A morte dunha residente na Domus Vi de Matogrande (Coruña) na segunda feira 6 de abril chega agora ao xulgado. Segundo puido constatar Nós Diario, o 31 de marzo as familiares da falecida recibiron unha chamada do fisioterapeuta do xeriátrico, que lles indicou que había positivos na súa planta e lles comunicou máis tarde que persoal do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) acudira ao centro para facerlle unha proba de coronavirus por estar moi delicada de saúde.

 

Matogrande (Domus Vi)

 

No día seguinte, o médico da residencia comunicou á familia o positivo da usuaria, indícandolle que se o seu estado empeorase lle administrarían un antibiótico, e en caso de insuficiencia respiratoria, sería tratada con morfina. A resposta do facultativo alerta a familia que solicita a transferencia da paciente ao CHUAC para a súa hospitalización. Porén, segundo se recolle na querela presentada, o médico da residencia sinálalles nesa mesma cuarta feira 1 de abril que a súa familiar  “non é candidata á UCI” e que só se derivan ao complexo hospitalario aquelas persoas que el considere que poden ser salvadas. Neste sentido, o avogado da familia da falecida, Xoán Antón Pérez Lema critica que “esta persoa fose excluída da hospitalización por ter máis de 80 anos e non se lle teña dado a posibilidade de ingresar en ningún dos hospitais da Coruña”. “É moi grave, desde unha perspectiva ética e política, que a esta altura do século XXI a unha persoa non se lle permita hospitalizarse axeitadamente”, conclúe Pérez Lema. A falla de medios no centro de maiores de DomusVi de Matogrande foi evidente ao longo da pandemia, segundo familiares. Así, na demanda sinálase que “con 75 residentes no centro e 13 positivos confirmados, unicamente estaban atendidos por 4 auxiliares de enfermaría”, sendo o persoal contratado “non cualificado, en prácticas e por suposto sen experiencia previa”.

Pola súa banda, Pérez Lema sospeita “con base nos indicios de que dispomos, que esa fin de semana previa ao falecemento houbese continuidade presencial permanente de médicos na residencia”, significando que a familia da persoa morta comproba desde o seu ingreso no centro en 2018 “unha total falta de atención e vixilancia” e “un adelgazamento alarmante, motivo polo que os seus familiares tomaron a decisión de acudir cada día a alimentala para evitar que seguira a perder peso”.

Xacobe Ferreiro

Nós Diario