Os catro mozos xulgados na Audiencia Nacional española por “desordes públicas terroristas” no decurso dos incidentes acontecidos en Alde Zaharra de Iruñea na manifestación convocada no 11 de marzo de 2017, sob o lema “Errepresioari autodefentsa”, negaron a súa participación nos mesmos. A procuradoría pede anos de cárcere. Nos incidentes a policía utilizou bolas de goma para “protexer os  viandantes”.

 

Iruin-gazteak                            O avogado Iñigo Iruin xunto con tres dos acusados

Tres deles precisaron que foran desde Errenteria para participar na concentración nun autobús alugado para iso «porque saía máis barato» e que recibiron o alto da Garda Civil antes de entraren en Iruñea. Un dos mozos explicou que os axentes os identificaron e deixaron continuar sabendo que ían participar na marcha, por iso non sospeitaron que non estaba comunicada ás autoridades.

O cuarto acusado explicou que acudiu en coche porque combinara un encontro cunha amiga en Iruñea ás sete da tarde e que cando estacionou o vehículo viu a manifestación e decidiu unirse porque restaba tempo antes da cita. A moza declarou como testemuña e, a preguntas do fiscal, corroborou a súa versión ao indicar que dada a zona en que o acusado deixou o coche estaba obrigado a pasar por aí.

Explicaron ante o tribunal, presidido pola maxistrada María José Rodríguez Duplá, que non participaron nos disturbios e que tampouco gardan ningún tipo de relación coas persoas que convocaron a manifestación e que na mesma non se proferiron berros a favor de ETA.

Engadiron que cando se produciron os incidentes fuxiron de Alde Zaharra para refuxiarse e que os tres que chegaron en autobús foron abordados por policías á paisana, que despois de preguntarlles a hora, botáronse sobre eles para arrestalos na praza en que acordaran encontrarse para regresar a casa, “posteriormente foron encarcerados e estiveron oito meses en prisión”.

O interrogatorio aos acusados seguiu á exposición de cuestións previas en que a defensa pediu ao tribunal que os seus clientes declarasen despois das testemuñais para evitar que todo o xuízo gravitase en relación aos seus testemuños. O tribunal, de acordo co criterio da Procuradoría, denegou a solicitude e decidiu non alterar a orde de probas porque considera que os seus dereitos xa están garantidos.

Bolas de goma para «protexer os viandantes»

Un do policías que participaron na investigación destes feitos asegurou que o día dos disturbios, que describiu como «unha choiva de pedras tremenda», as rúas de Alde Zaharra estaban ateigadas porque ía bo tempo e había moitas familias con crianzas paseando. Outro dos policías que testemuñou chegou a dicir que «dada a virulencia» do ataque tiveron que utilizar bolas de goma «para protexer os viandantes».

Un policía menciona as siglas ATA

Un dos policías que declararon como testemuñas mencionou as siglas ATA como aglutinador de «a disidencia» de ETA, apesar de que nin no atestado nin na instrución se menciona este grupo. A existencia dun grupo organizado é imprescindíbel para a cualificación de acto «terrorista».

Aministiaren Aldeko eta Errepresioaren Aurkako Mugimendua fixo pública hoxe unha nota en que sinala que «a actuación política dos nosos militantes é pública e entre os impulsores desa actividade non están estes mozos». Xunto a iso, negou que a de Iruñea fose unha manifestación do seu movemento, senón que era un máis dos colectivos que organizaban a mobilización.

Visto para sentenza na cuarta feira

O xuízo ficará visto para sentenza na cuarta-feira cos informes das defensas e do procurador, José Perals -o mesmo do xuízo aos mozos de Altsasu-, que sostén no seu escrito que o catro xovens acudiron á convocatoria daquel 11 de marzo para realizaren «ataques perfectamente organizados”.

Fonte: Naiz