A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) insta os responsabeis dos medios a normalizar o diálogo interno nas redaccións e lembra que as empresas públicas de comunicación deben perseguir a independencia do poder político.

 

Xornalistas da TVG secundan o chamado 'venres negro' en contra da manipulación informativa

Xornalistas da TVG secundan o chamado ‘venres negro’ en contra da manipulación informativa | Fonte: @FedericoPrezRey

 

Nun comunicado, esta organización di estar “preocupada polo visible deterioro das relacións laborais nos medios de comunicación”. “A Liberdade Editorial -que permite que cada medio decida os feitos que visibiliza, os enfoques, o seguimento ou a relevancia que lles outorga na distribución do espazo e do tempo- é un piar básico da liberdade de prensa, pero xamais debe ser escusa para a imposición vertical dunha liña ideolóxica que furte o necesario debate das redaccións”, apunta.

O CPXG incide na situación dos medios públicos que, lembra, segundo determinan as súas propias leis de creación, teñen coma función primordial a de favorecer o pluralismo político e a liberdade de expresión. “Non hai lugar neles para a dirección ideolóxica, e si para o constante compromiso cunha sociedade plural e democrática”, asegura.

Por iso, lembra que os #VenresNegros promovidos polas mulleres de RTVE, e apoiados tamén o venres pasado por unha parte significativa da redacción da CRTVG, chaman de novo a atención sobre a necesidade de que nas corporacións públicas se tomen as medidas requiridas pola lexislación para garantir o servizo público e a independencia do poder político -entre outras, os Estatutos de Redacción e os Consellos de Informativos-.

Por último, o Colexio de Xornalistas insta a tódolos membros das redaccións -independentemente do seu cargo- a resolver as discrepancias sobre informacións ou enfoques “nun clima de diálogo aberto,  profesional e libre de presións”.

Fonte: Galicia Confidencial