As imaxes da violencia policial o día do referendo do 1 de outubro deron a volta ao mundo. Tamén chegaron a Madrid, onde centenares de persoas saíron a manifestarse na mesma tarde do 1-O en solidariedade cos cataláns que sufrían a represión da policía española. Despois de encheren a emblemática Puerta del Sol con esteladas e bandeiras españolas republicanas, apareceu un grupo de ultras que tentaron destruír o protesto. Aquel día non foi detida ningunha persoa. No entanto, meses despois, seis das que se manifestaron en apoio ao independentismo catalán foron presas na súa casa, acusadas de delitos de lesións e desorde pública con agravante de odio. Agora, tal como informa El Punt Avui, máis de catro anos despois da celebración do referendo, terán que pagar o prezo de solidarizarse con Catalunya: 3 anos e 8 meses de cárcere.
Así o decidiu un xulgado da capital española, que na súa sentenza condena dous manifestantes: un por delito de lesións e outro de lesións leves, en concurso cun delito contra os dereitos fundamentais. Tamén son condenados a indemnizaren dous dos ultras que irromperon na manifestación pacífica en apoio ao referendo. Os extremistas foron a acusación do xulgamento e contaban co mesmo avogado que defende un dos atacantes de Blanquerna. O resto, catro manifestantes, foron absolvidos. Os dous condenados xa anunciaron que presentarán un recurso contra a sentenza, xa que están en desacordo cos feitos que se declararon probados durante o xulgamento e coa condena.
En abril do 2019 coñecíase que este seis xovens madrileños enfrentaban até cinco anos e medio de prisión por participaren nesta concentración. Por outra parte, o xulgado impúxolles unha fianza de 17.000 euros para cada un, que non podían asumir, segundo eles mesmos recoñeceron. Os partidos e entidades independentistas quixeron expresarlles o seu apoio despois de coñecerse a noticia, como eles fixeron co pobo catalán o 1-O.
Segundo explicaron na altura os mozos nun comunicado, durante a manifestación producíronse toda unha serie de identificacións “aleatorias e inxustificadas a participantes” e mesmo tamén a persoas que pasaban pola zona. Os agora condenados narraban que aquela era unha manifestación tranquila até os ultras tentaren acceder á praza con bandeiras e provocar os manifestantes. Contodo, a policía non interveu e os encapuzados seguiron tentando crispar os manifestantes até constataren que eran moitos menos. Aquel día, na Puerta del Sol reuníronse unhas 8.000 persoas.
Antes do referendo, xa se convocaran manifestacións en todo o Estado para dar apoio aos cataláns o 1-O. En Madrid mesmo se creou o grupo “Madrileños polo dereito a decidir” semanas antes da consulta de autodeterminación. Este colectivo organizou un acto a finais de setembro do 2017 que non celebrarse no Concello da capital, mais si nun teatro de Lavapiés.