A comitiva integrada por representantes do Goberno e do Parlamento autonómico acaba de finalizar unha visita ao país latino-americano, onde comprobou o aumento da represión e a vulneración dos Acordos de Paz. CEAR Euskadi advirte sobre a “recusa sistemática das solicitudes de protección internacional” por parte de Madrid.

 

Esmad Colombia

 

 

A defensa dos dereitos humanos é unha profesión de alto risco na Colombia. Tampouco está isento de perigo o simples acto de protestar na rúa contra as medidas do Goberno conservador de Iván Duque. Así o constatou unha delegación oficial que acaba de visitar ese país latino-americano após unha alarmante escalada da violencia institucional contra manifestantes.

As imaxes da represión nas rúas de Bogotá deron a volta ao mundo en 2021. Sobre o pavimento deixou polo menos unhas trinta persoas mortas “de acordo a cifras contrastadas polas Nacións Unidas” e un alto número de feridas. Nese contexto, as organizacións colombianas que traballan no ámbito dos dereitos humanos advertirpm sobre as graves vulneracións que se rexistran no país.

Todo iso foi confirmado in situ por unha delegación oficial de Euskadi que realizou unha nova visita institucional a Colombia no cadro do Programa Vasco de Protección a Defensoras e Defensores dos Dereitos Humanos. O grupo estivo liderado polo Viceconselleiro dos Dereitos Humanos, Memoria e Cooperación do Goberno Vasco, José Antonio Rodríguez Ranz, e pola Directora dos Dereitos Humanos, Vítimas e Diversidade do Executivo autonómico, Monika Hernando.

Os representantes do Goberno de Iñigo Urkullu estiveron acompañados por unha representación da Comisión de Dereitos Humanos do Parlamento Vasco conformada por Leixuri Arrizabalaga (presidenta), Iñigo Iturrate (PNV), Oihana Etxebarrieta (EH Bildu), Miren Gallastegi (PSE), Iñigo Martínez (Elkarrekin Podemos-EU), Carmelo Barrio (PP-Cs) e o letrado Juan Carlos Areizaga, así como por integrantes das organizacións de dereitos humanos e cooperación Mugarik Gabe, Alboan, Emigradas sin Fronteras e Zehar.

Entre o 23 e o 29 de xaneiro, a delegación oficial mantivo un amplo número de encontros con representantes de distintas organizacións de dereitos humanos, así como coa Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OACNUDH), o Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados ou a Defensoría del Pueblo. Pola súa banda, a Unidad Nacional de Protección, unha entidade adscrita ao Goberno colombiano, negouse a recibir aos representantes vascos, alegando razóns de axenda.

As conclusións son contundentes. Nunha declaración, a misión vasca advirte sobre “o aumento da violencia e o agravamento do conflito, o que se traduce nunha maior intimidación, masacres, asasinatos, ameazas, deslocamentos forzados masivos das comunidades rurais e as persoas defensoras dos dereitos humanos”.

De feito, durante a semana que a delegación vasca permaneceu no país “producíronse asasinatos, atentados, secuestros de menores e outros feitos violentos de extrema gravidade”. Leire Lasa, representante de CEAR Euskadi e integrante da comitiva, sinala que durante a visita constataron “un agravamento do conflito no país”.

“Observamos con extrema preocupación o aumento das violencias contra os grupos indíxenas e contra o pobo negro, así como contra defensoras e defensores dos dereitos humanos en sectores urbanos”, afirma. Para mostrar chega un botón: por razóns de seguranza, a delegación vasca non puido acceder a territorios onde viven defensores dos dereitos humanos ameazados. Trátase da primeira vez en dez anos que se rexistra unha situación dese tipo.

Represión policial

A onda represiva contra manifestantes non escapa da valoración realizada pola comitiva de Euskadi. “Nun contexto de mobilizacións masivas e pacíficas no país, que tiveron un tratamento militar por parte do Goberno colombiano, a delegación manifesta a súa preocupación pola criminalización do protesto que pode verse agravada pola recentemente aprobada Lei de Seguranza Cidadá, aumentando o risco de montaxes xudiciais contra as persoas
que tomaron parte as mobilizacións, principalmente xovens que saíron pacíficamente a revindicar os seus dereitos básicos”, alega.

Lasa advirte en tal sentido que a poboación colombiana “levantouse pacíficamente para reivindicar os seus dereitos e recibiu un tratamento de guerra por parte do goberno”. “Desde entón estase vivindo unha estratexia de estigmatización e criminalización contra as persoas que formaron parte desas manifestacións”, sinala a representante de CEAR Euskadi.

“O Goberno de Iván Duque aposta pola represión”

O parlamentar de Elkarrekin Podemos-EU Iñigo Martínez, outro dos integrantes da delegación, alerta “nos últimos meses houbo un aumento da represión policial e do Estado, xa fose no seo das manifestacións como posteriormente  través de montaxes policiais”.

O representante da coalición de esquerdas lamentou que o Goberno de Iván Duque “aposta pola represión”, o que se plasma, por exemplo, nos casos de “centenares de persoas que están detidas en prisión provisoria”.

Acordos de Paz

A representación institucional do País Vasco tamén constatou “a falta de implementación dos Acordos de Paz, asinados en 2016 para superar o conflito”, unha grave carencia que “está na base da crise humanitaria que atravesa o país”.

Todo isto ocorre nun contexto electoral: en marzo próximo haberá eleccións lexislativas e en maio terán lugar as presidenciais. Non en balde, a delegación considera na súa declaración que “os procesos electorais constitúen unha oportunidade para que o Goberno resultante asuma un compromiso decidido coa implementación real, efectiva e integral dos Acordos de Paz”.

Unha das preocupacións mostradas polos representantes vascos céntrase precisamente en reclamar que se garanta a “participación política, especialmente a dos sectores historicamente máis golpeados polo conflito e a persecución política, a continuación dos diálogos co Exército de Liberación Nacional (ELN) e o desmantelamento dos grupos sucesores do paramilitarismo e todos os actores armados fóra da lei”.

Así mesmo, chama a “avanzar na legalización das terras dos pobos indíxenas e o pobo negro”; “fortalecer a presenza institucional nas zonas rurais mediante o desenvolvemento social, económico e cultural, con perspectiva étnica e de xénero” e “promover de forma decidida os sistemas de reparación individual e colectiva das vítimas do conflito”, entre outros puntos.

Deslocados e exiliados

Esa grave situación ten outro efecto non menos preocupante. “Cuns niveis de violencia tan altos volvemos ter unhas cifras de deslocamento forzado interno das máis altas do mundo e moitas persoas deben saír do país e teñen o exilio como única vía para pór a súa vida a salvo”, explica Lasa.

No medio dese escenario, a representante de CEAR Euskadi olla directamente o que acontece a este lado do Atlántico. “Ante esta situación, o Goberno de España ten unha política de recusa sistemática das solicitudes de protección internacional que presentan os cidadáns e cidadás colombianas”, lamentou.

Público