou a Robles: “onde puxo os límites dos delitos que estaban dispostos á cometer?”.

Antoni Abat, avogado dos espiados da ANC, reprochou a persecución ideolóxica contra o independentismo, ao que se vulneraron dereitos fundamentais esenciais.

Ao acto asistiron o presidente de Òmnium, Xavier Antich, e a presidente da Assemblea, Elisenda Paluzie, así como algúns dos dirixentes políticos afectados pola espionaxe, como a eurodeputada e esposa de Raül Romeva, Diana Riba.