‘Consideramos que os maxistrados convertéronse en censores e, en lugar de pronunciarse sobre o que acontece, ordenan que se reescriba o que acontece cando non lles agrada’, dicía nun comunicado o consello profesional de TV3, que comparaba a JEPB con ‘unha esperpéntica réplica do Ministerio da Verdade que George Orwell describiu’ no romance 1984, xa que ‘prohibe palabras e lles altera o sentido arbitrariamente’. Tamén fai este paralelismo o consello profesional de Catalunya Ràdio, que denuncia:’Os maxistrados ultrapasaron os límites das súas competencias e convertéronse nunha figura que críamos esquecida. Voltan os censores e tememos que a Junta Electoral Provincial queira comezar unha caza ás bruxas’

Os dous organismos mostraban tamén o seu descontento con outra resolución, neste caso da Junta Electoral Central (JEC), mais tamén orixinada por un recurso de Ciudadanos,que obriga a Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals (CCMA) a compensar con dúas horas de cobertura os partidos que non apoiaron a manifestación polo dereito a decidir do 16 de marzo en Madrid. ‘Os maxistrados non deberían ter ningunha autoridade para decidir cal há de ser a programación dos medios públicos. A decisión ten de ser, única e exclusivamente, dos seus profesionais, libre de ningunha inxerencia politica e tamén xuridica’, din os xornalistas de Catalunya Ràdio.

Tamén mostrou a súa oposición ás resolucións o Sindicat de Periodistes de Catalunya, segundo o cal a JEPB actuou ‘como censura previa, inadmisíbel en democracia e vetada pola Constitución’. O sindicato subliña, aliás, que desde a dirección de TV3 e Catalunya Ràdio ‘non se impuxo ningunha directiva a respecto dos termos a utilizar’, e acrecenta que a adecuación de expresións como ‘presos politicos’ ou ‘exilio’ aos criterios deontolóxicos e a neutralidade informativa ‘ten de ser resolvida en instancias profesionais internas e en calquera caso desde unha autoridade audiovisual independente’. Sobre a ‘imposición’ do informativo compensantorio pola cobertura da manifestación en Madrid, o sindicato cré que supón ‘levar ao límite a inxerencia’ da JEC ‘na liberdade de información. ‘É un absurdo querer substituir a realidade e anular a información sobre os feitos reais, porque neste período non houbo manifestacións de sentido contrario’, di.

Pola súa parte, o Col·legi de Periodistes de Catalunya cre que a prohibición de determinadas expresións por parte da Junta Provincial ‘representa unha intromisión en toda liña a un dos pilares fundamentais da democracia, como é a liberdade de información e a non inxerencia politica’, alén dun ‘menosprezo inadmisíbel e intolerábel ao traballo dos xornalistas’. Segundo o Col-legi, a Junta ‘ultrapasou os límites das súas funcións’.

No mesmo sentido pronunciouse o Grup de Periodistes Ramon Barnils , que acha ‘inadmisíbel’ e ‘especialmente preocupante’ esta ‘intromisión da Junta Electoral‘. Segundo esta entidade, o organismo ‘cruzou a liña vermella na liberdade de prensa e o dereito á información’. Nun comunicado, o Grup Barnils subliña que as expresións prohibidas ‘non son propaganda dun partido concreto’, sinón que representan un punto de vista compartillado ‘pola maioría do arco parlamentar e da sociedade catalá, así como por diversos expertos e xuristas’. A organización lembra tamén que ‘expresións como golpistas ou fugados son utilizadas por determinados partidos e por medios de liña editorial afín e non por iso se pensa en prohibilos’.

Apoios desde España

Mesmo organizacións de ámbito estatal que tradicionalmente non deran apoio ás reivindicacions dos sectores soberanistas no ámbito xornalístico tamén se sumaron ás críticas da Junta Electoral. É o caso da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), que non se posicionou publicamente mais que, consultada por ARA, sí que mostrou o seu rexeitamento á situación. Segundo o seu presidente, Nemesio Rodríguez (que tamén é o vicepresidente primeiro da Asociación de la Prensa de Madrid), a entidade ‘considera que o uso da palabra non pode ser prohibido’. ‘A liberdade de opinión está contemplada no artigo 20 da Constitución e exércese através da palabra. Prohibir o uso de palabras porque coinciden cos plantexamentos políticos dun partido pode abrir unha avalanche de reclamacións que levarían ao silencio informativo’, acrecenta.

