As organizacións Rede Sare, Salhaketa Araba e Etxerat esixen que o Reino de España cumpra as recomendacións da OMS e o Consello de Europa para a prevención da Covid-19 nos cárceres e advirten que grande parte da poboación prisional ten patoloxías graves.

 

Carcel Soto del Real 2                                       O cárcere de Soto del Real é, xunto co de Estremera, a que máis casos de covid-19 concentra. DAVID F. SABADELL

 

“Non foron aplicadas as medidas propostas polos organismos internacionais e, paradoxalmente, as cifras oficiais de persoas presas contaxiadas é residual. Entendemos que están minimizando e ocultando os datos para evitar a alarma social”, sinala César Manzanos, de Salhaketa Araba nunha conferencia de prensa celebrada xunto coas organizacións Etxerat e Rede Sare para denunciaren a situación que viven as persoas presas no cadro da crise do coronavirus.

A día de hoxe, Institucións Penitenciarias conta tres funcionarios de prisións mortos por coronavirus e dous internos nos cárceres de Alacant, Cuenca e Soria. Os positivos cumulados son xa 254 traballadores espallados por todas as comunidades -e dos que 106 xa recibiron alta-, e 56 internos, que se concentran especialmente nas prisións de Madrid VII -Estremera- e Madrid V -Soto del Real-. Un dos presos doentes deste último cárcere é o único que está actualmente hospitalizado, outros 14 xa teñen alta.

Xa pasou mes e medio desde que a Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Consello de Europa, ante queixas presentada por máis de 50 organizacións civís entre as que están a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA), Irídia ou Salhaketa Nafarroa, recomendaron aos estados adoptaren medidas alternativas á prisión para prevenir contaxios e mortes por coronavirus. Desde entón, segundo confirmaron a El Salto fontes de Institucións Penitenciarias, máis de 2.000 presos en terceiro grao -réxime aberto- foron enviados a casa para pasar o confinamento. “As xuntas de tratamento din, de forma individualizada, se se pode pór a un preso de terceiro grao un control telemático ou de voz para que esas persoas que entran e saen pasen o confinamento na súa casa, mais non foi posíbel aplicar esa medida en todos os casos porque hai presos que non teñen domicilio onde poidan cumprir a cuarentena, ou familia que os acolla ou recursos nas comunidades autónomas para os hospedar”, explican fontes de Institucións Penitenciarias.

Contodo, non hai datos sobre posibeis casos en que se promoveu a progresión a terceiro grao a internos doentes, e, alén diso, continuaron os ingresos nos cárceres, en moitos casos polo incumprimento do estado de alarma. Foi o caso do interno achado sen vida no cárcere de Logroño no pasado 3 de maio; un home de 41 anos e gandeiro de profesión, segundo sinala o xornal La Rioja. O home fora encarcerado despois de violar reiteradamente o confinamento e tirou a vida na cela.

 

“Non foi deseñado un programa de actuación en materia preventiva e asistencial específico para as prisións, tendo en conta que do mesmo xeito que nas residencias de idosos, o encerramento pode ser un masacre”, sinala Manzanos

 

Salhaketa reclama o acceso ao test de Covid-19 para toda a poboación reclusa e funcionarios de prisións para evitar a diseminación. “Non foi deseñado un programa de actuación en materia preventiva e asistencial específico para as prisións, tendo en conta que do mesmo xeito que nas residencias de idosos, o encerramento pode ser un masacre”, sinala Manzanos, quen lembra que a poboación total encarcerada ultrapasa as 60.000 persoas e que moitas destas persoas teñen patoloxías físicas e psíquicas.

Manzanos tamén destaca que até agora non se levou a cabo de forma xeneralizada a liberación dos presos preventivos, dos presos en terceiro grao e dos doentes e maiores de 70 anos, como se fixo noutros estado. “Só os liberan cando están gravemente doentes, para morreren fóra”, denuncia.

“Desde o inicio do estado de alarma vimos denunciando a situación de vulnerabilidade que viven as presas e presos, e en particular os vascos, para os que a esa vulnerabilidade se une o afastamento e o que moitos están nun primeiro grao penitenciario que se lles vén aplicando desde hai tres décadas”, afirma, por súa vez, Joseba Azcarraga, ex-conselleiro de Xustiza do Goberno vasco e membro da Rede Sare.

 

“Moitos deles deberían estar en liberdade condicional por teren cumprido tres cuartas partes da condena”, subliña Azcarraga

 

Azcarraga lembra que hai decenas de presas e presos vascos que teñen máis de 60 anos e algúns deles pasaron xa máis de 20 anos no cárcere. “Moitos deles deberían estar en liberdade condicional porque cumpriron tres cuartas partes da súa condena”, subliña. Desde Sare reclaman que estes presos, así como aqueles que sofren doenzas graves, “sexan enviados a casa”. “Esiximos que se poña fin ao réxime de excepcionalidade, que se aplique a lei sen máis”, conclúe.

Desde Etxerat, o seu portavoz Urtzi Errazkin afirma que nos cárceres dos Estados español e francés “conseguiron que os presos e presas sexan as persoas máis isoladas e, á vez, máis expostas á covid-19”. Denuncia que a prioridade nestes dous países no que toca ás persoas encarceradas é “mantelas en prisión, á marxe das recomendacións feitas desde Europa ou pola OMS” e lembra que, cando o 13 de marzo o Goberno de Pedro Sánchez anunciou o estado de alarma, xa estaban en rota para ver ás súas presas e presos moitas familias vascas, que finalmente non puideron velos apesar de facer, en moitos casos, varios centenares de quilómetros.

Errazkin lembra que dos 5.000 presos dos cárceres franceses liberados polo Goberno por causa da crise do coronavirus, nin un único era vasco -actualmente hai 34 presos e presas vascos nos cárceres franceses-. Tampouco eran vascos ningún dos máis de 2.000 presos en terceiro grao enviados a casa para pasaren o confinamento a finais de marzo nos cárceres españois.

El Salto Diario