O representante especial do secretario xeral do Consello de Europa sobre migracións e refuxiados, Tomas Bocek, instou hoxe o Reino de España desenvolver “unha estratexia e un plano de acción coherentes para a integración dos migrantes”. O relatorio sobre a visita que realizou Bocek ao estado español incide na diferenza que existe entre os centros de acollemento de Ceuta e Melilla, e os da península.
Bocek visitou os de Valencia, Murcia, e Madrid, que se achan “en boas condicións, en xeral”, mais cualificou de “diferentes” os das cidades autónomas pola súa sobrelotación.
O relatorio engade que o plano debe incluír a posta en marcha dun sistema de indicadores da integración, así como a avaliación das políticas que leven a cabo nesa materia.
En declaracións a Efe, Bocek asegurou que ese plano tería tres eixos principais: a lingua, a educación e o traballo, “que son aplicabeis para a integración dos inmigrantes non só en España senón en toda Europa”.
Para o representante da organización paneuropea, “fíxose moito respecto da lingua e a escolarización, mais no mercado de traballo hai moito por facer, aínda que vin boas prácticas en Málaga con programas de formación realizados coas empresas”.
Outro desafío importante para o Reino de España e o resto de Europa é reducir os prazos na devolución de migrantes que non cumpren os requisitos para unha protección internacional e “facelo de maneira rápida”.
Medidas de apoio para os menores non acompañados
O relatorio recomenda medidas de apoio para os menores non acompañados e protección en materia de determinación da idade, ademais de respectar os dereitos a ser ouvido e ao asesoramento xurídico.
Ademais, recomenda adaptar á Carta Social europea o cadro xurídico sobre o acceso aos servizos de saúde dos inmigrantes en situación irregular, co obxectivo de garantir, sen discriminación, o acceso ao conxunto dos servizos necesarios.
Tamén pide mellorar a formación das forzas de seguranza no principio de non devolución inmediata e na identificación de posibeis vítimas de tráfico de seres humanos.
O relatorio anima a continuar a formación de xuíces, fiscais e avogados en materia de asilo segundo o Programa europeo de formación en Dereitos Humanos para profesionais do dereito (HELP), sobre os dereitos dos menores inmigrantes e as persoas refuxiadas.