As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social”
Artículo 25.2 da Constitución Española

A pandemia da Covid-19 puxo na primeira páxina de moitos xornais as palabras confinamento e illamento. Un ano despois do primeiro estado de alarma, tamén fixo evidente os danos psicolóxicos que esta situación excepcional de peche e pouca ou nula socialización está provocando en moitas persoas por todo o mundo. Porén, para as presas e presos do Estado español o confinamento en soidade non é algo excepcional, un tema que denuncian varias asociacións sobre a prevención da tortura nos cárceres. Unha delas, o observatorio Esculca, leva meses cunha campaña pola abolición do confinamento solitario en prisión, unha realidade que, consideran, é “un cárcere dentro do cárcere” e que afecta case un milleiro de persoas presas na actualidade. Segundo a estatística actual de Instituciones Penitenciarias, 833 homes e 60 mulleres.

 

 

Que é o confinamento solitario?

“Dentro do noso réxime penitenciario, hai un réxime, que é o réxime pechado e que se asocia normalmente á clasificación primeiro grao”, explica Fernando Blanco, avogado e membro de Esculca. “E se xa de por si o réxime de vida nos cárceres é duro, este réxime aínda máis restritivo determina que os presos e presas estean 21 horas nunha cela, en solitario, podendo pasear só unhas 3 horas ao día—no caso de Galiza— nun patio pequeno e normalmente enreixado”.

Esculca explica na súa web o resto de características do “réxime de isolamento prisional”. Este implica “limitación dos contactos con outras persoas presas, inspeccións e revistas diarias, mudanzas continuas de cela, limitación dos obxectos permitidos na cela, comidas en solitario, restrición do contacto cos funcionarios, negación das licenzas de saída, restrición das comunicacións con persoas do exterior —limitación a dúas cartas semanais—, e recusa ou limitación de actividades culturais, deportivas e espirituais”.

 

Se a vida nos cárceres xa é dura, este réxime aínda máis restritivo determina que os presos e presas estean 21 horas nunha cela en solitario

 

Aquelas persoas clasificadas no primeiro grao, que son as susceptibles de sufrir o confinamento solitario, adoitan entra dentro da clasificación coñecida como FIES. O ficheiro FIES (Ficheiros de Internos de Especial Seguimento), é un tipo de control sobre as presas e presos “conflitivos e/ou inadaptados” que foi establecido pola Dirección General de Instituciones Penitenciarias no ano 1991, e que se ven aplicado desde o ano 1996. En marzo de 2009, foi anulado e considerado ilegal polo Tribunal Supremo —grazas á loita xudicial levada ao cabo por Madres contra la droga—, ao considerar que non correspondía á xurisdición das institucións penitenciarias o seu uso. Con todo, no ano 2011, reformouse o Reglamento de xeito que, segundo a publicación anarquista Todo por Hacer, volvía establecer á Administración Penitenciaria a “facultade de crear ficheiros de internos para garantizar a seguridade do centro”. Polo que os FIES seguen realizándose a día de hoxe. Ademais —continúan explicando desde Punto de Fuga— aínda que neste regulamento se recolle que estes ficheiros “non poden determinar un réxime de vida diferenciado” para os presos incluídos neles, a nova redacción do art. 65 “deixou a porta aberta á continuidade do maltrato sistemático que permitía a regulación anterior anulada polo Tribunal Supremo”.

“O fenómeno FIES supón que ti tes un perfil psicolóxico totalmente transparente para eles porque están escoitando as túas chamadas, lendo as túas cartas, gravando as túas visitas, estudando con quen camiñas no patio…”, explica Antom Santos, antigo preso político que sufriu o réxime do confinamento solitario durante diversos períodos de tempo. “En función do perfil que eles fagan de ti, apertan nun sentido ou noutro. Tamén lles interesa moitas veces establecer tratos diferentes entre presos dun mesmo colectivo para que se comparen e se xere división. A filosofía de fondo é sempre desgastarte para que te rendas, é cada un o intenta á súa maneira”, conta Santos.

