Non é verdade que o Goberno vaia ficar inactivo ante un suposto ataque á inmunidade da xurisdición española por parte dun tribunal estranxeiro. O Goberno comparecerá se tal caso se producir, mais, en principio, entenden que a demanda non fala diso e, certamente, que a independencia de ningún xuíz se ve menoscabada.

 

Llarena pide amparo al CGPJ por la demanda civil presentada por Puigdemont

 

 

A acertada posición do Ministerio de Xustiza ante á insólita petición do CXPX de utilizar fondos públicos para defender un xuíz concreto, Pablo Llarena, nun asunto civil privado en Bélxica suscitou a irada reacción das principais asociacións conservadoras de xuíces e de fiscais. Nun duro comunicado conxunto chegan a deixar pairar a ameaza de accións penais sobre a ministra e o seu equipo pola ‘pasividade ao non adoptarse medidas para salvagardar a independencia xudicial e a inmunidade da xurisdición de España’ á vez que esixen ao Goberno que adopte as medidas instadas polo CXPX no amparo concedido. Nada din das condicións extemporáneas en que este foi acordado nin por suposto se inquietan polas consecuencias penais que tal actuación da Comisión Permanente do  CXPX puidese ter. Temo que isto llo están traballando outros.

Entendo que o comunicado asociativo prodúcese sen ler a demanda civil belga posto que afirman que se trata dunha demanda ‘pola súa actuación no asunto en que foi instrutor’. O certo é que a demanda afirma en reiteradas ocasións que o que consideran vulneración de dereitos durante a instrución se sustanciará noutras instancias e que en ningún caso é motivo dese procedemento civil. Non hai dúbida de que, usando a necesidade de contextualizar a petición, a demanda aproveita para compilar non só algúns feitos do procés, senón tamén parágrafos dos autos de Llarena en que a este se lle foi a pluma e acabou afirmando que é a ideoloxía independentista que manteñen os procesados a decisiva para os manter en prisión. Teñen bo coidado, no entanto, de rebitar que a súa demanda non se refire a iso. O contexto tamén serve para recoller manifestacións do Goberno anterior e doutras instancias en que se afirma que o delito de rebelión foi cometido e que estas persoas foron quen o cometeu. Algo que acabou por resultar case normal en España mais que pode arrepiar máis de un fóra.

A cuestión, segundo a demanda, é que o xuíz Llarena, instrutor dun caso, manifestou publicamente que entre as dúas opcións que deben dilucidarse nun xuízo, a saber: que se trate dunha acusación penal por feitos políticos non tipificados (posición das defensas) ou que se trata dun delito de rebelión tipificado (posición da Fiscalía), o instrutor decántase por unha. O que fai Llarena nas súas declaracións, en opinión dos avogados de Puigdemont, é manifestar publicamente que se está no segundo suposto. Cando di ‘un delito político son aqueles comportamentos que normalmente non estarían sancionados polo ordenamento xurídico-penal e que, contodo, por unha consideración política estes comportamentos son perseguidos (sic)’ está a mencionar a opción A mais continúa ‘non é o caso que estamos a levar agora no TS, trátase de comportamentos que aparecen recollidos no noso Código Penal’ que sería a opción B. O que a demanda belga vén dicir é que o obxecto do xuízo que aínda non tivo lugar é dilucidar se estamos na opción A, tese da defensa, ou na opción B, tese das acusacións, e que portanto o xuíz de instrución nunca debe pronunciarse dando por certo que a tese das acusacións é a boa. Non é a única intervención a que se refiren, dado que tamén mencionan outras, mais esta é importante. Pode dicir iso un instrutor? Os xuíces belgas verán o caso á luz da súa lexislación e da xurisprudencia do TEDH, que é moi estrita a respecto da expresión privada dun xuíz respecto dos seus casos. No entanto, podería ser que Puigdemont non gañase a demanda. Ninguén afirma que vaia facelo. De facto até hai unhas semanas todo era unha festa e unhas risas a respecto deste caso que agora se converte nun ariete contra o Goberno, unha vez que a conxunción de forzas CXPX-Avogacía-Ministerio para salvar o peto do soldado Llarena rompeu coa mudanza de signo político.

Tampouco é verdade que o Goberno vaia ficar inactivo ante un suposto ataque á inmunidade da xurisdición española por parte dun tribunal estranxeiro. O Goberno  comparecerá se tal caso se producir, mais, en principio, entenden que a demanda non fala diso e, certamente, que a independencia de ningún xuíz se ve menoscabada. Esquecen moitos que Llarena puido ser máis prudente. Esquecen que puido dicir aos xornalistas, simplesmente, ‘non fago declaracións sobre ese caso que instrúo’. Non é tan difícil. Eu ouvinllo dicir a moitos maxistrados ao longo da miña carreira. Ou podía ter dito: ‘Iso que me preguntan é precisamente o que se debe sustanciar no xuízo que, canto antes vai producirse…’. Non foi así. Elixiu facer a declaración que fixo após unha conferencia privada paga por BMW. El decidiu impartila e cobrou por ela e non o compartiu co Estado nin cos contribuíntes, loxicamente, e tamén decidiu facer unhas declaracións que foron unha decisión individual. Por que compartir agora os danos ou consecuencias que puideren derivarse?

Agora prodúcese un movemento de fileiras cerradas ao redor del, nun corporativismo que pode ser de peto, non por pequeno e manexábel, senón porque se basee no medo doutros maxistrados a que algún día puideren verse nun suposto así. Difícil. O certo é que toda esta estratexia procesual estranxeira e estraña responde a unha situación excepcional. A constatación de que é imposíbel obter resposta imparcial por parte da Sala II a nada que sexa prexudicial para algún dos seus membros é unha realidade. Isto non acontece no caso da herdanza da súa curmá ou do cruento asasinato de non sei quen. Isto acontece no caso que afecta o procès e non hai dúbida de que as posibilidades de que un recurso sobre calquera das anomalías procesuais que se sucederon ou sobre a imparcialidade dun maxistrado ou sobre a contaminación que supón que a mesma persoa admita a trámite unha querela e despois presida o xuízo por ela son nulas. Esa certeza e non outra cousa provocou todo este universo paralelo en Europa en busca dunha frialdade que non se dá en España. Sobre este fraco servizo á patria que se está facendo si debería reflectir o Tribunal Supremo.

Así que aí temos esa resposta agresivamente corporativa dalgunhas asociacións xudiciais que, indubitabelmente, están a facer política e que de camiño que se indignan por algo que non é rigorosamente verdade, pois atiran unha carga de profundidade á nova ministra. Xa estaba historicamente claro que non hai peor acha que a da mesma madeira, e que non lle ían a conceder nin unha semana de tregua, mais agora fical palmariamente manifesto vistan como o vestiren.

Elisa Beni

El Diario