Nesta segunda feira comezou en Ankara o macro-xulgamento contra 108 persoas acusadas de participar e alentar as revoltas que tiveron lugar en varias cidades turcas a principios de outubro de 2014 cando Estado Islámico cercou Kobane, unha cidade de maioría kurda no norte da Siria.
Entre os acusados encóntrase un destacado líder político kurdo, o agora encarcerado ex presidente do opositor Partido Democrático dos Pobos (HDP) Selahattin Demirtas, así como outros antigos deputados da formación (9 en total) e varios concelleiros. O Goberno turco acúsaos de incitaren e promoveren as manifestacións, que acabaron derivando en disturbios en que faleceron 37 persoas.
Demirtas, xunto a outra trintena persoas, están están no cárcere desde novembro de 2016 por cargos relacionados co terrorismo, entre eles “alteración da unidade e integridade territorial do Estado”, asasinato, intento de asasinato, saques e queima da bandeira nacional.
As sombras da actuación turca
É importante destacar que o partido pro-curdo presentou numerosas propostas para crear unha comisión parlamentar que investigue os protestos, mais todas as iniciativas foron recusadas polo goberno turco. En Europa, os presidentes do Partido da Esquerda Europea, o Partido Verde Europeo, A Alianza Libre Europea e o Partido Socialista Europeo fixeron unha declaración de solidariedade en que denuncian que a causa é unha violación flagrante do estado de dereito e afirman que “é inaceptábel a responsabilización dos cargos electos de feitos que aconteceron nun evento cuxa investigación é obstaculizada de maneira activa”.
Tamén é preciso salientar que uns meses máis tarde o xornalista Can Dündar, actualmente no exilio, publicou un vídeo, auténtico e comprobado, que mostra que os servizos secretos turcos entregaron naquel período armas de guerra ao Estado Islámico.
Ao xulgamento asiste unha comisión de observadoras e observadores internacionais entre os que está a galega Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo.