A principios deste 2019 unha vintena de membros da Asemblea Parlamentar do Consello de Europa, de varios países e de diferentes grupos parlamentares, presentou unha moción á Comisión de Asuntos Xurídicos e Dereitos Humanos mostrando a súa preocupación polo crecente número de políticos nacionais, rexionais e locais procesados “por declaracións feitas no exercicio do seu mandato, particularmente en España e Turquía”.

Consell Europeu   Wikimedia European Council

 

Na segunda-feira 1 de outubro, o Comité de Asuntos Legais e Dereitos Humanos da Asemblea Parlamentar do Consello de Europa aprobou un primeiro documento de traballo que significa o inicio dunha investigación para estudar se se está vulnerando a liberdade de expresión dos políticos encarcerados no estado español e na Turquía. Alén diso, este documento pide que se envíen observadores a Barcelona e a Madrid.

Este primeiro documento que se aprobou foi escrito polo letón Boris Cilevics, un dos asinantes da moción inicial, e trátase dunha recompilación de casos que tanto na España como ba Turquía significaron vulneracións de dereitos fundamentais. Cilevics pede á Asemblea do Consello de Europa que examine da perspectiva dos dereitos humanos “a situación dos políticos encarcerados por exerceren a súa liberdade de expresión”.

Neste texto lémbrase que “o propósito principal da inmunidade parlamentar radica na protección fundamental da institución parlamentar e na garantía fundamental da independencia dos electos”.

No caso español, o letón destaca que as persecucións penais “teñen como obxectivo o presidente e os membros do antigo Govern, funcionarios públicos e máis 700 alcaldes”. Cilevics narra como se chegou á celebración do referendo e como se viviu a posterior aplicación do artigo 155.

O relator do documento cuestiona a acusación de rebelión alegando que non houbo violencia e apuntando que o puideron comprobar os diversos observadores internacionais que estiveron na Catalunya en motivo do referendo. Por outra banda, Cilevics si que fai referencia á violencia policial.

Cilevics tamén pon en dúbida a neutralidade dos tribunais españois polo que el considera “un uso inxusto da prisión preventiva”. Nesta recompilación de casos de vulneracións de dereitos fundamentais, o letón adxunta denuncias como a do Grupo de Traballo de Detencións Arbitrarias da ONU que pede a liberdade inmediata dos presos independentistas.

Nas súas conclusións, o relator pregúntase, entre outras cousas, se “o exercicio dun dereito constitucional pode constituír un delito castigado con longas penas de prisión como as solicitadas contra os políticos cataláns en España?”.

Finalmente, pede “efectuar unha visita de información a España (Madrid e Barcelona)” e convida os seus compañeiros a presentaren máis casos doutros estados que estexan nunha situación similar.

Alba Solè

El Nacional