No pasado ano, un soldado da Unidade Militar de Emerxencias (UME) tivo unha media de 0,017 intervencións; en canto as dos bombeiros de Madrid foron 13,7; 34,5 en Barcelona e 13,4 en Bilbo. 

El Ejército desinfecta la estación de Abando de Bilbao                                  Efectivos da UME desinfectando a estación do ferrocarril de Bilbo. Foto: CHRISTIAN GARCÍA

Os soldados da Unidade Militar de Emerxencias (UME) continúan a desinfectar residencias, estacións e papeleiras. Os bombeiros poderían facelo a custo máis baixo e de maneira máis eficiente. Mais a UME é unha cuestión de Estado en que se inviste unha media de 150 millóns de euros ao ano para manter un persoal de máis de 3.500 soldados, que en 2019 colaboraron nas tarefas de extinción de 34 incendios e participaron noutras 26 intervencións (inundacións, nevascas, colaboracións internacionais).

No pasado ano, os 1.800 bombeiros do Concello de Madrid realizaron un total de 24.669 saídas. Os 607 de Barcelona, case 21.000. Os 186 de Bilbo, á volta de 2.500. Un soldado da UME tivo unha media de intervención de 0,017; en canto a dos bombeiros de Madrid foi de 13,7; 34,5 os de Barcelona, e 13,4 os de Bilbo.

Co orzamento da UME podería contratarse un bombeiro máis en cada un dos parques do Estado, pasando de 20.000 a 23.500 profesionais, indica o bombeiro Ina Robles. “Iso si aumentaría a protección civil considerabelmente”, sostén.

 

Co orzamento da UME podería contratarse un bombeiro máis en cada un dos parques do Estado, pasando de 20.000 a 23.500 profesionais

A Robles tamén lle doe a desproporcionalidade entre os materiais militares e civís: a UME ten case mil vehículos terrestres, avións, helicópteros, embarcacións lixeiras e drones. “Mesmo a súa vestimenta técnica é mellor, e iso que a nosa é boa”, indica.

É difícil trazar o investimento realizado na UME desde os opacos orzamentos de Defensa, mais o Centre Delàs constatou que entre 2007 e 2011 foron investidos 80 millóns para catro helicópteros Cougar, 40,5 millóns para o avión apaga-fogos de Airbus Defence e 60,4 millóns para nodos CIS de Indra. Os respiradores hospitalares teñen un prezo de entre 10.000 e 20.000 euros, segundo fabricante.

Nunha situación de 40 anos de democracia, a despesa militar elevouse en 2018 a case 20.000 millóns de euros, en tanto o gasto sanitario público, do que todas as persoas son beneficiarias, ascende a 68.500 millóns.

 

En Bizkaia, formaron grupos voluntarios de bombeiros para desinfectar as residencias e evitar a presenza do exército

 

DESOBEDIENCIA CIVIL
En Catalunya hai concellos que reclamaron a intervención da UME, mesmo o de Barcelona, mais en Bizkaia os bombeiros crearon na pasada semana grupos de voluntarios xestionados para levar a cabo as tarefas de desinfección de residencias. “Se desinfectamos nós, eles non son necesarios”, insiste Robles, coñecido polas súas accións de desobediencia civil, como negarse a carregar armas no porto de Bilbo, polo que foi expedientado por unha falta moi grave.

A insubmisión foi probabelmente a campaña de desobediencia civil máis exitosa da historia dos movementos sociais do Estado. Cando en 2002 foi decretado o fin do servizo militar e do servizo social substitutorio, a imaxe do exército, precedida por golpes de estado e lealdade ao ditador Francisco Franco, estaba danada. Tres anos despois, no verán de 2005, unha vaga de incendios arrasou o monte, de Guadalaxara a Galiza. Foi nese contexto que o Goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero considerou pór en marcha a UME.

“O exército fechou 2002 cunha ferida forte e para o lexitimaren, puxeron en marcha misións humanitarias e de paz, mais o nacemento da UME supuxo máis un paso no obxectivo de mellorar a imaxe dunha institución socialmente cuestionada, cuxo orzamento é visto como inútil por grande parte da sociedade”, asegura Ignacio Sanz, membro do MOC. “O problema é que a despesa militar supón cortes para os servizos que sosteñen a vida”.

“Do punto de vista económico e funcional, a UME é absurda”, engade Ina Robles, quen considera que “dun punto de vista anti-militarista, a militarización da vida civil só ocorre en países pouco desenvolvidos, os desenvolvidos, tenden a desmilitarizarse”.

 

“Veñen coas súas cámaras para gravarse e divulgar os vídeos, mais as cámaras non chegan á primeira liña de lume, onde estamos nós, as bombeiras forestais”

 

GRAVARSE NOS INCENDIOS
Os bombeiros forestais teñen que traballar de xeito conxunto coa UME cando un incendio está fora de control e pasa a emerxencia de nivel 2. “Veñen coas súas cámaras para gravarse e divulgar os vídeos, mais as cámaras non chegan á primeira liña de lume, onde estamos nós”, resume Cristina García. “Deberiamos ter en conta que a súa presenza significa priorizar recursos en alguén que non é bombeiro forestal nin pertence aos dispositivos locais, que somos quen ten a capacidade de conseguir que os surtos de fogo non se propaguen”.

A bombeira forestal destaca tamén a dificultade que supón coordenarse cos efectivos da UME, xa que “eles deben recibir as instrucións dos seus propios mandos, o que dificulta a coordenación con nós, que somos quen a dirixe”. Nun contexto de crise climática, en que se prevén máis secas, máis incendios e máis catástrofes, “a prioridade debería ser a primeira intervención, que é a máis rápida, e esta depende dos cocientes que teñamos e do orzamento”.

A avogada da CXT Mercè Teodoro, nunha carta aberta, considera que “a mellor contribución social que podo facer é denunciar a grande campaña de propaganda militarista que está a levar a cabo o Goberno español, porque o virus prívanos temporalmente de saír á rúa, fainos adoecer e pode facernos morrer, mais non nos priva das nosas facultades intelectuais nin nos converte en rebaño”.

Adrián Vaillo, do Grup Antimilitarista Tartaruga acrecenta que para eles as despesas militares non se circunsciben só aos 19.926 millóns do exército en todas as súas variantes, senón que ultrapasarían os 30.000 millóns, incluíndo todas as forzas de seguranza..

GESSAMÍ FORNER
@GESSAMIFORNER

El Salto Diario