A escritora e investigadora Consuelo García Cid terá de declarar como imputada mañá, 22 de xuño, no xulgado do Penal nº 1 por ter traído á tona -no seu libro El desmadre de los servicios sociales e nunha comparecencia o 30 de maio de 2017 no Senado- “as actuais irregularidades en casos de menores tutelados pola Administración” e como os servizos sociais “destrúen familias e causan un dano irreparábel ás nenas e nenos como puro negocio en que están involucradas diferentes organizacións relixiosas”.

 

O que os ollos de Consuelo García Cid viron na vida fan que sexa máis cautelosa. E é que esta loitadora polos dereitos humanos veu denunciando en varias investigacións que o roubo dos bebés da época franquista continúa hoxe reinventado nos centros de menores tutelados polas Administarcións. “Os casos de menores de idade que son declarados en desamparo, roubados aos seus pais lexítimos e entregados en acollemento ou en adopción en troca de diñeiro para os manter persiste até hoxe”, conta ao xornal Público.

 

“Un diñeiro que moitas veces foi negado aos pais biolóxicos cando o solicitaron para poder manter os seus fillos”. A súa cautela non é para menos. Ela mesma foi encerrada, sen ter cometido delito algún, nun reformatorio das Adoratrices. Tratábase dun cárcere que pertencía ao Padroado de Protección a la Mujer, a institución franquista creada en 1941 para velar polas mulleres consideradas ‘perdidas’ e que privou de liberdade millares de xovens españolas até ben entrada a democracia. Alí sufriu a dor da solidade, o que as freiras chamaban “a nena do canto”, ver como quen vestía hábitos presionaba as menores que chegaban grávidas para entregaren os seus fillos en adopción.

 

Con esta bagaxe de inxustizas nas costas agora sitúase na peor das hipóteses. É acusada pola Fiscalía de calumniar un maxistrado da Audiencia de Tarragona na súa conferencia no Senado, porque durante a súa intervención dixo que “maxistrados octoxenarios aplican o dereito de maneira autárquica e parcial, como por exemplo o señor Carril Pan da Sección 1 da Audiencia Provincial de Tarragona”. Tamén pede para ela 8.000 euros de multa por un delito de calumnias con publicidade. Ante isto, a escritora responde: “Estou pronta para todo. Pode acontecer calquera cousa. Nunca pensei acharme nesta situación por unha conferencia e un libro. Pase o que pasar, continuarei loitando. Vou chegar ao final de todo este sistema deshumanizado que vulnera dereiros humanos elementares”, recoñece.

 

Un sistema en que a escritora denuncia a facilidade con que “se pode chegar a perder a custodia dun menor por via administrativa; os prolongados períodos de tempo que poden decorrer antes de a xustiza ditar unha resolución ao respecto; o grande negocio que supoñen os centros de menores e os vínculos entre algunhas organizacións que dirixen estes centros e as que o facían en tempos da ditadura”.

 

——————————–

Sentarse no banco dos acusados a declarar como imputada cando non fai outra cousa que denunciar a desprotección de menores, de que é sinónimo?

De violencia institucional, persecución xudicial e de lei mordaza en toda a miña boca. Unha conferencia no Senado e un libro. Por iso? Desde 2017 a miña vida xa non é a mesma. tiven de padecer episodios completamente inimaxinábeis, como a presenza policial nun hotel ás catro da madrugada para me ‘anunciaren’ que tiña unha denuncia, cando fora notificada por avogado e procurador. Acabei nun servizo de urxencias cunha crise de ansiedade. Dera unha conferencia en Zaragoza no día anterior. Desde aquela teño fobia aos hoteis.

Que nivel de inxustiza teñen casos como o seu como denunciante de corrupción?

A liberdade de expresión non existe. Eu expuxen a realidade actual dos sistema de menores tal e como é. Tamén falei do pasado, xa que este sistema parte dun contexto de memoria recente en que levo traballando sen descanso desde o ano 2012. Daqueles pós veñen estas lamas. Mudaron as formas, mais non o fondo.

Cre que ten máis dereito un rei como Juan Carlos I que vosté?

