A Oficina da Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos denunciou na pasada cuarta-feira 14 de decembro, no relatorio O paro nacional 2021. Leccións aprendidas para o exercicio do dereito de reunión pacífica na Colombia, a gravidade dos incidentes e a brutalidade da Policía no país, unha violencia que deixou como mínimo 28 mortes confirmadas por acción policial das 46 que houbo en total.

 

Manifestantes durante las protestas contra el Gobierno en Colombia del pasado 5 de mayo.Protestos contra o goberno en Colombia no pasado 5 de maio – Juan Barreto / AFP

A representante na Colombia da Oficina da ONU para os Dereitos Humanos, Juliette de Rivero, afirmou que “nos casos de de uso desnecesario e/ou desproporcionado da forza resultaron violacións aos dereitos humanos tales como as privacións arbitrarias da vida por parte da forza pública”. Estas “privacións arbitrarias da vida” foron sufridas nomeadamente por “xovens entre os 17 e o 26 anos que moraban en bairros pobres e periféricos, fillos de pais campesinos, fillos de indíxenas e afro-descendentes“.

 

A maioría dos mortos foron xovens de bairros pobres e indíxenas

Así mesmo, o relatorio sinala que no mínimo en 10 das 28 mortes atribuibeis a axentes da policía, “poderian estar vinculados membros do Escuadrón Móvel Anti-disturbios (ESMAD)”, duramente criticado polos seus excesos na represión dos protestos, en tanto que noutras dúas mortes o responsábel “tería sido un funcionario do CTI (Corpo Técnico de Investigación da Procuradoría) actuando fora das súas funcións”.

O relatorio non só recolle as mortes mais tamén as violacións. Das 60 denuncias de violencia sexual recibidas (48 mulleres e 12 homes) “supostamente cometidas por membros da Policía”, o organismo internacional verificou 16 casos.

 

No 9 de xuño, Humans Rights Watch denunciou que “non son incidentes isolados de axentes indisciplinados, senón o resultado de fallos estruturais profundos”.

 

Non é esta a primeira vez que é denunciada a brutalidade da Policía. No 9 de xuño, Humans Rights Watch xa fixera público un relatorio sobre o abuso policial na Colombia en que concluía que as violacións aos dereitos humanos realizados polos corpos de seguranza do país “non son incidentes isolados de axentes indisciplinados, senón o resultado de fallos estruturais profundos”.

Estas violacións dos dereitos humanos aparecen no cadro dos protestos na Colombia entre o 28 de abril e o 31 de xullo, cando os cidadáns saíron á rúa para reclamaren mudanzas na política económica e social do goberno.

Público