Un réxime con moitas irregularidades

Precisamente, esta intención de desgastar, así como a falta de intimidade, xunto á dureza de pasar semanas, meses e en ocasións mesmo anos só nunha cela son algunhas das razóns que dan asociación como Esculca para denunciar e pedir que se remate con estas prácticas. O Estado español é, de facto, un dos países máis duros coa aplicación do réxime do confinamento solitario, algo que mesmo o Comité Europeo pola Prevención da Tortura (CPT) denunciou hai unha década, considerándoo tortura. Mais, o Estado español non deixou de levar a cabo este tipo de accións, incluso cando no 2015, coa aprobación das Reglas Nelson Mandela por parte da ONU, o CPT alegou que o período de ata 42 días que unha persoa pode pasar en confinamento solitario “é un castigo absolutamente excesivo” e que “ningún recluso” debería pasar polo “réxime de illamento durante máis de 14 días”.

 

Os organismos internacionais teñen determinado que os illamentos en soidade, alén de 15 días, poden ser considerados trato deshumano e degradante

 

“No réxime fechado, únense tres circunstancias moi graves”, explica Fernando Blanco. “A primeira ten que ver, precisamente, con que os organismos internacionais teñen determinado que os illamentos en soidade, alén de 15 días, poden ser considerados trato deshumano e degradante, e, porén, hai presos e presas que pasan en primeiro grao anos e mesmo lustros. E isto, loxicamente, ten un efecto na psique gravísimo. E fisicamente tamén”, di este avogado.

A segunda destas circunstancias é que “o illamento favorece a falta de control en relación á aplicación do que chaman en prisión os medios coercitivos. Isto determina que as denuncias que se producen por malos tratos, nunha porcentaxe moi elevada, veñen do illamento”, comenta o avogado. Blanco advirte que “é moito máis fácil que eu reciba unha malleira se estou nunha cela fechado, ou non vou pasar a un comedor ou unha zona común onde vexan as secuelas outros presos, se o único recoñecemento médico que se me fai moitas veces é a través do cangrexo, da reixa interior”. Precisamente, en relación aos “medios coercitivos” no dossier Campaña contra los malos tratos y la tortura en prisión —do ano 2011— recóllense moitas testemuñas de presos e presas que sufriron algún tipo de violencia no sistema penitenciario. Segundo elas, os castigos van desde “non permitir a entrada de calzado”, “rexistros continuados sen avisar”, “negar chamadas de urxencia” ou impedir “un vis a vis porque a familia chegou 5 minutos tarde”; ata “ataduras en pés e mans”, “inmobilizacións á cama” e “malleiras”.

Por último, Blanco fala dun terceiro factor, a dispersión e afastamento dos lugares onde as persoas presas normalmente teñen os seus vínculos familiares.  “É un factor degradante e non regulado, que para nós é moi importante. Os módulos de illamento van rotando en diversas prisións, e isto fai que, unido a que teñen menos actividade, a falta de contacto coa sociedade exterior facilite procesos de ‘prisonización’”, denuncia.

 

 

“El horror de la tumba carcelaria sólo lo conocíamos los hombres enterrados en vida dentro de ella. ¿Qué sabían aquellos energúmenos de la cárcel?”
Fragmento de Huye, hombre, huye, escrito por Xosé Tarrío, que pasou 10 anos en confinamento solitario.
Quen pode rematar en confinamento solitario?

Outras das denuncias de asociacións como Esculca, é o feito de considerar que “hai subxectividade á hora de considerar que un preso ou presa non se adapta ao réxime ordinario” e acabe en primeiro grao. “Moitas veces nós dicimos, aínda que pareza un exceso verbal, que moitos presos están en primeiro grao —e polo tanto en réxime fechado— tanto pola motivación pola que cometeron o delito, como por se presos que non aceptan determinadas imposicións da institución penitenciaria non regulamentarias”, continúa Blanco. Un exemplo, explica o avogado de Esculca, pode ser “negarse a aceptar que no reconto hai que poñerse en pé”. “Ese concepto tan xenérico determina que poidas acabar en primeiro grao sen realmente ter participado en incidente de ningún tipo por esta suposta inadaptación”, explica Blanco.

