O Estado español foi denunciado ante a Comisión Europea pola corrupción xudicial sistémica que favorece os intereses das elites fronte a un pobo que está sometido á ditadura das grandes corporacións.

 

 

Tal e como publicamos en Diario16, o Estado español foi denunciado ante a Comisión Europea por corrupción xudicial sistémica. A denuncia, á que Diario16 tivo acceso, parte dos datos do Eurobarómetro que constatan o amplo descrédito da Xustiza entre a cidadanía, que cada ano vai en aumento e mostra diso é que a maioría «considera necesaria unha reforma profunda e urxente da Xustiza pola súa corrupción sistémica», afirma a denuncia. Esa desconfianza na Xustiza ten diferentes causas como as presións políticas e as inxerencias ou presións de intereses económicos.

A denuncia incide no feito de o problema consistir en que, apesar das constantes denuncias da cidadanía e dos avogados, o Consello Xeral do Poder Xudiciario, o encarregado de sancionar as condutas supostamente corruptas dos xuíces, arquiva todas as queixas presentadas «nunha clara mostra do seu corporativismo, facendo inútil calquera tipo de denuncia de corrupción contra os xuíces que sistematicamente ‘caen en saco roto’ e fican impunes sen sanción. Tan grave é a situación de corrupción dos xuíces e o seu órgao de goberno, o CXPX, que unha asociación de cidadáns viuse na necesidade de denunciar o CXPX ‘por corrupción sistemática e prevaricación permanente’», afírmase no documento.

Outro aspecto eb que incide a denuncia como elemento chave para entender esa suposta corrupción xudicial é o patrocinio e o pagamento por parte das grandes corporacións e bancos de cursos, conferencias e congresos en que participan xuíces, maxistrados e procuradores. O documento é claro neste sentido: «Diversas fontes tanto da Xudicatura como exmembros do Banco Santander recoñecen que outra forma de pagamento dos favores xudiciais serían os relatorios en conferencias, cursos e congresos organizados co patrocinio do Banco Santander; que en moitas ocasións partillan cos avogados dos grandes escritorios».

O mecanismo, segundo se indica na denuncia, é simples: as organizacións organizadoras deses cursos son utilizadas como intermediarias xa que se os pagamentos se fixesen directamente do Santander ao profesional da Xustiza sería un escándalo. «A forma de obviar o pagamento directo ao xuíz ou maxistrado sería mediante o patrocinio xa que o Banco Santander patrocina unha ou outra universidade que é a que organiza as xornadas, o ciclo de conferencias, os relatorios ou os cursos e é a que paga directamente ao maxistrado que dita a conferencia. Desta feita interporíase entre o Banco Santander e o maxistrado a universidade como intermediaria para tratar de obviar o pagamento directo entre o banco e o maxistrado, todo iso mediante unha suposta fraude de lei», afirma o documento.

Para onde apunta o dedo?
A denuncia fai referencia a fontes do propio Santander que contan o modus operandi dos supostos presentes a maxistrados, xuíces e procuradores aos que se ofrece «a posibilidade de dar conferencias moi ben retribuidas en congresos e cursos, moitos deles patrocinados polo Santander, e vantaxosos estudos para os seus fillos que poderían ser despois colocados no Banco Santander ou entidades amigas. Téñase en conta que o banco, através de Santander Universidades, ten convenios con 1.045 universidades de todo o mundo desde hai máis de 20 anos», afirma a denuncia.

Ademais pon como exemplo as «coincidencias ou meras casualidades» de como os fillos dos ex maxistrados José Luís González Armengol e Luís Martínez Salinas traballan en Santander Corporate & Investment Banking e Altamar Capital Partners, respectivamente.

Outra «coincidencia» posta de manifesto na denuncia presentada xunto da Comisión Europea é a do «exmaxistrado e vicepresidente do Tribunal Constitucional Ramón Rodríguez Arribas que, no mesmo día 12 de xuño de 2013 en que era declarado o seu cesamento por RD 417/2013 inadmitía un recurso de amparo, inadmisión que beneficiaba o Banco Santander que fora defendido, na casación perante o Tribunal Supremo, polo avogado de Uría e Menéndez, Jesús Remón Peñalver, co que compartillaría días máis tarde participación no Curso de Verán 2013 da Universidade Complutense ao parecer copatrocinado por Santander Universidades».

Outra «coincidencia» que non hai que esquecer é o caso do ex xuíz Baltasar Garzón, quen, despois de arquivar a querela de Rafael Pérez Escolar polo caso Banesto marchou aos Estados Unidos a realizar uns cursos financiados polo Banco Santander. Por certo, unha das persoas que acompañou Garzón ao aeroporto cando marchou a Nova York foi o avogado Manuel Medina, amigo de Ángel Corcóstegui, do xuíz Fernando Andreu e da procuradora e ministra de Xustiza Dolores Delgado.

Portanto, no documento presentado á Comisión Europea faise referencia a unha serie de relacións entre maxistrados, xuíces e fiscais que poderían ser causa da suposta corrupción xudicial que a cidadanía e diferentes organizacións denuncian e que poderían explicar moitas decisións adoptadas nos tribunais que favorecen as elites económicas, empresariais e financeiras.

José Antonio Gómez

Diario16