Así mesmo, a filial española de Repórteres sen Fronteiras cre que ‘no seu afán por preservar a neutralidade institucional, a Junta Electoral excedeuse”. “En períodos electorais é preciso tentar ser o máis ecuánimes posíbel, mais neste caso a Junta converteuse en editora’, di o presidente da organización, Alfonso Armada, en declaracións a Ara.

Sanchis ve “inxusta” a decisión

O director de TV3, Vicent Sanchis, explicou en El món da RAC1 que a dirección do canal ‘en ningún momento dixo que se tiña que falar de presos politicos‘, e que, polo que se refere ao exilio, si que había un acordo para referirse a el con este termo porque ‘nos dicionarios aparece unha accepción que permite falar claramante de exilio‘. No entanto, Sanchis di que TV3 acata a resolución da Junta ‘até acabar o período electoral’, mais deixou claro que ‘iso non quere dicir asumir que é xusta, porque non o é’. Segundo el, a prohibición afecta ‘os profesionais’ dos medios públicos cataláns, mais non implica que ‘as persoas que veñen ás tertulias ou os políticos teñan que medir as súas palabras’.

No que di respecto á compensación aos partidos contrarios á manifestación de Madrid, Sanchis explicou que se obedecerá a decisión da JEC, porque non facelo podería ter ‘consecuencias penais’. O director do canal, porén, criticou que á TVE, que fixo unha cobertura ‘moi parecida’ do acontecemento, non se lle  impoña a mesma obrigación, porque ‘ninguén a recorreu’. Na súa resolución, a JEC facía referencia á cobertura do canal estatal, mais consideru que ‘non é comparábel’ á que fixo TV3.

Nunha entrevista a Els matins, Sanchis asegurou que ten una ‘sensación de impotencia absoluta’. ‘Ti, só polo feito de seres quen es, chegarás a un muro en que non che darán a razón digas o que dixeres’, lamentou, e acrecentou. ‘Aquí só é tolerada unha maneira de informar. Iso é un partido entre tres: dous están do outro lado, e estes dous inclúen o árbitro, e outro está do noso lado’.

Fontes da CCMA explicaron que están estudando a posibilidade de recorrer as dúas resolucións das xuntas electorais. No caso da manifestación, tratándose dunha decisión da JEC, terían que dirixirse á sala contenciosa administrativa do Tribunal Supremo, que en ningún caso resolvería antes de se ter ofrecido o espazo compensatorio. Polo que di respecto ás expresións prohibidas, a decisión provén da Junta Provincial, e portanto podería ser recorrida diante da JEC. Ora, até agora as resolucións deste órgao sempre foron máis prexudiciais para os intereses da Corporación que as da instancia provincial. Aliás, a JEPB fundamenta en parte a súa decisión no acordo adoptado pola JEC en novembro do 2017 (durante a precampaña das eleccións do 21-D) para prohibir a TV3 e a Catalunya Ràdio o uso de termos similares, o que permite prognosticar que o recurso dificilmente prosperaría.

Os ‘TN’ advertirán da prohibición

‘Neste informativo non foi posíbel uitlizar expresións utilizadas anteriormente con criterios xornalísticos, como exilio ou presos políticos, en cumprimento da resolución da Junta Electoral que os considera contrarios ao principio de neutralidade informativa’. En tanto durar esta situación de excepcionaldiade os informativos de TV3 emitirán esta mensaxe (por escrito e oralmente) cada vez que se oferecer unha noticia en que o redactor se vexa obrigado a renunciar ao uso destas expresións para cinxirse ás esixencias da Junta. O consello de redacción de TV3 aprobou onte esta decisión como unha maneira de facer explícito o seu rexeitamento á decisión e evidenciar a ausencia das palabras prohibidas, e a medida xa foi aplicada onte mesmo durante o noticiario Telenotícies migdia. A mensaxe non aparecerá necesariamente en todas as edicións dos informativos, sinón que precederá aquelas pezas en que tería sido necesario utilizar as expresións vetadas pola Junta Provincial.

ALBERT CASTELLVÍ ROCA

Ara