 

“Hai subxectividade á hora de considerar que un preso ou presa non se adapta ao réxime ordinario e acabe en primeiro grao”, din desde Esculca

 

Antom Santos di que hai “unha frase comodín” para “cando poñen unha persoa a vivir baixo este réxime”. “Di algo así como que «manifesta unha permanente incapacidade para adaptarse á vida ordinaria do centro»”, comenta Santos. “E aí cabe practicamente todo. Pode querer dicir que hai problemas disciplinarios reais como que a persoa participa en pelexas ou trafica con drogas, ou que desobedece ordes, mais tamén pode ter que ver unha conduta política dun preso que se nega a facer determinados servizos á prisión ou por negarse a compartir cela”.

Santos denuncia que a cuestión é que “realmente non deixa de ser como unha especie de depósito de persoas”. Un depósito, onde segundo Santos “a xestión é moi cómoda porque son persoas que pasan aproximadamente 20 horas ao día na cela, que non supoñen ningún problema nin á hora de comer nin de cear —porque simplemente hai que meterlle unha bandexa por unha ranura para que tomen as súas racións— e que no patio xa te comentaba que non se xuntan con máis de 2 ou 3 persoas ao sumo. Entón claro, calquera efecto nese réxime de vida que vaia alén do puro castigo non existe. Quero dicir, non hai ningún tipo de pedagoxía rehabilitadora. E xa che digo que dentro dese comodín que eles utilizan para meter xente en illamento hai unha infinidade de casos e de perfís”.

Que efectos ten o illamento solitario nas persoas?

“Se xa de por si a cadea non reinserta, a cadea dentro da cadea consegue efectos lamentables”, denuncia Fernando Blanco.” Como moito, incluso no réxime ordinario, é unha milagre se as persoas conseguen non saír peor do que entraron”, engade o avogado.

Pola súa parte Antom Santos, que chegou a pasar meses neste réxime en diversas ocasións, considera que “os efectos están moi relacionados co tempo que botes desa forma”. “Mais en calquera caso”, engade “sempre hai un dano maior ou menor porque digamos que todos os elementos da vida normal que a prisión intenta imitar quedan automaticamente borrados”.

 

“Se xa de por si a cadea non reinserta, a cadea dentro da cadea consegue efectos lamentables”, denuncia Fernando Blanco

 

Hai múltiples estudos psicolóxicos sobre o efecto que este tipo de situacións ten nas persoas, mesmo a curto prazo. A estudosa da Universidade de Oxford, Sharon Shalem explica no Libro de referencia sobre illamento solitario, así como no seu traballo Confinamento solitario como un problema de saúde en prisión, algúns dos efectos psicolóxicos que este réxime causa nos presos e presas. Estes son: “ansiedade, depresión, ira, trastornos cognitivos, perceptivos, distorsións, paranoia e psicosis. Así como niveis de autolesións e suicidios moito maiores que na poboación en xeral e mesmo que no resto de poboación presa”. Xunto ela, outros organismos como a Coordinadora Catalana de Prevención de la Tortura no seu informe El Aislamiento Penitenciario en Catalunya desde una mirada de defensa de los derechos humanos (abril 2016), enumeran tamén múltiples consecuencias físicas: problemas gastrointestinais, cardiovasculares, xenito-urinais, migrañas e fatiga profunda, […] palpitacións, transpiración excesiva súbita, insomnio, dolores dorsais e articulares, deterioro da vista, falta de apetito, perda de peso e diarrea, letarxia e debilidade, tremores, sensación de frío e agravación de dos problemas de saúde preexistentes.

“De feito, neses ámbitos o consumo de pastillas psiquiátricas é maioritario”, comenta Antóm Santos. “Ata os teus sentidos co tempo poden ir atrofiándose por falta de estímulos, de non ter un horizonte ao que mirar, por falta de ruídos, de interacción social… Cousa que non sucede na vida no réxime ordinario en certa medida porque estás rodeado de xente, normalmente tes acceso a certas actividades e o espazo físico no que camiñas é un pouquiño máis amplo”.

