O presidente do país americano solicitou colaboración ao Executivo en funcións para aproveitar a experiencia española en Cataluña, onde deixaron 1.066 feridos.

 

 

Despois de máis dun mes de protestos en Chile, a represión deixou un saldo de 23 mortos e 2.300 feridos, 1.400 deles de bala, segundo o Instituto de Dereitos Humanos de Chile (INDH).

As forzas de seguranza chilenas son acusadas de todo un catálogo de violacións graves contra os dereitos humanos, incluíndo torturas, violencia sexual e execucións extraxudiciais.

Amnistía Internacional acusou na pasada quinta-feira os axentes policiais de empregaren unha «forza innecesaria e excesiva coa intención de ferir e castigar os manifestantes», afirmacións que o ministro de Defensa de Chile, Alberto Espiña, considerou «extraordinariamente graves e absolutamente falsas».

No medio de toda esta represión, España quere sumarse ao Goberno de Piñeira e treinará a Policía chilena. O presidente do país americano solicitou colaboración ao Executivo en funcións para aproveitar a experiencia española en Cataluña, onde deixaron 1.066 feridos. O Goberno xa deu a conformidade a que o Ministerio do Interior leve a cabo «todo o necesario» para prestar o apoio policial á reclamación de Sebastián Piñera, quen recentemente anunciou novos planos policiais.

O Ministerio do Interior contempla o envío ao país iberoamericano de instrutores das unidades antidisturbios para que comecen a treinar as forzas de choque da Policía chilena. Trátase de «control de masas», de como levar a cabo actuacións policiais cando o número de cidadáns é grande e, alén diso, realizan as súas actividades en varios puntos diferentes.

No envío que se realizará nos próximos días está previsto que viaxen mandos operativos das UIP especializados non só no control de masas (obxectivo prioritario), senón tamén na vixilancia de zonas sensibeis, de instalacións estratéxicas e na revisión e detección de explosivos. Tamén se contempla que participen neste operativo especialistas dos Geo.

Nunha segunda fase, estúdase recibir en España axentes dos antidisturbios chilenos de forma graduada para recibiren o mesmo treino que os axentes das UIP.

Contrainformación