Un dos policías franquistas acusados nas querelas é o ex comisario Villarejo, que tería participado nas torturas de Julio Pacheco Yepes na Dirección Xeral de Seguranza situada na Puerta del Sol (Madrid) en 1975.

 

Crímenes del franquismo | Cuatro querellas por torturas probarán si la Ley de Memoria Democrática pone fin a la impunidad del franquismo - El Salto - Edición General

 

 

Cando Concepción Edo Gil foi detida e torturada pola policía tiña 19 anos. A mesma idade que tiña Julio Pacheco Yepes cando o detiveron e torturaron na Dirección Xeral da Seguranza Pública, no edificio da Puerta del Sol que hoxe ocupa a sede da Comunidade de Madrid, membros da Brigada Político Social, entre eles José Manuel Villarejo. Vicent Alminyana era mesmo máis novo, 18 anos e un par de semanas de idade, cando foi detido xunto con outros mozos do seu bairro e torturado no Cuartel da Garda Civil de Patraix, en Valencia. Xosé Ramón ‘Moncho’ Reboiras, coñecido como ‘Moncho’, era algúns anos máis vello, fixera 25 anos cando foi asasinado por axentes da policía franquista en Ferrol.

Os catro casos ocorreron entre 1972 e 1975, e agora, case 50 anos despois, presentaron eles, ou as súas familias, querelas por crimes do franquismo co apoio da Coordenadora estatal de apoio á Querela Arxentina contra crimes do franquismo (Ceaqua). Son, xunto coa querela presentada en novembro do pasado ano polas torturas que sufriu Carlos Vallejo en Via Laietana, as primeiras querelas por crimes franquistas que chegaron aos xulgados despois da aprobación da Lei de Memoria Democrática, presentada durante a súa aprobación como a norma coa que se puña fin ao muro de impunidade dos crimes do franquismo. Imos ver se isto se cumpre”, comenta Jacinto Lara, avogado de Ceaqua.

O caso de Concepción Edo Gil

“Detivéronme sendo apenas unha nena, con 19 anos. Era xuño de 1973, días de solidariedade cos traballadores de Motor Ibérica, a xente estaba activamente na rúa, houbo moitas detencións, no meu sumario éramos dez xovens”, lembra Concepción Edo Gil na presentación das querelas ante os medios de comunicación na sede de CC OO en Madrid. “Grupos de traballadores avisábannos por onde ía a policía, lembro que subín as escadas do edificio de telefónica. recordo como saían as empregadas á rúa, era a nosa rúa, sentíame libre”, engade.

Concepción, como o resto de compañeiros detidos, foi acusada de pertencer á frente Revolucionaria Antifascista e Patriota (FRAP) e de espallar propaganda ilegal. Detivérona na súa casa, e entón comezou o martirio.

 

“Insultáronme chamándome ‘raposa’, ‘porca’, ‘puta’; entre varios policías leváronme como se fose unha pelota de lado a lado, mallaban por toda a parte mais asañáronse co ventre porque lles pedín que, por favor, non me batesen aí”, relata Concepción Edo Gil

 

“Insultáronme chamándome ‘raposa’, ‘porca’, ‘puta’; entre varios policías leváronme como se fose unha pelota de lado a lado, mallaban por toda a parte mais asañáronse co ventre porque lles pedín que, por favor, non me batesen aí”, relata Concepción, que tivo que ser hospitalizada durante 20 días nun hospital de Donosti, despois de ser levada á prisión de Martutene desde Iruña. Como consecuencia da tortura, sufriu deslocamento da vexiga e o útero.

Puxéronlle unha pistola nas tempas para tentar que se declarase partícipe de feitos en que non estivera presente. E ás pancadas e ameazas sumáronse as vexacións sexuais. “Dixéronme ‘agora vas despirte e tes que mostarnos os mamilos porque os imos acariciar’”; xa só ter que despirme foi denigrante”, lembra.

O seu avogado pediu que a deixasen en liberdade provisoria polo seu estado de saúde, mais decidiron transferila ao cárcere de mulleres de Yeserías, en Madrid, até se celebrar o xulgamento no Tribunal de Orde Pública (TOP) en decembro de 1974. Saíu do cárcere un mes despois, mais as secuelas dos golpes sufriunas até agora.

A querela presentada por Concepción Edo Gil sinala varios axentes da Policía Nacional de Iruña, entre os que están identificados José Blanco Martín e José Bernardo Barba Martín. “É importante e necesario que se investiguen as torturas, hai moita xente que non sabe que por estar nun sindicato podían deterte e torturarte”, reclama Concepción.

Julio Pacheco Yepes, 7 días na DGS de Puerta del Sol torturado por Villarejo

“Detivéronme no 24 de agosto de 1975 no edificio onde vivía en Lavapiés, naquel momento tiña 19 anos, estudaba 2.º de Biolóxicas e militaba no Partido Comunista e tamén fun membro do FRAP”, lembra Julio Pacheco Yepes.

A detención de Yepes tivo lugar pouco despois do atentado contra o tenente da Garda Civil Antonio Pose. “Detivéronme no meu domicilio, leváronme á DGS onde estiven durante sete días de torturas continuas para que me autoinculpase como autor do atentado”, explica Yepes.

