Os xornais de Madrid poden abrir hoxe as primeiras páxinas coa imaxe dun garda civil rescatando un bebé no mar en Ceuta. Mais a realidade sobre o terreo parece ser outra. Antes de atender a El Nacional, Irina Samy atendeu uns mozos migrantes. Esta moza catalá, que traballa para a asociación No Name Kitchen, e as súas compañeiras “souberon de mozos que recibiron malleiras por parte da policía”. A ONG dedícase precisamente ao acompañamento xurídico de persoas migradas, mais esta semana, alén do seu traballo habitual, vense obrigadas a denunciar a violencia institucional. Que xa existía, mais que a chegada de 8.000 persoas expuxo en toda a súa magnitude. Unha vulneración sistemática de dereitos humanos. Tiveron que levar un mozo que as chamou ao hospital.

 

Llegan 8.000 migrantes a España; tensión con Marruecos

 

As organizacións non gobernamentais denuncian “moitísima tensión, moitísima violencia e moitísimo rexeitamento” durante os últimos días en Ceuta. En primeiro lugar, apunta Irina Samy, por como os gobernos español e marroquino “están a xogar coas vidas de persoas, cos seus proxectos vitais”. Mais tamén polo trato dispensado pola policía aos migrantes, violencia verbal e tamén física. E tamén contra menores, a quen inflixiron un trato degradante. Baten neles, ameázanos, arrástranos, non os deixan saír da auga (co risco de hipotermia que comporta). Pon o exemplo dun grupo de mozos subsaharianos que expulsaron onte. “Obrigábanos a ir en fila coa man no ombro do que ía diante, e se se despistaban, empurrábanos co escudo anti-disturbios, ameazábanos con porras”, denuncia a voluntaria, que asegura teren gravada a escena.

 

 

Por iso estes mozos dormen e malviven en lugares escondidos, para que non os encontre a policía. Porque hai persecución e “cazadas” contra eles. “A policía vai con autobuses para levalos ás naves e despois deportarlos”, sinala un membro de No Name Kitchen. Nin sequera lles dan acceso aos centros de menores, onde terían que ser acollidos. “Prefiren esconderse, para que a policía non os encontre e os meta en autobuses, malle neles ou o que queiran, porque pola noite non hai ninguén na rúa e poden facer o que queiran”, insiste.

Outra práctica que viola os dereitos humanos máis esenciais son as devolucións en quente. Criticounas o mesmo Pedro Sánchez cando o PSOE estaba na oposición, mais en pouco máis de 48 horas xa devolveu” pola vía express máis de 5.600 persoas a Marrocos. Esta cuarta feira voltaron a repetirse estas escenas, con migrantes que chegaban nadando, en condicións pésimas e afogando na praia do Tarajal. Unha vez mínimanente recuperados, eran reconducidos por policías ou militares á fronteira e perdíase o rastro deles.

 

 

“Son persoas diferentes, con historias diferentes, mais parece que non importa”, asegura Irina Samy. “É certo que algúns marcharon voluntariamente, mais houbo moitas devolucións en quente”, engade a voluntaria. Pregúntase “como o xustificará a Unión Europea, porque acabará xustificando, cando son devolucións en quente, prohibidas pola lexislación internacional”. Lembra que, cando unha persoa pide asilo, ten que poder ficar en tanto ese requeremento é tramitado. Mais simplesmente ningúen os informa nin dos seus dereitos nin desta posibilidade. Está convencida de que tamén se produciron moitas devolucións en quente de menores, porque “practicamente a metade” dos 8.000 migrantes que tiñan menos de 18 anos.

Non Name Kitchen dedícase sobre todo ao acompañamento xurídico de persoas que queren tentar chegar á Península, que queren empadroarse ou facer calquera trámite. Non só é a situación destes días, senón a que arrastran de hai moito tempo. Toparon con moitas persoas que hai tempo que son indocumentadas, tamén familias con crianzas nacidas en Ceuta, que non poden legalizar a súa situación porque os trámites son “imposibeis”.

A presenza do Exército non achegou absolutamente nada, só “intimidar, intimidar e lanzar gases lacrimóxenos”. Desde as organizacións están á esperara de que sexan coñecidos  máis pormenores do que pasou realmente estes días. “Probabelmente non sabemos aínda todos os dereitos que están sendo vulnerados”, conclúe Irina Samy.

“Moito desespero e bágoas”

Representantes da Cruz Vermella, que está en primeira liña de atención das persoas que chegan desde Marrocos, poñen rostro humano ao que está a acontecer. A súa porta-voz en Ceuta, Isa Brasero, relata que, alén das feridas físicas, atoparon “moito desespero, moitas bágoas e moita gratitude cara a nós”. Constata como esta vez chegaron moitos menores de idade. “Talvez é a nota característica desta entrada. Nesta ocasión viñeron moitísimos máis menores e núcleos familiares enteiros”, detalla Brasero. Tamén había moitos bebés e grupos de menores que viñan xuntos e sós, sen adultos.

Nicolas Tomás

El Nacional