O Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa e o Mecanisme Català de Prevenció da Tortura do Síndic de Greuges denuncian a aplicación sistemática e sen causas xustificadas de contencións mecánicas nos cárceres cataláns. Os casos expostos polo Síndic de Greugues e o Comité para a Prevención da Tortura sinalan o centro de Brians I como un dos que suman máis casos de aplicación de contencións mecánicas.

 

Brians 1, el nuevo 'hogar' de Ulibarri                                       Penitenciaria Brians I

Ter García

 

Persoas amarradas a un colchón encharcado polas súas propias defecacions durante toda unha noite; o caso de, polo menos, unha muller que foi amarrada até 32 veces nun ano e doutras tantas persoas inmobilizadas durante catro días seguidos. Son algúns dos exemplos máis sangrentos de uso de contencións mecánicas nos cárceres cataláns nos últimos tres anos expostos por Mark Kelly, membro do Comité pola Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa, e por Olga Casado, membro da Equipa de traballo do Mecanisme Català de Prevenció da Tortura (MCPT) do Síndic de Greuges, no pasado 15 de xuño durante a Xornada do Dia Internacional de Apoio a Vítimas da Tortura 2022, organizada polo Síndic de Greuges.

“Non é, nin máis nin menos, que a confirmación pública, despois de ver máis de 40 vídeos de contencións practicadas entre 2018 e 2020, dunha situación que só podemos cualificar de horríbel no cuantitativo e no cualitativo”, afirma Iñaki Rivera, director do Observatori do Sistema Penal i els Drets Humans da Universitat de Barcelona, organismo que, despois das xornadas, emitiu un comunicado en que esixe á Generalitat a creación urxente dun grupo de traballo no Parlament catalán, coa participación de especialistas en dereitos humanos, saúde mental, persoas afectadas polo uso de contencións mecánicas, xuristas, médicos e traballadores prisionais, en que se trate o uso deste tipo de contencións nos cárceres. Rivera vai máis alá e sinala que os casos expostos desde o CPT e o MCPT poden ser constitutivos de delitos de malos tratos. “Terían que ser enviados á Procuradoría para que o sistema penal investigue as posibeis responsabilidades penais que poidan decorrer”, afirma após resaltar que o propio inspector do CPT subliñou o papel da sociedade civil en desvelar este tipo de violacións de dereitos humanos ante a falta de vontade dos gobernos.

Rivera, cuxas denuncias de violacións de dereitos humanos nos cárceres cataláns xa lle supuxeron ser vítima de presións por vía xudicial por demandas de asociacións de funcionarios prisionais, sinala que, a partir do exposto por estes organismos de prevención da tortura, as contencións mecánicas foron empregadas nos cárceres cataláns entre 45 e 60 veces cada mes. “Sae un cociente de entre 1,5 e dúas veces cada día de media, o que desmente o argumento das autoridades canto a que as contencións mecánicas son utilizadas como último recurso”.

 

“Sae un cociente de entre 1,5 e dúas veces cada día de media, o que desmente o argumento das autoridades canto a que as contencións mecánicas son usadas como último recurso”, sinala Iñaki Rivera

 

“No estudo e gráficas mostrado pola doutora Casado maniféstase unha normalización na utilización das contencións mecánicas, especialmente no centro penal de Brians I”, sinala un comunicado do Observatori do Sistema Penal i els Drets Humans lanzado despois de teren sido expostos os diferentes casos por estes organizamos de prevención da tortura.

O CPT e o MCPT afirman ter constatado que, en moitas ocasións, nos cárceres cataláns foron utilizadas as contencións mecánicas con persoas presas durante ao redor de 20 horas sen que houbese “ningún tipo de necesidade, xa que as persoas amarradas xa estaban tranquilas”. Mesmo lles foi aplicado este tipo de contención despois de teren sido xa medicadas e estaren durmidas, e confirmaron casos en que os funcionarios de prisións ameazaban persoas presas con aplicarlles contencións mecánicas durante máis tempo se non aceptaban ser medicadas. Tamén que, en moitos casos, as persoas presas amarradas estiveron até seis horas sen que os funcionarios comprobasen o seu estado.

 

Fíxose uso das contencións mecánicas a persoas presas durante ao redor de 20 horas sen que houbese “ningún tipo de necesidade, xa que as persoas amarradas xa estaban tranquilas”, denuncian o Síndic de Greugues e o Consello de Europa

 

“Fican acreditadas situacións extremamente preocupantes en relación ao sufrimento das persoas privadas de liberdade nas prisións de Catalunya en materia de retencións”, sinlan desde o Observatori, organismo que denuncia que algunhas destas prácticas serían constitutivas de tratos inhumanos ou degradantes segundo os organismos internacionais contra a tortura e constituirían unha vulneración grave dos dereitos fundamentais.

O Observatori tamén denuncia que este tipo de contención “correas de coiro coas que se amarra a unha cama” non está prevista nin na lei nin nos regulamentos prisionais. “Existe o artigo 45 da Lei Penitenciaria do 79, que di que só poderán ser aplicados os medios coercitivos previstos no regulamento, e no Regulamento prisional o artigo 72 inclúe unha enumeración en que non están as contencións mecánicas. Estamos a falar do uso xeneralizado do medio coercitivo máis grave sen este estar previsto na normativa prisional, é unha violación do principio de legalidade”, destaca Rivera. Tamén resalta a opacidade no que di respecto ao uso deste tipo de contención xa que, aínda que é obrigatorio detallar nun rexistro cada situación en que se aplican contencións mecánicas, o motivo da súa aplicación, a súa hora de inicio e a súa hora de finalización, o MCPT constatou que o uso de contencións mecánicas só se anota nas historias clínicas de internos. “Hai unha cifra invisíbel de contencións efectivamente practicadas mais non oficialmente rexistradas, e isto, como mínimo, e sendo moi prudente, pode afirmarse que é unha falta de transparencia”, engade Rivera, que destaca que os únicos documentos en que se regula o uso das contencións mecánicas nos cárceres cataláns son os guías de actuación prisionais, coñecidos coas siglas GAP, que non son públicos e que o Síndic de Greuges anunciou que reclamará ante o Parlament que o sexan.

 

“Hai unha cifra invisíbel de contencións efectivamente practicadas mais non oficialmente rexistradas, e isto, como mínimo, e sendo moi prudente, pode afirmarse que é unha falta de transparencia”, engade Rivera

 

O uso de contencións mecánicas nas prisións foi abolido xa en varios países europeos, como o Reino Unido, a Irlanda ou o Países Baixos. Contodo, nos cárceres españois ainda é aplicado, apesar de o Consello de Europa xa ter urxido o Reino de España a abolir esta práctica, nos cárceres e nos centros psiquiátricos. En xuño de 2021 deixaron de usarse nos centros de menores, a seguir a morte de varios mozos por causa do seu uso, o último deles Iliass Tahiri no centro Terras de Oria, en Almería.

No caso de Catalunya, única comunidade autónoma con competencia en cárceres, a Circular 2/2021, publicada en maio do pasado ano, limitaba o seu uso restrinxíndoo a último recurso e propondo, no seu lugar, outras medidas de contención como celas acolchoadas, mais en marzo deste ano a Conselleria de Xustiza reformou a circular eliminando esta limitación por mor dos protestos dos funcionarios de prisións, que afirmaron que as restricións na aplicación de contencións mecánicas supuxeran un aumento no número de agresións de internos sufridas polos traballadores, un argumento cuestionado polo CPT, organismo que sinala que solicitou ao Departament de Xustiza catalán datos que apoiasen esta denuncia e nunca recibiron resposta.

El Salto Diario