A máquina é voraz, como unha bulldozer salvapatrias. Como un furacán redentor, que todo leva. O Estado, en formato Leviatán, arrasa e trincha. E rebenta portas de madrugada á vez que dita falsidades para as primeiras páxinas dunha midia xa berlusconizada. Vale a pena non o esquecer.

 

 

Resultado de imaxes para general pedro garrido jefe guardia civil cataluña

 

Un día, hai moitos anos e noutros tempos convulsos, cando había que impor que todo era ETA e que especialmente o era o movemento okupa catalán, un xornalista de La Vangarda díxonos, nun encontro súbito nas tanxentes do imposíbel, que ‘se te acusan de ser de Jarrai, xa che estragaron a vida’. Non o dicía como xeneralidade: facía sincera autocrítica de como operaba a trituradora contra a disidencia. A máquina da lama -multiplicada hoxe pola canibalidade do twitter- é tan antiga que de non a combatermos cada día, acabaará por nos enlamear todas e todos. Indefectibelmente. Naquela altura, desde as páxinas do xornal do Conde de Godó acusaran falsamente un mozo de 14 anos de Sabadell de ser de Jarrai. Motivo? Ter colado nun farol un adhesivo coa lema ‘Estilo Bustos? Non, grazas’. Non será escusado lembrar que o alcalde Bustos está hoxe condenado por corrupción, que o menor tiña tanta razón antecipada como o xuíz que condenou despois o alcalde, e que o xornal, após varios burofax, acabou rectificando. Tarde e mal, e cando o dano xa estaba feito. O autor daquela falsidade, convenientemente filtrada pola cloaca aos seus peóns, era Albert Gimeno, que terminou sendo xefe de comunicación do ministro de Interior Jorge Fernández Díaz. Nada nunca é inocente. E todo acaba por (des)cadrar.

Esta columna tiña que saír antonte, a propósito da construción mediática, política e policial, tocada con ficción e tricornio, da realidade catalá feita relato e delito. Mais cando ía xa enviala a ‘La Directa’, filtráronse pola radio as palabras obscuras do xeneral Pedro Garrido, en solemne acto oficial e respecto ao conflito irresolvido na Catalunya e o 1-O: ‘Tornaremos facelo’. (O qué? A incapacidade de non acharen unha única urna? A impotencia armada de non poderen coa fortaleza da xente e non poderen fechar nin o 5% dos colexios electorais? A brutalidade vergoñosa de espancaren xente que din protexer?). Afórrome comentar a ‘frente unitaria represiva’ vista no cuartel, de neutralidade cero e independencia xudicial cacarexada rebentada: gardas civís, fiscais do Supremo, secretarias xudiciais que foron testemuñas de cargo e homenaxe ao xuíz que iniciou a causa xudicial e que mudou ‘o curso da historia de España’, segundo misiva remitida por Carlos Lesmes con motivo do seu falecemento. A realidade -e o CGPJ e algúns cuarteis- é suficientemente explícita.

Aliás, había tempo que me rosnaba unha ominosa omisión corporativa -lei do esquecemento, lei do silencio- deste insultante ‘175 anos ao teu lado‘ que ostenta a Garda Civil ultimamente en vehículos logotipados, vídeos promocionais e propaganda oficial. Se engadisen ‘ao teu lado, controlándote‘, aínda. Mais non, sen matiz algún. Será que os 40 anos de franquismo non contan. En 2016, un chío frívolo con tricornio, lorcaniamente, estarrecía a alma. Desde o perfil oficial do corpo, homenaxeábase o SIGC, o servizo de información benemérito de tan sinistra e infausta memoria. O chío era de calibre e a vergoña inhóspita de conmemorar o seu nacemento -en 1941, xa se sabe, en plena democracia a todo vapor. Se falasen as súas vítimas, sairía unha enciclopedia enteira do horror. Alí dicían: ‘En primeira liña, frente ás ameazas terroristas 1941-2016‘. Selvaxe omisión sen distinción: porque claro, como mínimo entre 1941 e 1978 serviron, en primeira liña, unha ditadura fascista. E digo como mínimo, por ese mito fundacional que di que en 1978 o franquismo desapareceu, sen continuidade algunha e por completo, como por encanto. En fin, #findacitación.

