Estes son os datos publicados polo CIVICUS Monitor, un proxecto global de investigación colaborativo cuxo obxectivo é a avaliación e o seguimento do respecto os dereitos fundamentais e as liberdades públicas en 196 países.

 

centered image

 

CIVICUS publica Poder Cidadán sob Ataque, un novo relatorio que mostra que case seis de cada dez países restrinxen gravemente os dereitos de asociación, reunión pacífica e expresión. Esta proporción reflicte a crise á que se enfrontan organizacións e activistas da sociedade civil de todo o mundo e pon en relevo o feito de o espazo para o activismo civil se ver con frecuencia socavado pola censura, os ataques contra xornalistas e o acoso a persoas que defenden dereitos e liberdades.

O relatorio baséase en datos do CIVICUS Monitor -un proxecto de investigación colaborativo- e mostra que a sociedade civil é obxecto de graves ataques en 111 dos 196 países analizados, é dicir, case seis de cada dez países de todo o mundo. Esta cifra é superior á da última actualización de marzo de 2018 en que se contabilizaban 109 países. Na práctica, isto significa que a represión do activismo cívico pacífico continúa a ter nefastas consecuencias para a sociedade civil en todas partes do mundo, xa que só o 4% da poboación mundial vive en países onde os gobernos respectan debidamente as liberdades de asociación, reunión pacífica e expresión.

 

 

A clasificación do espazo cívico de nove países empeorou nesta última actualización en tanto mellorou a doutros sete. A situación degradouse en Austria, Acerbaixán, Gabón, Kuwait, Italia, Nauru, Papúa Nova Guinea, Tanzania e Senegal, e mellorou no Canadá, Ecuador, Etiopía, Gambia, Liberia, Lituania e Somalia. O Reino de España continúa na categoria dos estados que limitan as liberdades civis -“Estreito” (Narrowed)- e Portugal no reducido grupo dos estados que as respectan -“Aberto” (Open)-.

O documento tamén ofrece unha análise sobre os tipos de violacións máis frecuentes rexistradas no CIVICUS Monitor durante os últimos dous anos. No ámbito global, os ataques contra xornalistas e a censura representan os dous tipos de violacións máis comúns, o que indica que os que teñen o poder están a facer todo o posíbel por controlar o discurso colectivo e reprimir a liberdade de expresión. A persecución de activistas e o uso excesivo da forza por parte das forzas de seguranza durante as manifestacións son o terceiro e cuarto tipo de violación máis común rexistrada no CIVICUS Monitor desde outubro de 2016.

«Aínda que existe unha grande preocupación pola proliferación de leis restritivas e non sen razón, os nosos datos mostran que non son máis que a punta do iceberg. As medidas extraxudiciais, como os ataques contra xornalistas ou manifestantes, son moito máis comúns», declarou Belalba. «Estas tácticas foron concibidas de forma cínica e pretenden crear un efecto disuasor e evitar que os demais se expresen ou se convertan en cidadáns activos».

Os datos publicados por CIVICUS tamén traen boas noticias. Tanto nos sete países en que mellorou a clasificación do espazo cívico como noutros lugares, vemos probas claras de que o activismo pacífico pode obrigar os gobernos represivos a andar un camiño diferente. Na Etiopia, por exemplo, após anos de disturbios e unha forte represión de todas as formas de disidencia, o 2018 supuxo unha viraxe notábel. O novo primeiro ministro, Abiy Ahmed, libertou presos políticos, suavizou as restricións impostas sobre as comunicacións electrónicas e logrou importantes avances na reforma dalgunhas das leis máis represivas do país. As mudanzas no liderado político en Gambia e o Ecuador tamén conduciron a un mellor contorno para o exercicio das liberdades fundamentais.

«As recentes melloras na Etiopia mostran o que se pode lograr cando existe vontade política e cando os líderes toman decisións valentes para responder os apelos da sociedade civil», afirmou Belalba. «Este debería ser un exemplo para os países represivos de todo o mundo. Ao eliminaren as restricións e protexeren o espazo cívico, os países poden aproveitar o verdadeiro potencial da sociedade civil e acelerar o seu progreso nunha gran cantidade de frontes».

Máis de vinte organizacións colaboran no CIVICUS Monitor co obxectivo de proporcionar unha base empírica para levar a cabo accións destinadas a mellorar o espazo cívico en todos os continentes. O Monitor publicou máis de 1,400 actualizacións sobre o espazo cívico nos últimos dous anos eses datos son analisados no relatorio People Power Under Attack. O espazo cívico de 196 países está clasificado nunha do cinco categorías disponíbeis -fechado, reprimido, obstruido, estreito ou aberto- seguindo unha metodoloxía que combina varias fontes de datos sobre as liberdades de asociación, reunión pacífica e expresión.

Reino de España

Como principais eivas democráticas no Estado Español, CIVICUS sinala ás restricións que sofre a liberdade de expresión por causa de normas como Lei Mordaza, a lexislación referida aos delitos de odio ou de inxurias á bandeira ou á coroa, o ascenso de forzas políticas que pretenden restrinxir os dereitos das mulleres e as masivas manifestacións independentistas da Catalunya en defensa do dereito á autodeterminación e a represión exercida contra os seus dirixentes.

Relatorio