É imprescindíbel emprender un conxunto de medidas que compensen as restricións de dereitos que sufriron as persoas privadas de liberdade por causa da pandemia.

 

Cárcel de Córdoba                                      Cárcere de Córdoba

 

Francisco Miguel Fernández Caparrós

 

Desde o inicio da pandemia da Covid-19, as persoas privadas de liberdade sufriron un endurecemento das condicións de reclusión, unha maior exposición a contraer a doenza debido ás propias características do encarceramento, así como un maior risco de padecer as súas consecuencias, xa que as persoas presas adoitan ter peor estado de saúde en comparación co resto da poboación. Neste contexto, tanto organizacións internacionais, entre elas as Nacións Unidas ou o Consello de Europa, como entidades sociais de todo o Estado español, solicitamos desde o comezo da crise provocada pola Covid-19 a excarceración do maior número posíbel de persoas privadas de liberdade. Case dous anos despois do inicio da pandemia, pode ser un bo momento para examinar cal foi a evolución da situación nos centros prisionais.

De acordo cos datos solicitados pola Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito, estímase que até o mes de maio de 2021 ao redor de 550.000 persoas presas de 122 países foron infectadas coa Covid-19 e morreran por esa causa por volta de 4.000. Aínda que as Nacións Unidas recoñecen que os datos contan cunha serie de limitacións, son unha das mellores aproximacións disponibeis para coñecer a incidencia da Covid-19 no plano mundial. Entre as medidas adoptadas polos Estados, a organización internacional presta especial atención ao número de excarceracións practicadas durante a pandemia. Segundo as cifras recompiladas, polo menos 700.000 persoas privadas de liberdade en todo o mundo foron excarceradas, o que implica que, a respecto dun total de 11,5 millóns de persoas presas, ao redor dun 6% da poboación recluída saiu de prisión desde marzo de 2020.

Contodo, unha das principais preocupacións das Nacións Unidas nesta materia é o carácter temporal e excepcional das medidas adoptadas ou, por outras palabras, un dos principais temores da organización internacional é que se produza unha reversión do impulso dado ao uso alternativo á privación de liberdade en tempos de Covid-19. Por iso, entre as recomendacións dirixidas aos Estados, a Oficina contra a Droga e o Delito da ONU subliña que os Estados membros deben acelerar, alargar e institucionalizar «o uso de medidas non privativas da liberdade, garantindo a disponibilidade dunha ampla variedade de alternativas ao encarceramento».

No ámbito rexional europeo, nos inicios do ano 2020 estaban privadas de liberdade ao redor dun millón e medio de persoas, segundo os datos ofrecidos polo Consello de Europa. Entre marzo e setembro do primeiro ano de pandemia foron excarceradas unhas 143.000 persoas presas (aínda que compre sinalar o feito de que 114.000 delas correspondían só a Turquía). O informe do Consello de Europa detecta dúas grandes tendencias na rexión: por unha banda, no primeiro trimestre da pandemia, esta foi acompañada dunha diminución xeral da poboación presa europea durante o período dos confinamentos, mais, por outra parte, esa tendencia detívose -e nalgúns casos foi revertida- despois do fin do confinamento. Segundo o Consello de Europa, hai tres factores que poden explicar esta evolución: a diminución da actividade dos sistemas xudiciais do continente, as excarceracións efectuadas e a descida da taxa de delincuencia vinculada coas medidas de confinamento.

O Estado español inscríbese na tendencia internacional descrita. Se no mes de xaneiro de 2020, a poboación total privada de liberdade se situaba nas 58.369 persoas, seis meses máis tarde diminuíra nunhas 3.000 persoas. Desde ese momento, seguindo a tendencia experimentada por outros países europeos, a cifra de persoas presas mantívose estábeç (por volta das 58.000 persoas). Cómpre advertir que a diminución da poboación recluída foi continua na última década tal e como pode observarse na seguinte tabela a partir dos datos da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias.

 

 

Lonxe de convidar á complacencia, o escenario descrito deita luz sobre dúas ideas. A primeira, repetida incesantemente, é que temos un sistema prisional extraordinariamente duro e sobredimensionado. As medidas de excarceración adoptadas por causa da pandemia mostraron claramente que, cos propios instrumentos contemplados no ordenamento xurídico, é posíbel reducir o número de persoas que están privadas de liberdade en centros prisionais aplicando medidas alternativas ao uso da prisión. A segunda idea ten a ver co horizonte punitivo que debuxa a pandemia, isto é, co risco -cando non a certeza- de que a «nova normalidade» carceraria sexa a realidade que xa coñecemos: entre elas, a persistencia dunha das taxas de encarceramento máis elevadas da Europa occidental ou a crítica e disfuncional situación en que se encontra a atención sanitaria en prisión.

Frente a este segundo risco, é imprescindíbel emprender un conxunto de medidas que compensen as restricións de dereitos que sufriron as persoas privadas de liberdade por causa da Covid-19 (como a suspensión de comunicacións cara a cara, as suspensións de licenzas ou a paralisación dos programas de tratamento) e que ao mesmo tempo aprofunden no uso de medidas de excarceración coas que xa conta o noso ordenamento xurídico. Trataríase de pór en andamento unha especie de New Deal penitenciario. Pola contra, corremos o risco de que no ámbito penal o «fin da excepcionalidade» introducida pola Covid-19 non supoña a volta a ningún escenario de «normalidade», senón que se trate do regreso á vella excepcionalidade que xa coñecemos nos centros prisionais.

elDiario