 

“De feito, neses ámbitos o consumo de pastillas psiquiátricas é maioritario”, comenta Antóm Santos. “Ata os teus sentidos co tempo poden ir atrofiándose por falta de estímulos, de interacción social…”

 

Fernando Blanco engade que hai que ter en conta que, ata o 2020, se aplicaba mesmo un Orde de Servizo, que se acabou anulando a través do Valedor do Pobo por mor das múltiples denuncias contra ela “por establecer fóra do regulamento condicións absolutamente denigrantes para a vida”. Era a Orde de Servizo 6/2016 para presos considerados conflitivos e que se lle aplicou, por exemplo, a Fabrizzio Silva, un preso que estivo en Teixeiro e faleceu na Lama”, conta Blanco. “Todos os desprazamentos eran esposado ás costas, mesmo para comunicar cos letrados. Non tiña contacto con outros presos e estaba xa non só nunha cela en solitario, senón nunha galería en solitario”, denuncia o avogado. “E o Valedor do pobo dicía que era un réxime non regulamentario, porén estivo sometido a dous anos a ese réxime, completamente incomunicado, ata que faleceu. O cal di moi pouco dos nosos sistemas de tutela e de control destas situacións”, engade.

Son moitas as persoas presas que contaron a súa experiencia e efectos ao longo prazo na saúde que sufriron tras pasar por unha situación así. Steven Czifra, por exemplo, pasou 8 anos neste réxime pero ao saír asegurou só poder “recordar uns poucos días”. Tamén hai casos de persoas presas que acaban morrendo durante este réxime —moitas mesmo se suicidan ao non poder aturalo—. É o caso de Frabrizio Silva ou de Raquel E.F. que se suicidou tras estar pechada nunha cela 21 horas ao día durante 6 meses.

Con todo, como se explica no manual de María del Mar Lledó e César Manzanos, Guía práctica para conocer los programas de apoyo social a personas presas y sus familiares, o feito de “ser unha persoa presa clasificada en primeiro grao non nega o dereito a acceder a tratamento individualizado” e “o cárcere debe asegurar a reeducación e reinserción social das persoas que estean cumprindo medidas privativas de liberdade”. Segundo este manual, “todas as persoas teñen dereito a xornal, radio, televisión, cursar estudos…”. Con todo, isto non parece cumprirse en moitas ocasións.

Unha medida que non reinserta: como mudar a perspectiva social

“Non debemos esquecer que o castigo é unha forma de reprimir o mal e nunca reconduce o ben”, denunciaba un dos participantes do dossier Campaña contra los malos tratos y la tortura en prisión, publicado no ano 2011 coas testemuñas de presos e presas que sufriron algún tipo de violencia no sistema penitenciario. Con todo, especialistas como Fernando Blanco pensa que queda moito por facer para que a sociedade entenda que esta non é a solución.

“É difícil porque é unha cuestión de pedagoxía sociopolítica”, explica Blanco. “E é certo que vivimos nunha sociedade punitivista que pensa que a solución, non sei se xa como impulso social, é a reacción penal”.

Tanto para Blanco como para Santos, ademais, o problema recae tamén en como se fala dos presos e presas en primeiro grao nos medios de comunicación que dominan a opinión pública. “Nestes medios amósase que a prisión é un lugar para certos psicópatas, totalmente incompatibles coa sociedade humana. E sempre que se fala do confinamento solitario é con casos truculentos de asasinatos horribles: un descuartizador, un violador múltiple….”, comenta Santos. “Isto chamámolo en Esculca ‘xornalismo de tricornio’”, engade Fernando Blanco. “A aceptación de esquemas dados pola institución penitenciaria e polo control político das forzas de seguridade do Estado, onde ese perfil que se crea é o dun monstro que non ten outra opción que estar encerrado, porque é o que se fai cos monstros na sociedade”.

