A vítima estaba sentada tranquilamente nun banco da prisión de Teixeiro cando de repente apareceu un recluso que «de malos modos» lle dixo que se afastase. Sen agardar resposta, deulle tal puñada na cara que lle partiu o queixo e lle fixo saltar varios dentes. O agresor foi xulgado e condenado a 3 anos de cárcere, e a indemnizar a vítima con 11.000 euros. Até aí, o normal. Mais como ía recibir o agredido tal suma se o condenado non ten un céntimo? Así que o avogado do agredido, o penalista Diego Reboredo, recorreu o fallo xunto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e a sala do Penal atendeu as súas razóns. Deu a volta á sentenza emitida por a Audiencia Provincial e ordenou o Estado pagar, através de Institucións Penitenciarias, a indemnización á vítima.

 

 

CESAR QUIAN

 

Os xuíces entenden que o acusado, no momento da comisión dos feitos, presentaba «un trastorno explosivo intermitente da personalidade e un trastorno adaptativo con alteración mixta das emocións e o comportamento». Esta circunstancia, argumenta, «debeu ser debidamente detectada polos servizos prisionais correspondentes», pois «entraña inequivocamente unha situación de risco». «A Administración si infrinxiu os especiais deberes impostos pola normativa, pois a debida observación do interno, a constatación da súa especial condición psíquica e, en definitiva, o risco que o anterior crea, deberon ser oportunamente ponderados para, ou ben determinar un maior isolamento ou ben establecer unhas medidas de seguranza de tal relevancia que conxurasen o perigo que o interno presentaba», destaca o alto tribunal galego.

Os xuíces conclúen que a agresión se produciu «pola omisión das medidas adecuadas que a observación e cualificación do agresor merecía», polo que «pode falarse de infracción regulamentar».

ALBERTO MAHÍA

La Voz de Galicia