O Máster Propio da UDC en Criminoloxía (MCrim) é a primeira oferta formativa de posgrao en materia criminolóxica do Sistema Universitario Galego. Xa que logo, é un título de posgrao adaptado ao estudo da criminalidade, da desviación e dos conflitos na nosa realidade social, que ten particularidades diferenciais en relación coas grandes cidades españolas e europeas.

 

 

O MCrim ten unha marcada orientación interdisciplinaria, o que o fai axeitado para estudantes con formación en eidos diversos, como o Dereito, a Psicoloxía, a Socioloxía ou o Traballo Social, entre outros. Ao tempo, o MCrim ofrece unha formación teórica, mais tamén empírica e pragmática, polo que é especialmente apropiado para persoas que teñan comezado, ou queiran comezar, unha carreira profesional nos eidos do sistema penal –policía, tribunais, execución de penas- ou da asistencia e os servizos sociais. No marco dun posgrao semipresencial dun ano de duración, o MCrim proporciona a eses estudantes e profesionais un coñecemento especializado sobre unha ampla pluralidade de problemas e conflitos sociais e sobre o xeito de gobernalos, con especial atención á delincuencia e á penalidade.

O MCrim susténtase no elevado nivel de coñecementos en materia criminolóxica acumulados por parte de diversos equipos de investigación da UDC, que gozan dun significado recoñecemento internacional. No MCrim, estes equipos académicos estruturan a oferta formativa en diálogo con outros profesionais e co propio estudantado, nun título que fai da construción colectiva de saberes un dos seus sinais de identidade.

http://www.fundacion.udc.es/master%2Dcriminoloxia/
Máis información: master.criminoloxia@udc.es