A Corte Inter-Americana de Dereitos Humanos fixo pública na madrugada da cuarta feira a condena a El Salvador pola “detención, pena e morte” de Manuela, unha muller condenada a 30 anos de prisión en 2008 por unha emerxencia obstétrica que lle produciu un aborto. Este caso xerou un debate público sobre as condenas a mulleres por sufriren abortos espontáneos e outras emerxencias obstétricas.

 

Aborto en El Salvador: Manuela, la mujer condenada a 30 años de cárcel tras perder a su bebé y que murió esposada a una cama de hospital - BBC News Mundo

 

Manuela, unha persoa “de escasos recursos, analfabeta e residente nunha zona rural”, relata o tribunal, foi atendida nun hospital do departamento de Morazán, onde foi detectada unha preeclampsia grave posparto que derivou nunha denuncia por non explicar que pasara co feto. Un día despois a Policía entraba na súa casa e achaba o corpo, o que levou á súa detención e posterior condena por “homicidio agravado”. Xa en prisión foille descuberto un cáncer linfático polo que recibiu tratamento de “forma tardía”. Faleceu o 30 de abril de 2010.

A Corte resolveu que a pena foi “arbitraria” e non “suficientemente motivada”. Aliás, “non tivo en conta os elementos probatorios que podían desvirtuar a tese da súa culpabilidade”, as carencias da investigación foron xustificadas “co uso de estereotipos de xénero e ideas preconcibidas”. No fallo tamén se reiterou que as emerxencias obstétricas “non poden xerar automaticamente unha sanción penal”, concluíndo que isto “constituíu un acto de violencia contra a muller”. A sentenza obriga El Salvador a recoñecer a súa responsabilidade no que atinxe á morte de Manuela e desenvolver un protocolo de actuación que non criminalice as mulleres polas emerxencias obstétricas.

Nós Diario