Xa é de dominio público: o goberno de Pedro Sánchez seguiu os pasos do executivo de Mariano Rajoy e a espionaxe política aos líderes independentistas cataláns iniciada en 2012, con aquela impresionante manifestación da Diada do 11 de Setembro, continuou cando o dirixente socialista chegou ao Palacio da Moncloa, en 2018.

 

Programas espía Pegasus dirigidos a activistas de derechos ...

 

A causa xeral contra o independentismo non se detivo, alén de palabras que agora soan máis ocas e falsas que nunca, e así se certifica hoxe, através dunha investigación do diario The Guardian en que participou El País, que no ano 2019 o teléfono móbel do president do Parlament, Roger Torrent, -tamén o da ex deputada Anna Gabriel, o do concelleiro Ernest Maragall e o do membro da ANC Jordi Domingo- foi hackeado cun programa denominado Pegasus da empresa israelita NSO que só poden comprar os gobernos e as forzas de seguranza. “No Estado español practícase a espionaxe contra adversarios políticos”, manifestou solemnemente o president do Parlament nunha comparecencia pública.

Todo apunta á participación activa do Executivo español -ten maneira de demostrar que non foi el?- na espionaxe policial dun caso que, ao que parece, só está -informativamente- no inicio. Sexa como for, non hai unha versión boa para Sánchez e os seus raparigos se o foco non acaba por desviarse a outro lugar. Se o descoñecía, que sería a interpretación máis benévola, o grao de incompetencia é de tal magnitude que están incapacitados para ocupar o cargo que ostentan. Se, ao contrario, o coñecían e non fixeron nada, a preocupación porque estas prácticas sexan protexidas ou toleradas nun estado da Unión Europea deberían alarmar calquera demócrata. Cal será o seguinte? Un dato nada menor: encanto Pedro Sánchez negociaba a súa investidura -en 2018 con Junts per Catalunya e ERC, ou sexa co conxunto do independentismo, e en 2019 só con Esquerra- e eran lanzadas proclamas de mesas de diálogo que dicían ían servir para encarreirar o problema catalán… o teléfono móbel dos seus dirixentes era hackeado e ninguén o sabía? O contido destas gravacións foi aproveitado -por quen sexa- políticamente?

En calquera país de conviccións democráticas profundas, o escándalo da espionaxe ao president Torrent, daría paso a unha reclamación inmediata de comparecencia do ministro do Interior no Congreso dos Deputados. Ou, no mínimo, unha intervención pública de Fernando Grande-Marlaska. Mais, en España, a espionaxe política parece que está nos xens e que pode ser despachado desde a mesa do Consello de Ministros cun conciso “non nos consta”. Da mesma maneira que non consta a corrupción da monarquía española por máis noticias que continúen aparecendo sobre o rei Juan Carlos I, as contas na Suíza e as sociedades en paraísos fiscais para asegurar o día a día de todos os membros da familia real para sempre. Ou as truculentas historias de como chegaba o diñeiro desde Suíza á Zarzuela, onde o emérito, sendo xefe do Estado, tiña unha máquina de contar billetes. Si, tal como soa, aínda que pareza máis un piada que algo que poida ser real.

Veremos neste caso como se explica o Goberno, o percorrido parlamentar que ten e as actuacións da xustiza que se producen, comezando, entendo, pola Procuradoría Xeral do Estado… non é?. As cloacas do Estado continúan a traballar a bo ritmo e iso sempre é denunciábel, alén de ser intolerábel. Que ninguén queira facer limpeza de todo iso debería preocuparnos a todos, tamén a aqueles que sempre atopan unha explicación para xustificar a persecución do independentismo para salvar a unidade de España. Alguén debería dicir: así, non.

José Antich

El Nacional