O Foro Galego de Inmigración denuncia “outro gravísimo caso de violencia racial institucional levada a cabo polas forzas policiais do Estado, co apoio e dirección do Goberno central”.

.

 

O Foro Galego de Inmigración denuncia 'violencia racial' da Policía a un menor nunha detención en Santiago. FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN Foto: Foro Galego da Inmigración

 

 

O Foro Galego de Inmigración denuncia “violencia racial” por parte de axentes da Policía Nacional a un menor nunha detención en Santiago de Compostela. Segundo afirma nun comunicado, esta suposta “grave agresión policial” de varios axentes contra un menor duns 15 anos “racializado” produciuse na tarde do 22 de xuño en Porta Faxeira.

Así, o Foro remítese ás testemuñas presenciais que relataron a través de redes sociais o que presenciaron: “Os policías agarraban con forza o mozo no chan coa cara contra o asfalto, co pescozo apertado e puxando pola capuz. Despois chegaron máis vehículos e policías, e introduciron o rapaz, que gritaba desesperadamente, nun vehículo policial onde continuou a agresión. Entretanto, un grupo de compañeiros do mozo agredido, de non máis de 15-16 anos, choraban desconsoladamente pedindo que deixasen de agredir os seus compañeiros”.

Por iso, o Foro Galego de Inmigración denuncia de “forma contundente outro gravísimo caso de violencia racial institucional levada a cabo polas forzas policiais do Estado, co apoio e dirección do Goberno central”.

De tal forma, esta entidade esixe que se tomen de forma “inmediata” as medidas oportunas, coa intervención de oficio da propia Procuradoría ante a gravidade dos feitos.

Galicia Confidencial