O Consello Xeral do Poder Xudicial abre unha investigación sobre a filtración de datos persoais para determinará se foi vulnerada a normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Audiencia Navarra Sala Juicio La Manada

 

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) acordou na sesión extraordinaria celebrada na pasada terza feira abrir un período de dilixencias informativas para determinar se se produciu unha vulneración da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal en relación coa sentenza da Audiencia Provincial de Nafarroa sobre o xuízo a La Manada.

O órgao de goberno dos xuíces informa nunha nota de prensa que tomou esta decisión “despois de ter coñecemento através das noticias publicadas en varios medios de comunicación da filtración dos datos persoais da vítima dos feitos xulgados” e refírese en concreto á inclusión do código seguro de verificación, que permitiu o acceso á sentenza sen anonimizar durante varios días.

Este fallo foi cualificado por expertos en ciberseguranza e protección de datos da Asociación de Auditoría e Control dos Sistemas de Información (ISACA Madrid) como “gravísimo” xa que as sentenzas que se distribúen para consulta deben ser previamente anonimizadas e “ningunha debería ser publicada cos datos persoais dos contendentes”.

Os expertos de ISACA, entre os que hai colaboradores do Ministerio de Xustiza en materia de Protección de Datos, recomendan sempre que o código CSV das sentenzas “apareza só na última páxina das mesmas, de maneira que poida ser eliminado con facilidade no momento de facerse pública”. Apesar diso, este código non só non fora eliminado do documento distribuído aos medios, senón que aparecía en cada unha das súas páxinas.

As dilixencias informativas serán tramitadas pola vocal Vitoria Cinto coa colaboración do Comité de Protección de Datos do CXPX, informa este organismo. O Consello Xeral do Poder Xudicial solicita a colaboración do Departamento de Xustiza da Comunidade Foral de Nafarroa nas actuacións dirixidas a esclarecer os feitos e determinar se foi vulnerada a normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Fonte: El Salto Diario