tribunal estrasburg Adrian Grycuk (Wikimedia)Tribunal de Estrasburgo Adrian Grycuk (Wikimedia)

 

“Contra España”. Así volveu a fallar na pasada terza-feira o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos contra o Estado Español. Os demandantes eran cinco líderes da esquerda abertzale, entre os cales Arnaldo Otegi. O veredito, moi claro: “Este tribunal conclúe que existiu unha vulneración do artigo 6.1″, o que regula o dereito a un xuízo xusto. Neste caso, por falta de imparcialidade”.

O Tribunal de Estrasburgo deu a razón a Otegi, que apesar diso tivo que pasar seis anos e medio no cárcere. Foi condenado pola Sala Cuarta da Audiencia Nacional, cuxa presidenta, como recolle a sentenza europea, tiña preconceitos contra o agora secretario xeral de Bildu. Por exemplo, a maxistrada preguntoulle se condenaba o terrorismo de ETA. Otegi non respondeu e a presidenta do tribunal replicó “xa sabía eu que non me respondería esta pregunta”. Así o relata o tribunal: “A presidenta do tribunal utilizou expresións que implicaban que xa formara unha opinión desfavorábel en relación ao primeiro demandante (Otegi) antes de o caso se resolver”.

A condena de Estrasburgo contra España por non garantir un xuízo xusto (artigo 6) polo caso Betaragune non é un caso isolado. Sen ir máis lonxe, e só pola vulneración deste artigo, o Estado español foi condenado en 40 ocasións durante os últimos 10 anos, desde o 2008. Desde que entrou no Consello de Europa, en 1977, máis de 70 veces. A iso habería que sumar outras vulneracións, como o caso das torturas, que supoñen un capítulo importante no caso español.

Concretamente, o artigo 6 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos regula o “dereito a un proceso equitativo”, quer dicir, a un xuízo xusto. O seu primeiro parágrafo -o máis vulnerado polo Estado español- establece que “toda persoa ten dereito a que a súa causa sexa escoitada equitativamente, publicamente e dentro dun prazo razoábel, por un tribunal independente e imparcial”. O segundo apartado establece a presunción de inocencia “até a súa culpabilidade ser legalmente declarada”. E o terceiro apartado fixa que calquera acusado ten, como mínimo, dereito a ser informado, dispor de tempo, interrogar as testemuñas que declararen na súa contra ou a ser asistido por un intérprete.”

No caso de España, o motivo máis habitual de vulneración do artigo 6 durante a última década foi por vulnerar o dereito á defensa, por exemplo condenar un acusado sen lle dar unha audiencia pública. Rexistráronse 14 casos desde 2008. A continuación vén o feito de non garantir a tutela xudicial efectiva (11), a duración excesiva do proceso (6), a parcialidade do tribunal (5) e non respectar a presunción de inocencia (3).

Entre estes casos, a maioría deles son correntes, mais tamén os hai políticos como o do mesmo Arnaldo Otegi ou o do expresidente do Parlamento vasco, Juan María Atutxa, que fora condenado polo Tribunal Supremo por negarse a disolver o grupo parlamentar de Sozialista Abertzaleak.

Ás portas do xuízo do caso 1-O, as defensas dos presos e exiliados políticos xa teñen a vista fixada en Europa, e máis concretamente en Estrasburgo, onde esperan achar xustiza se non a achan no Estado español. De precedentes de xuízos inxustos hai uns cantos. E algúns dos elementos destas condenas lembran perfectamente o caso catalán.

 

atutxa efe                 Juan María Atutxa (efe) Foto: EFE

 

A Mesa do Parlamento vasco

Un dos reveses máis importantes de Estrasburgo foi o caso Atutxa. O TEDH pronunciouse a favor do expresidente do Parlamento vasco, Juan María Atutxa, e dos membros da Mesa Gorka Knörr e Kontxi Bilbao. O Tribunal Supremo condenounos por un delito de desobediencia á autoridade xudicial. O motivo: non disolveren o grupo parlamentar Sozialista Abertzaleak despois da ilegalización de Batasuna.

Segundo o tribunal europeo, os tres políticos vascos, que foron inhabilitados para exerceren cargo público, non tiveron un xuízo xusto. Concretamente, “foron privados do seu dereito a defenderse no cadro dun debate contraditorio”, como recolle a sentenza de xuño de 2017. Foron condenados sen seren escoitados nunha vista pública, como noutras condenas que recibiu España de Estrasburgo.