A min negáronme todos os dereitos e esganáronme. O emérito non se toca, as nenas tuteladas prostituídas nos centros de menores mallorquinos tampouco, mais despois hai que engolir iso de a xustiza ser igual para todos. Mentira! Eu non son máis que unha escritora e activista social, a literatura é a irmá pobre das artes, arrisqueime dicindo verdades como son, mais verdades actuais, que acontecen decote. En todo este proceso humilláronme moito.

Que parte da suposta corrupción das ordes relixiosas nas manobras das tutelas a menores cre que ten a ver con que a teñan imputado?

Todo ten a ver. As congregacións do pasado auspiciadas polo padroado de protección á muller xestionan agora os centros de menores, convertéronse en ONG e reciben subsidios. Nos centros de acollemento deciden quen pode ser nai e quen non. Agora non é necesario mentir ás nais con aquilo de “o teu fillo morreu”, tíranllo simplesmente no hospital diante dos seus ollos.

Menores convertidos en negocio?

Pois é. Págase por cada menor tutelado de 3.000 a 9.000 euros mensais dependendo da comunidade autónoma. Inicialmente páganse 3.000 euros, mais a cantidade aumenta con a problematización do neno ou a nena tutelada. Nun centro de reforma a cantidade sobe, e nun terapéutico chega a 9.000 por mes. Ningúen atende o pranto das crianzas, que queren voltar a casa. Ninguén axuda as nais, destruídas, inmersas nun sistema que inicialmente descoñecen e non saben como defenderse.

A ninguén importan?

Iso parece. Importan ás familias, ás activistas, ás asociacións que como eu loitamos contra estas atrocidades en pleno século XXI. Existe un grande silencio sobre isto, é todo un sistema creado que case sempre gaña. As nais fican sen fillos e o proceso é atroz, e a xente normal nega a realidade porque non a coñece.

Alén de casos coñecidos como o das nenas prostituídas de Mallorca, conta que hai malos tratos a menores nos centros

Malos tratos, medidas selvaxes de contención, suicidios nos centros. O máis recente é o dun neno de 9 anos. Tamén sofren medicación forzosa para que non incomoden e os teñen como zombis. Horroroso en toda a súa medida sen que ninguén faga nada.

Criminalízase a pobreza, cuestiónase as familias nun “striptease psíquico” digno de estudo, e cando as crianzas van a familias de acollemento, estas cobran unha cantidade mensal. Por qué non dar esa cantidade aos pais para sobrevivir e progrediren? É un disparate absurdo.

A que se parece o roubo de bebés no franquista a este que denuncia agora?

A única diferenza é a asusencia daquela gastada mentira de ‘o teu fillo morreu’, en tanto pola porta das traseiras levaban o bebé os pais adoptivos pactuados mediante pagamento. Agora din ‘o teu fillo está tutelado’ e desaparece, xa sexa no mesmo hospital, na escola ou na propia casa onde aparece a policía deitando abaixo a porta para levar as crianzas camiño dun centro de menores.

Denuncia que isto acontece coa connivencia de traballadores sociais que son cómplices e perpetuadores deste sistema?

Teñen todo o poder. Teñen na súa man os relatorios, cuxos apartados son altamente cuestionabeis. Nin sequera se identifican persoalmente, fano cun número, como se se tratase de policias. Por qué? A forma de trataren as persoas afectadas é xelada, funcionan cun ton de voz monocorde e sen empatía ningunha cando o que están facendo é abrir un proceso contra natura. As nais adoecen porque as adoece o sistema. E o punto final é que están ‘tolas’. Non. É o sistema que as destrúe.

Antes do que poda acontecer no xulgamento, cal é a súa mensaxe?

Que as vítimas sexan escoitadas e que se permita falar as persoas afectadas. Ningúen cunha mínima sensibilidade pode ollar para outro lado. As nais están desfeitas, o seu pranto é estarrecedor. Hai poucos meses suicidouse Helena, unha nai a que retiraron os seus tres fillos e sabía que os perdía. Atirouse pola xanela. Non é a única. Pido que este pano negro de aceiro que existe sobre a retirada inxustificada de tutelas se abra e saibamos a verdade actual. Todos o negan, como non! exactamente igual que no franquismo. O sistema deféndese, como non! Cré alguén que van dicir o que fan realmente?

NURIA CORONADO SOPEÑA

Público