 

Resultado de imaxes para general pedro garrido jefe guardia civil cataluña

 

Autodefensa e aviso, un quería enfiar o fociño na perspectiva histórica -devastadora, demolidora e precursora de malos tempos- da estigmatización, a persecución e a criminalización explícita dese primitivo ‘a por eles‘ que condensa todo un nacionalismo de Estado. [Verbigracia diferencial de recoñecemento do plurinacional: se somos eles, é que xa non formamos parte do seu nós]. En fin, que como exercicio dialéctico e recíproco e democrático e contra toda metonimia, querería aplicar ao propio corpo da Garda Civil exactamente o mesmo trato desinformativo que nos dispensa desde hai anos, talvez desde 1941, o gabinete de comunicación do Duque de Ahumada. Tecnólogos da excepción como forma de goberno e técnicos do medo como forma de dominación, o exercicio -deontolóxico tamén- vai dirixido tamén a uns cantos xornalistas -é xornalismo copiar un comunicado militar e reproducilo acríticamente e inflar a espiral sen contrastar?- que lles enchen o saco, que non son poucos. Non mordas a man que che dá de comer, aínda que algúns xa comen as palabras que proferiron o 23 de setembro, na carreira mediática enlouquecida de a ver quen a di máis gorda, quen di antes ETA e quen chega primeiro a pronunciar Al-Qaeda. Non esperen desculpas por iso. A profesión, refutando Kapuscinki, está chea de cínicos. Mais apesar de todo, continuemos. E tentemos aplicar á benemérita o idéntico medicamento e o mesmo trato que aplican eles a un independentismo que xa elevan a terrorismo: sen mortos, sen atentados, sen bombas. En fin, tentémolo e vamos ao choio.

Setembro do 75. Un pelotón de gardas civís fusila Txiki xunto ao cemiterio de Cerdanyola: non cumpren ordes, son un escuadrón integrado só por voluntarios e hoxe aínda lles pagamos a pensión -cousas da transición modélica, xa se sabe. Se fixésemos tal como eles, metonimia a metonimia, afirmariamos que a Garda Civil -toda ela- fusila e asasina. Febreiro do 81 e ‘Todos ao chan’. E disparos. E un pelotón da Garda Civil irrompendo no Congreso. Se fixésemos tal como eles, a parte é o todo, diriamos que a Garda Civil é golpista. Aforrarei -sería demasiado longo- todos os pormenores de todas as redes de terrorismo de Estado onde estiveron implicados altos mandos da Garda Civil -denominada a trama verde, cando se investigaba xudicialmente cada conexión cos GAL. Deixémolo en que o máximo mando de Intxaurrondo, ícone da loita contraterrorista, foi condenado a 80 anos de prisión polo secuestro e asasinato en cal viva de Lasa e Zabala -e factor non menor, que só acabou cumprindo catro, o 5% da pena. Se fixésemos como eles, todo é o mesmo e o mesmo é todo, diriamos que a Garda Civil tamén foi terrorista, aínda que o Supremo fixo auténticas piruetas para evitar calificar os GAL, violencia criminal de Estado, como tal.

Aforrarei todos os meandros do caso UCIFA. Sexamos simplistas e reducionistas: case toda a dirixencia da benemérita responsábel da loita antidroga foi apañada in fraganti, alí nos 90 e como xa intuirán, narcotraficante a costa e corrompéndose. Como se corrompería despois o mesmo Luís Roldán, isto é, o director xeral da Garda Civil. Non deixamos de lado que ao ex-coronel Pindado, xefe daquela mafia traficante na fronteira sur, foille concedida pensión vitalicia en 1999. Ou que o comandante Rafael Masa -implicado no asasinato do dirixente político Santi Brouard- foi rapidamente destinado a Bolivia, cando xa estaba a ser implicado no terrorismo de Estado, para o destinar á loita contra o narco: acabou condenado a once anos por narcotráfico. E máis aínda. O tenente coronel Máximo Blanco foi detido en Sant Carles de la Rápita (Tarragona), en 1999, cando pretendía introducir 4.000 quilos de haxix, que comprenderán que non era para consumo persoal. O último que soubemos, non é brincadeira, é que o ascenderon. A coronel. En 2005. E, claro, se fixésemos tal como eles, porque un implica todos, diriamos que a Garda Civil é narcotraficante e corrupta.