Durante os primeiros días, nin sequera lle fixeron ficha policial. “A policía dicíame que estaba en paradeiro descoñecido e que podían facer o que quixesen comigo”, engade Yepes.

 

Entre os axentes da Brigada Político Social que participaron nas torturas, Yepes identifica José Manuel Villarejo

 

Entre os axentes da Brigada Político Social que participaron nas torturas, Yepes identifica José Manuel Villarejo, José María González Reglero, José María González Reglero, Álvaro Valdemoro e José Luis Montero Muñoz.

Vicent Alminyana

“O meu pai é detido en 1972 xunto con outros mozos do seu bairro, acusados de pertenceren ás Mocidades Marxistas Leninistas”, explica Ausìas Alminyana, fillo de Vicent Alminyana, xa falecido. No seu caso, Ausías explica que a detención derivou de que o pai dunha das mozas denunciou a filla e todos os seus compañeiros, todos con idades comprendidas entre os 15 e os 19 anos.

A Garda Civil tentou incriminalos en diversas accións, manifestacións e pintadas ao redor do 1 de maio de 1972. Detivéronos no cuartel de Patraix, en Valencia, onde foron torturados. Na súa declaración perante o xulgado, Vicent declarou ter sufrido presións psicolóxicas que o levaron a asinar unha declaración pola que foi condenado a un ano de cárcere polo TOP, despois de pasar catro meses na cárcere Modelo de Valencia.

 

“Sei que algo pasou porque sufriu claustrofobia toda a vida”, sinala Ausìas Alminyana, fillo de Vicent Alminyana

 

“Sei que algo pasou porque sufriu claustrofobia toda a vida”, sinala o fillo. Entre os axentes da Garda Civil denunciados polas torturas que sufriu Vicent está identificado o axente Juan Cebrián Oroquieta, que xa foi denunciado en dúas querelas anteriores tamén por torturas.

Xosé ‘Moncho’ Reboiras, asasinado

Xosé Ramón ‘Moncho’ Reboiras morreu por tres tiros nas costas. Na altura era coñecido como dirixente de Unión do Povo Galego (UPG), e contribuíu á organización do sindicalismo nacionalista no territorio. En 1974 pasou á clandestinidade, mais no ano seguinte deron con el e matárono.

Os feitos que hoxe denuncia o irmán, Manuel Reboiras Noia, tiveron lugar entre o 11 e 12 de agosto de 1975. Na altura Moncho tiña 25 anos de idade e estaba en Ferrol, nun apartamento na rúa Concepción Arenal xunto con compañeiros de militanza. Alí o encontra a Policía, e el foxe polo tellado, mais tres dos “tiros ao aire” disparados pola policía alcánzano nas costas. Ferido de morte, refúxiase no número 27 da rúa Terra, onde xaz sangrando até a morte.

Máis de 80 querelas arquivadas por que presentar máis?

Estas catro querelas continúan unha serie de accións xudiciais que até agora non supuxo a abertura de investigación por parte dos xulgados españois. En Ceaqua cifran en máis de 80 as querelas presentadas, sen contar as catro interpostas agora e a de novembro polas torturas en Vía Laietana. E esas 80 querelas terminaron en arquivamento. “Durante máis de 40 anos de Estado democrático, o Estado español continúa recusando investigar e xulgar estes crimes de dereito internacional”, lamenta Jacinto Lara. “Compre preguntarse por que ante un marco deste tipo, en que todas as querelas foron inadmitidas a trámite, por que se presentan máis”, continúa.

Lara explica que, frente á situación anterior, que supuxo o arquivamento dunha querela após outra, hoxe hai tres elementos que poden supor unha mudanza.

O primeiro deles, segundo explica o avogado de Ceaqua, é o “conxunto de pronunciamentos constantes e sistemáticos da ONU en que censura severamente a política de impunidade do Estado español”.

O segundo, son os tres votos particulares que tivo a resolución do Tribunal Constitucional, en 2021,sobre o arquivamento da investigación das torturas sufridas por Gerardo Iglesias. “O máis desenvolvido foi o da maxistrada María Luisa Balaguer, que puña cima da mesa a necesidade de o ordenamento xurídico ser interpretado conforme ao dereito internacional de dereitos humanos”, lembra Lara. “Foi a única vez no que o Tribunal Constitucional se rompeu, iso tería que levar unha transcendencia xurídica canto á admisión a trámite destas querelas”, engade

O terceiro elemento é a Lei de Memoria Democrática que entrou en vigor en novembro de 2022. “A recente Lei de Memoria Democrática incorpora no seu artigo 2 o que é unha obviedad: a obrigación de interpretar conforme a lexislación internacional de Lei de Amnistía”, explica Daniel Canales, de Amnistía Internacional.

“Esperamos que estas querelas supoñan unha oportunidade para que as autoridades xudiciais practiquen isto e dean unha resposta acorde ás vítimas que por fin difira das de décadas anteriores, que só sinalaban que estes crimes prescribiran e estarían suxeitos á Lei de Amnistía de 1977”, conclúe Canales.

El Salto Diario