A cobertura mediática da invasión rusa de Ucraína demostrou que diferentes son os pesos e as medidas usados para tratar a ocupación militar cando o ocupante é Rusia e non Israel. Estas diferenzas están relacionadas coa política editorial, o encadramento, a selección dos feitos e a elección da linguaxe.

 

 

Abeer Al-Najjar

En decembro de 2021, o Institute for Middle East Understanding (IMEU) publicou un documento sobre as mellores prácticas para informar sobre Palestina.

Algunhas recomendacións básicas foron incluír as voces palestinas e utilizar o marco da longa ocupación militar israelita para informar sobre os acontecementos actuais, que son perspectivas de sentido común.

O feito de que teñan que ser presentadas como directrices demostra até que punto os autores do informe cren que non son respectadas na maioría dos relatorios.

En xuño de 2021, 500 xornalistas estadunidenses pediron aos seus colegas repórteres e editores que modificasen a súa cobertura da Palestina. Comezaron a súa carta con esta declaración: “Durante décadas, a nosa industria xornalística abandonou estes valores [xornalismo profesional] na súa cobertura de Israel e Palestina. Fallamos á nosa audiencia cunha narrativa que obscurece os aspectos máis fundamentais da historia: a ocupación militar de Israel e o seu sistema de apartheid”.

Prohibido utilizar a palabra “Palestina”

Así mesmo, en maio de 2021, 2.000 canadianos -entre os que había profesionais dos medios de comunicación, avogados e académicos- asinaron unha carta aberta en que denunciaban a falta de matices na cobertura da violencia contra os palestinos durante a guerra de Gaza.

A carta sinalaba que mesmo o uso da palabra ‘Palestina’ continúa estando prohibido polas políticas editoriais de varias redaccións do Canadá.

No medio dun crecente coro de xornalistas norteamericanos frustrados pola falta de precisión na cobertura de Palestina e Israel, o organismo de control dos medios de comunicación pro-Israel CAMERA enviou unha carta aberta ao Angeles Times.

Nela, o grupo expresa a súa “grave preocupación” polo feito de que nove dos xornalistas do xornal asinasen a mencionada carta “anti-israelita” en xuño, e tenta socavar os motivos éticos dos xornalistas, á vez que deslexitima profesionalmente os autores.

Durante anos, os grupos de presión e as organizacións pro-israelitas, incluídos os organismos de control dos medios de comunicación como MEMRI, Committee for Accuracy in Middle East Media Reporting in America (CAMERA) e Honest Reporting, presionaron pública e privadamente os medios de comunicación occidentais para daren unha cobertura máis favorábel a Israel, protexendo ao mesmo tempo as súas políticas das críticas.

Esta presión incluíu a miúdo calificar de antisemita a información crítica. Un dos obxectivos é dominar a narrativa deslexitimando e desacreditando os xornalistas e medios de comunicación que cuestionan o discurso oficial israelita. Ao facer isto, é posíbel disuadir outros xornalistas de proporcionar unha información xusta, contextual, precisa e inclusiva sobre Palestina.

Contodo, nos últimos tempos, un conxunto de voces máis diversas pediu ás redaccións que rendan contas sobre a calidade da súa información sobre Palestina e Israel. Entre eles hai axencias de noticias, xornalistas, ONG, famosos e usuarios de redes sociais de todo o mundo.

Despedimento dunha xornalista por informar

Investigadores, analistas e comentaristas advirten que as opcións editoriais a miúdo encobren os crimes de Israel contra os palestinos, mascaran a asimetría de poder entre as partes e absolven Israel da responsabilidade das súas accións.

Ao mesmo tempo, deshumanizan os palestinos e obscurecen o seu sufrimento.

Por exemplo, termos como “confrontos”, “escalada violenta” e “tensións” son exemplos de tropos utilizados con frecuencia polas principais axencias de noticias occidentais, como Reuters, Associated Press, New York Times, The Guardian e outras, cando Israel recorre á violencia contra os palestinos.

As redaccións occidentais foron acusadas repetidamente de favoreceren as fontes israelitas, adoptaren unha terminoloxía pro-israelita e se absteren editorialmente de denunciar as accións de Israel mediante o uso sistemático da forma pasiva, que oculta a identidade do autor.

