Compostela: Identificacións e inspeccións corporais arbitrarias e inxustificadas

21 idenficacións sen xustificación ou causa, 10 rexistros corporais e impedimentos de acceso a mobilización foron o saldo da actuación policial fronte á convocatoria “A saúde pública é un dereito”. Entre as afectadas, un xornalista do medio O Salto Galiza, apesar de portar e exhibir acreditación.

 

Image

 

O 20 de febreiro de 2020 convocábase pola entidade Policías por la Libertad, unha marcha contra a que denominan “Ley Auschwitz”.  Como reacción a  esa convocatoria, promóvese outra concentración baixo a consigna “A saude pública é un dereito, extrema dereita fóra da Galiza”. Dende primeira hora supervisaron o desenvolvemento da actuación policial observadoras de Esculca, debidamente acreditadas.

Ás 16:00 horas a Policía Nacional impedía a formación da segunda das concentracións na rotonda da estación de trens, desprazando ás participantes cara ao lateral do edificio do Centro Médico Concepción Arenal, a 200 metros do lugar da convocatoria. Varias asistentes foron impedidas de acceder á concentración, quedando retidas no espazo de seguridade destinado aos axentes. As convocantes denuncian o caso de dúas persoas que foi debidamente corroborado por Esculca.

Durante o transcurso da mobilización, con ampla presenza policial, equipada con útiles “antidisturbios” (cascos, proteccións, pistolas de balas de goma…) resultaron identificadas máis dunhas vinte participantes, malia ter transcorrido sen ningún tipo de incidente ou transgresión de norma algunha.

A organización convocante denuncia “14 persoas identificadas, 4 rexistros corporais arbitrarias” que se sucederon ao incio da mobilización, sen xustificación aparente de dita acción policial, pois os actuantes non accederon a comunicarlles as causas de ditas actuacións; segundo a versión das convocantes.

As observadoras de Esculca presenciaron unha identificación masiva e en grupo doutras 7 persoas, que se suman ás anteriores, verificando que ningún axente lles manifestou causa algunha, e comprobando que se realizaba de maneira arbitraria e sen amparo legal. Así mesmo procederon ao rexistro corporal de 6 das persoas identificadas, tamén de maneira absolutamente irregular e sen manifestar causa ou razón algunha, estando reservado este tipo de lesións do dereito á intimidade e á liberdade persoal a casos nos que existan indicios reais que xustifiquen e amparen esta forma de actuar, que deben ser oportunamente comunicados de maneira rigorosa ás persoas afectadas.

Entre as persoas identificadas e sometidas a rexistro corporal irregular atópase un xornalista do medio O Salto Galiza, que se atopaba cubrindo o evento. Malia que este xornalista exhibiu a súa acreditación de prensa os axentes procederon a retelo, identificalo e “chachealo”. No trasncurso da manifestación traballadores doutros medios de comunicación transmitíronlle ás observadoras as especiais dificultades para a realización do seu traballo nesa xornada.

Estes feitos constitúen lesións severas do dereito á liberdade persoal, á intimidade das persoas e ao dereito á reunión e manifestación, e teñen serias consecuencias disuasorias ao constituír unha mensaxe severa á cidadanía de que o exercicio do dereito a reunión segue baixo sospeita no Estado Español, constituíndo actuacións policiais sen ningún tipo de amparo legal, e supondo unha auténtica extralimitación do seu papel institucional vulnerando masivamente dereitos constitucionalmente protexidos. Ademais, ao terse sometido a tales rigores a un xornalista acreditado, constitúen tamén unha lesión intolerábel do dereito á información.

Estes feitos foron postos en coñecemento do mando do operativo policial polas observadoras de Esculca unha vez finalizada e desconvocada a manifestación.