Vivimos “tempos sentenciosos” en que unha consigna se impón como verdade absoluta ante un problema social e ‘prohibe’ calquera reflexión que difira do que xa está decidido.

 

Foto: Agustín Martínez abogado de los miembros de La Manada. (EFE)Agustín Martínez Becerra

 

Aconteceu en Cádiz e nin sequera fixo falta un xulgamento previo. Porque está condenado. Chámase Agustín Martínez Becerra, en diante, e para toda a súa vida, “o-avogado-de-La-Manada”, así todo xunto, para subliñar coa escrita o carácter eterno da condena. É o primeiro caso en España en que o avogado duns delincuentes corre a mesma sorte que os seus defendidos. Nunca pasou ao avogado defensor dun violador, dun asasino ou dun terrorista; é posíbel, mesmo, que nin sequera nos lembremos do nome dos avogados dalgúns dos maiores criminosos de España, porque o único que costuma transcender é o delito e o malfeitor. O de La Manada foi diferente: o Tribunal Supremo condenou a quince anos de cárcere os acusados por violación nos Sanfermíns de 2016 e os ‘tribunais populares’ sentenciaron o seu avogado á proscripción social. Quen defende un violador, ten mil anos de maldición. Díxoo o reitor da Universidade de Cádiz, que é quen baixou o polegar como un César: “é palabra de lei”. Non se fale máis.

A ‘condena’ foi feita pública por causa do convite que fixeron a Martínez Becerra para que participase na Universidade de Cádiz nun seminario que levaba por título “Falemos sobre o sexo e a sexualidade: o home e a muller como seres asexuados” cunha conferencia sobre ‘Delitos contra a liberdade sexual, abuso ou agresión’. Cando xa estaba todo preparado, os organizadores recibiron un correo electrónico en que se lles informaba que o avogado de La Manada non ía participar por orde directa do reitor.

 

Agustín Martínez, abogado de los acusados de La Manada, en el Tribunal Supremo. (EFE)

 

O primeiro que transcendeu é que fora o propio Goberno de Pedro Sánchez quen promovera o veto, seica para evitar que o letrado coincidise na Universidade co ministro de Cultura, José Guirao, que tamén participaba nun deses cursos de verán. Culpouse a Moncloa mais despois, segundo publicou o Diario de Cádiz, o propio Ministerio de Cultura o desmentiu: “nin o Ministerio de Cultura e Deporte nin as equipas de seguranza do mesmo, nin de Moncloa, tiveron nada a ver na suposta exclusión do avogado Agustín Martínez dun curso de verán da Universidade de Cádiz”. Sexa como for, do que non hai dúbida é do correo electrónico, do que tamén informa ese Diario, en que se daba conta da baixa e que dicía iso: “o reitor, Francisco Piniella, é o que prohibe taxativamente que o letrado de La Manada participe no curso e, portanto, a súa palabra é lei”.

A Constitución, no seu Título 1, di que todas as persoas teñen dereito a defensa e asistencia dun letrado

Como poderá entenderse, o de menos nesta controversia é o que cada un de nós pense sobre o avogado Martínez Becerra e a súa participación nun seminario de sexualidade, porque, xa agora, igual teriamos que preguntarnos tamén o sentido de que unha Universidade dedique un curso de verán ao sexo. O esencial é o que ese veto significa para a liberdade de todos; o que nos afecta como cidadáns libres que un avogado sexa considerado un pestífero social por facer o seu traballo. Neste tempo en que as consignas se impoñen sobre calquera realidade ou calquera reflexión, sobretodo en asuntos que afectan o novo feminismo, o veto do avogado pasa de anécdota a categoría. Xa, de feito, aconteceu durante o proceso xudicial. Cunha pavorosa normalidade, afacémonos mesmo a que houbese algúns xornalistas que, cando entrevistaban o avogado de La Manada, o increpaban directamente, como se fose un colaborador ou encubridor dos violadores. “Se a muller violada fose a súa filla, crería nela?” “Que pensa a súa muller e a súa filla da súa defensa de La Manada?”, chegaron a preguntarlle para, a seguir, obviamente, cuestionar a ética, a moral e a profesionalidade do letrado.

Imos repasar algunhas obviedades que nos esquecen:

Di a Constitución, no seu Título 1, o referido aos Dereitos fundamentais, que todas as persoas teñen dereito á defensa e á asistencia dun letrado. E a Lei de Axuizamento Criminal, no artigo 786, deixa claro que un xulgamento non pode ser celebrado se o acusado non está asistido dun avogado defensor, que velará polo “dereito a gardar silencio, a non declarar contra si mesmo e a non confesarse culpábel, así como a exercer o dereito á última palabra ao finalizar o acto do xulgamento”. Como pode pretenderse, por moi atroz que nos pareza un delito, que o avogado defensor se some ás acusacións sob ameaza de ser considerado, el tamén, partícipe do delito que se xulga? Pois a esa barbaridade chegamos co caso de La Manada. O acontecido na Universidade de Cádiz ofrécenos unha idea clara da dimensión social desa proscripción, alén de da deriva dalgunhas universidades.

 

Foto: Cristina Pardo y el abogado Agustín Martínez, en La Sexta. (Atresmedia).A presentadora da Sexta e Agustín Martínez mantiveron unha tensa conversación despois da sentenza firme do Tribunal Supremo

 

Félix Ovejero, brillante profesor de Ética e Economía da Universidade de Barcelona, escribiu hai uns días na Fundación para a Liberdade un interesante artigo en que reflectía, precisamente na secuencia da sentenza de La Manada, sobre os “tempos sentenciosos” que vivimos, en que unha consigna se impón como verdade absoluta ante un problema social e ‘prohibe’ calquera reflexión ou análise que difira ou cuestione o que xa está previamente decidido. E acababa dicindo Ovejero: “Non se busca convencer senón expulsar e estigmatizar e, para dicilo con Machado, ‘todo resulta tenebrosamente claro’. Así está o mundo, non só o noso, e temo que a estas alturas resultaría inxenuo reclamar unha drenaxe que, certamente, melloraría os tratos entre cidadáns. De momento, contentaríame con que na Universidade non aconteza o mesmo”.

Pois xa ve, enganouse nisto último; a Universidade xa se apuntou a ser a vangarda do populismo.

Javier Caraballo

El Confidencial