Cando, en raras ocasións, a cobertura dos medios de comunicación sobre a Palestina é xusta e o narrativa pro-israelita deixa de dominar, comeza a presión sobre os editores e xornalistas para este se vergaren ás acusacións dos grupos de presión e dos organismos de control dos medios de comunicación.

Por exemplo, o canal estadunidense NBC retirou o seu correspondente en Gaza, Ayman Mohyeldin, despois de que informase sobre un ataque israelita que matou catro crianzas palestinas que xogaban nunha praia en 2014.

Esta orde de expulsión inexplicábel foi revogada e o xornalista foi reincorporado a Gaza despois da reacción do público nas redes sociais.

Nun ataque máis literal aos medios de comunicación internacionais, no 15 de maio de 2021, Israel bombardeou e destruíu unha torre en Gaza que albergaba as oficinas de Associated Press e Al-Jazira, despois de alegar que a intelixencia militar de Hamás operaba no edificio.

Estas acusacións foron logo amplificadas polos medios de comunicación e o partidarios pro-israelitas, que en efecto culparon a AP da destrución das súas propias oficinas e cuestionaron a obxectividade de Associated Press.

Pouco despois, a colaboradora de Associated Press Emily Wilder foi despedida nos finais de maio de 2021, despois de que os medios de comunicación de dereitas a criticase a ela e a Associated Press polo activismo pro-palestino da facultade da xornalista.

Algúns sospeitan que o seu despedimento está relacionado coa crecente presión dos grupos de dereita sobre a reputación da Associated Press após a acusación sobre a súa oficina en Gaza, da que Israel non achegou probas.

Wilder dixo que un editor de Associated Press lle asegurara que non sufriría ningunha consecuencia polo seu activismo, antes de a chamar outra vez para dicirlle que estaba fulminantemente despedida.

Os xornalistas son bodes expiatorios

Así mesmo, varios traballadores árabes do servizo árabe da emisora alemá Deutsche Welle foron despedidos no inicio de 2022 a seguir as acusacións de que expresaran opinións anti-israelitas e anti-semitas en publicacións e artigos nas redes sociais.

O caso provocou unha investigación interna dentro da axencia e os seus socios mundiais, que deu lugar a un informe que exime a emisora das acusacións de “anti-semitismo estrutural”. Os xornalistas despedidos non tiveron a oportunidade de defenderse das conclusións do informe antes de este ser feito público. Deutsche Welle foi criticada por utilizar os seus xornalistas como “bodes expiatorios”.

Os xornalistas cuxos contratos son rescindidos por estes motivos costuman enfrentar o isolamento organizativo e profesional. Cando se fan acusacións de anti-semitismo, teñen como obxectivo amedrontar os xornalistas, editores e organizacións de noticias, como no caso de Associated Press e Deutsche Welle.

En última instancia, a estratexia de atacar ou intimidar os xornalistas e editores pola súa cobertura de Palestina e Israel podería conducir á autocensura, xa que eleva os riscos profesionais da cobertura ética de Palestina, silenciando os críticos e mobilizando os partidarios de Israel.

A cobertura crítica das noticias é esencial para garantir que as organizacións de noticias sexan responsabeis ante o público pola súa información.

Para o público, as habilidades básicas de información son tamén esenciais para navegar pola abundancia de fontes de noticias, diferenciar entre as historias e comprometerse críticamente co contido das noticias.

Tamén é esencial, en termos de consumo de información, que un individuo sexa capaz de tomar as súas propias decisións sobre as fontes de información que acompaña e o que comparte ou critica, para entender como os seus propios preconceptos poden influír na súa avaliación da información.

Os usuarios informados das noticias son certamente capaces de notar a ausencia da narrativa palestina na cobertura internacional de Palestina, e o predominio das fontes israelitas sobre as palestinas.

Portanto, deben seguir cuestionando a linguaxe, a imaxe e encadramento elixidos as organizacións de noticias e os xornalistas, coa esperanza de que a historia palestina sexa contada por fin de forma precisa e humanizadora.

Al Araby