Apesar do respaldo maioritario con que conta nos media españois, o decreto de excepción dixital que o Goberno en funcións de Pedro Sánchez fixo publicar no BOE na pasada terza feira 5 de novembro, non é senón un auténtico 155 dixital, como foi baptizado por distintas instancias.

Censura España

 

A fatal ocorrencia, que ten rango de decreto lei, pasa por cercear as liberdades nas comunicacións ‘en determinados supostos excepcionais que puderen afectar a orde pública, a seguranza pública e a seguranza cidadá’. Sen necesidade algunha de intervención xudicial, o Goberno, ‘con carácter excepcional e transitorio, poderá acordar a asunción pola Administración Xeral do Estado da xestión directa ou a intervención das redes e servizos de comunicacións electrónicas’. En definitiva, cada vez que o Goberno de España considere arbitrariamente que se dá algún dos abstractos supostos anteriormente citados. Mais, en que se podería substanciar esta nova norma cuxa decisión e publicación oficial tivo lugar en plena campaña electoral?

O 155 dixital: fechar webs sen pasar por sede xudicial
No caso do decreto-lei que acaba de ser publicado no BOE, as actuacións arbitrarias do Goberno de España poderán afectar calquera infraestrutura, recurso asociado ou elemento, ou nivel da rede ou do servizo que resulte necesario. O que significa que o Executivo arrógase a si mesmo a potestade incontestábel de engadir máis casos para fechar webs ou bloquear servidores sen pasar por sede xudicial.

 

Candado

 

Intervención total da Internet no Reio de España
A gravidade do decretazo non fica por aí, que xa de seu é grave, senón que outorga ao Goberno a autoridade de intervir Internet en calquera dos seus diferentes estratos. Desde esixir ás operadoras que non permitan o acceso a un determinado servidor, até as obrigar a bloquearen todas as conexións a ese servidor. O Executivo podería, mesmo, chegar a cortar todas as conexións, sen fíos ou por cabo nunha determinada zona xeográfica, o que podería levar a unha parte importante da poboación ficar directamente incomunicada durante un período de tempo, facendo que, de facto, o Goberno controle totalmente a infraestrutura tecnolóxica do Estado.

Portanto, dada a súa natureza arbitraria e de xeito evidente abusiva, e as consecuencias que suporía utilizar un martelo industrial para partir unha noz, falar dun 155 dixital ten todo o sentido, xa que se impediría os cidadáns exerceren o seu dereito a comunicarse, a súa liberdade para informarse e a posibilidade de contar o medio máis potente, diverso, igualitario e inmediato como é Internet. Algo irracional en pleno século XXI e que só ocorre nas ditaduras e en países cuxos gobernos teñen caracteres claramente totalitarios.

 

Cadenas

 

Desde estamentos que se preocupan por vixiar o estado de saúde de Internet, xa apuntan que é un preocupante salto cualitativo respecto da Lei Mordaza aprobada cando Rajoy era presidente de España e falan de estado de excepción dixital. Tanto é así que en Twitter está a ter bastante seguimento o hashtag #EstadoExcepcionDigital.

A falta de tutela xudicial para que o Executivo español poda lanzarse a cometer tantas actuacións contrarias á liberdade de comunicación como considere oportunas non significa que no futuro a xustiza española non acabe considerando esta nova reviravolta legal contraria a dereito por parte do Estado. Mais, caso ser así, o dano que pode sufrirse polo camiño xa estaría feito e na maioría dos casos non habería maneira real de reparalo. E entretanto, os cidadáns e as empresas viron como un dereito básico como é o uso de Internet podería deixar de selo en calquera momento, peorando así a calidade democrática dun Estado que presume de pertencer á Unión Europea.

El Nacional