 

Na maioría de medios amósase que a prisión é un lugar para certos psicópatas totalmente incompatibles coa sociedade humana.

 

Mais Santos advirte de que estes casos truculentos son unha “porcentaxe minoritaria da prisión”, e que “o cárcere acolle sobre todo á marxinalidade, no sentido literal. Xente que queda nas marxes porque non está integrada no mercado laboral nin no circuíto económico convencional”, advirte. “E, en principio o que lle acontece á xente máis desfavorecida da sociedade non nos importa demasiado, preferimos mirar para outro lado porque é incómodo”.

Santos avisa de que ademais esta “indiferenza” se dá tamén nos “colectivos máis solidarios”. “Incluso cando relataba algún caso dos que me aconteceron no illamento —como algunha vez que me pegaron ou me obrigaron a espirme sen bata— atopeime con xente ‘politizada’ que non quería oílo”.

Para Santos, entón, a chave de que se sigan dando estes casos recaería, por unha banda, nunha “idea punitivista moi fomentada pola extrema dereita” e, por outra, “nunha mestura de indiferenza é medo que ten que ver co que o mundo está cheo de moitas cousas desagradables e preferimos non sabelas ou polo menos non irnos á cama pensando nelas”.

Mais tanto Antom Santos como Fernando Blanco recordan que “o primeiro grao non é algo para persoas tremendamente perigosas das que a sociedade se ten que afastar, senón que en primeiro grao pode caer calquera persoa que ingresa en prisión, simplemente por unha defensa dos dereitos ou pola motivación pola que cometeu o delito, por unha actitude de defensa reivindicativa dos dereitos do colectivo de presos e presas”. E, reflexiona o avogado: “a ninguén lle agradaría pensar que el mesmo, ou algunhas das súas persoas máis próximas, pode acabar nunha cela 21 horas, cos desprazamentos entre módulos coas mans atadas ás costas”.

 

“En primeiro grao pode caer calquera persoa que ingresa en prisión, simplemente por unha defensa dos dereitos ou pola motivación pola que cometeu o delito”

 

Por esta razón, Antom Santos fala da importancia de que “se poña o foco nesta realidade” e se informe dela, para que deixe de ser “un mundo descoñecido no exterior e moi blindado desde fóra” para así minimizar os efectos daniños que ten mentres siga existindo. “Eu dígoo desde un punto de vista egoísta entre aspas como beneficiario que fun. Quero dicir que puiden escoitar malos tratos, malleiras, presos humillados atados á cama… mais notaba que con nós o trato era moito máis comedido”, di Santos. “E cal era a razón deste trato diferenciado? Pois que sabían que podía haber un medio de comunicación ou un avogado que se interesara pola nosa situación, ou que eu podía facer unha chamada para comunicar o que acontecía”, reflexiona Santos. Para el é, polo tanto, “moi meritorio o traballo que fan colectivos de solidariedade cos presos políticos como Ceivar xa que ten beneficios directos para o preso ou presa”

“Na prisión o ser humano está nunha situación de moita máis fraxilidade que na rúa, que esa fraxilidade se fai máis forte se lle falta apoio por parte do exterior: familiar, ou dun movemento social ou político; e esa fraxilidade no illamento multiplícase por cen”, conclúe Santos. “Porque os efectos da prisión endurécense, a soidade é moito máis extrema, e a impunidade dos gardas no caso de querer vulnerar os teus dereitos é moitísimo maior porque ninguén ve o que están facendo. Obviamente hai cámaras gravando practicamente todo o que acontece no módulo pero segue habendo ángulos mortos”.

Desde o dossier Campaña contra os malos tratos nas prisións, unha das testemuñas engade que o único xeito de mudar as cousas é “ter o apoio incondicional de moitísima xente”. “A min gustaríame ver á xente da rúa manifestándose a favor dos presos”, comenta “mais iso é máis difícil que buscar unha agulla nun pallar”.

Elena Martín

El Salto Diario

El Salto Diario