Curiosamente, cando chegou José Luís Rodríguez Zapatero á Moncloa, a fiscalía mudou de criterio: de presentar a querela que abriu o proceso xudicial, con José María Aznar de Presidente, a pedir a absolución cos socialistas ao poder.

Prisión cautelar

En febreiro de 2016, o Tribunal de Estrasburgo fallou contra España, nunha sentenza que xuntou dous casos parecidos. O primeiro é o do cidadán arxentino Claudio Marcelo Lanni, detido en Barcelona por dous supostos delitos de roubo. Pasou 14 días en prisión preventiva até o caso ser arquivado por falta de indicios. O segundo é o do cidadán británico Clve Marshall Bieeland, extraditado de Francia a España acusado de narcotráfico e lavaxe de capitais. Acabou sendo absolvido pola Audiencia Nacional, despois de pasar 139 días en prisión cautelar.

Nos dous casos, o TEDH concluíu que fora violado o artigo 6.2 do Convenio, que establece a presunción de inocencia. O tribunal ordenou a España indemnizar Lanni con 15.500 euros por danos morais e custos. Blieeland non solicitou ningunha reparación económica na súa queixa.

Curiosamente, a defensa nos dous casos foi a cargo do avogado chileno Gonzalo Boye, hoxe un dos avogados dos presos e exiliados políticos.

 

TEDH Esteban Romero Flickr                   TEDH Foto: Esteban Romeu (Flickr)

 

Violencia policial

Mikel Iribarren tiña 18 anos cando, a noite do 15 de decembro de 1991, se manifestaba contra a dispersión dos presos de ETA na Zona vella de Iruña. O impacto dun bote de fume da Policía Nacional deixouno en situación de invalidez e o seu rostro ficou deformado polo impacto e as queimaduras. Así o describía a crónica de El País ao chegar ao Hospital de Nafarroa: “O mozo ten afundida a parte dereita do cranio, sofre queimaduras na metade da cara, traumatismo nun ollo, así como paraplèxia na metade esquerda do corpo”. Pasou case un mes en coma e tivo que ser sometido a varias intervencións.

Estrasburgo condenou o Estado español por violar o artigo 3 do Convenio, que prohibe a tortura. Xustificou que, ao negarlle indemnización, os tribunais españois “non consideraron suficientemente a gravidade das feridas e secuelas”. Mais tamén condenou as autoridades españolas por vulneraren o artigo 6.1, porque o procedemento non tivo lugar nun “prazo razoábel”. A sentenza europea chegou en 2009, 18 anos despois dos feitos. O axente que disparou o artefacto aínda non foi identificado, 27 anos despois. O Estado tivo que indemnizar Iribarren con 170.000 euros.

Suposto terrorista

En xuño de 1994, a Garda Civil detivo 13 supostos membros do comando Kirruli de ETA, en Guipúzcoa. Entre eles había José Ignacio Lizaso Azkonobieta, que foi posto en liberdade sen cargos cinco días despois. Dous días antes da súa liberación, o entón gobernador civil de Guipúzcoa, José María Gurruchaga, dixo en conferencia de prensa que Azkonobieta era membro deste comando, autor de tres atentados onde morreran gardas civís.

No 2011, 17 anos máis tarde, Estrasburgo condenou o Estado español por vulnerar a súa presunción de inocencia a indemnizalo con 12.000 euros por danos morais. Segundo a Terceira Sala do TEDH, presidida polo xuíz andorrano Josep Casadevall, a presunción de inocencia non só vincula os xuíces e tribunais, senón tamén outros axentes do Estado ou personalidades públicas. Segundo o tribunal europeo, o gobernador civil “incitou” a crer na súa culpabilidade.

 

comando kirruli                                 Comando Kirruli

 

A primeira condena: tres independentistas

Curiosamente, a primeira condena de Estrasburgo a España por non garantir un xuízo xusto chegou da man de tres independentistas cataláns: Xavier Barberà, Antoni Messeguer e Ferran Jarbado. En 1994 obrigou o Estado a indemnizalos con 20 millóns de pesetas, despois de teren sido condenados a 78 anos de prisión –dos cales cumpriron 23 en total– polo asasinato do asasinato do empresario José María Bultó.

En decembro de 1988, Estrasburgo condenou España por non garantir o dereito a un xuízo de xusto, despois de os demandantes alegaren que as únicas probas eran unhas declaracións obtidas baixo tortura. En novembro de 1991, o Tribunal Constitucional declarou nulas as sentenzas condenatorias e ordenou repetir o xuízo. Este celebrouse en decembro de 1993, e a Audiencia Nacional absolveunos por falta de probas.

Nicolás Tomás

El Nacional