 

Resultado de imaxes para general pedro garrido jefe guardia civil cataluña

 

De días tristemente recentes, deberiamos afirmar que a Garda Civil é tamén franquista. Cunha man encobre un cabo que reclamaba ‘un novo Franco’ nas redes sociais -e abre expedientes, coidado, aos axentes que o denunciaron- e coa outra abre expediente a un axente que asinou un manifesto contra a apoloxía do franquismo. Hai nada e alterando a historia, soubemos que xa é considerado oficialmente terrorista mesmo o maqui Quico Sabaté -e non, señorías e coa venia, levantar armas contra unha ditadura criminal é, precisamente, loitar contra o terrorismo. Mais, no fin e ao cabo, que podemos esperar cando en 2001 e baixo a segunda aznaridade, o Congreso deu a Medalla de Ouro do Mérito Civil ao sádico torturador franquista que foi Melitón Manzanas, precursor explosivo de tantas violencias?

Aforrarei a longa lista -175 anos ao teu lado dá para moito- de vítimas. E citarei apenas tres casos. Un garda civil violador en La Manada -e o que tardaron en o expulsaren-, quince migrantes mortos no Tarajal e as torturas indicíbeis sofridas polo saudoso Ion Arretxe. Se fixermos como eles, e a cousa implicase sempre toda a casa, deberiamos dicir entón que a Garda Civil é violadora, racista e torturadora. Que haxa 39 axentes condenados e indultados por torturas é unha proba irrefutábel. Nunca -e nunca é nunca- poderei esquecer o encerramento do xornal Egunkaria e todas as consecuencias posteriores, íntimas e colectivas, absolución integral incluída. Engadiriamos, daquela, que o Instituto Armado é censor, liberticida e inquisitorial. E si, confesión voluntaria, a miña vida precaria, en relación con este corpo militar, sempre estará mediada, por e para sempre, polas dores e as intemperies de Martxelo Otamendi –berriro, maite zaitut. (Escribo, tamén, por estado de necesidade, conste en acta).

Ou sexa, que, olla ti por onde, se lles aplicásemos a súa propia doutrina de guerra informativa, se os imitase, se lles respondese coa súa mesma ruin doutrina, debería concluír, en benemérito siloxismo, que a Garda Civil é golpista, torturadora, racista, corrupta, narcotraficante, mentireira, franquista, censora e violadora. Non é pouco, dito así, por atacado. Mais non, ‘non ser como eles’ recomendaba lúcido Eduardo Galeano: non penso imitalos. Si podo dicir, a plena luz e con todos os taquígrafos, que hai mandos e axentes condenados por todos os feitos aquí expostos e que a lenidade -garantía de impunidade- foi trato preferente, política pública e razón de Estado. E como argumentar logo será delito, acrecentemos algunha cousa contrafáctica: tamén podería dicir que o meu avó, un xullo do 36, foi salvado de morte segura por un garda civil; que en Barcelona, nese mesmo xullo, o corpo armado se puxo do lado da República; que coñezo investigacións recentes contra a corrupción da Garda Civil que me levan a tirar o chapeu e que moitos axentes foron represaliados internamente por tentaren garantir dereitos sindicais. Menos metonimia e máis complexidade. Que se non o dicimos todo, entón non dicimos nada.

Continúo. Porque mesmo así, a tentativa de comparación é do todo arriscada e contén unha falsidade manifesta -e é aquí onde quería chegar. Arriscada, en primeiro lugar, como tentativa -veremos- para explorar e alargar os límites precarios da liberdade de expresión no Estado español. Estrasburgo xa absolveu Otegi por dicir que o rei era o xefe dos torturadores: o matemático Carlo Fabretti escribiu naquela altura que, no fondo, o TEDH absolvera Aristóteles. Absolvera un siloxismo: se a Garda Civil ten condenas por torturas e o rei é o xefe das forzas armadas, o rei é, modus ponens, o xefe.

Mais a comparación que pretendo é arriscada, delicada e, ao mesmo tempo, errática. Por fraudulenta: porque a propia comparación implicaría de entrada asumir unha premisa falsísima, que é precisamente a que hai que combater. Se toda a Garda Civil non é terrorista polas condenas do GAL, o independentismo tampouco o sería por… E é aquí onde a comparación falla do todo: a diferenza radical é que no dez anos que xa dura o procés non hai unha única condena contra o independentismo por feitos similares ou homologabeis. Porque de feito, por non haber, non hai nin feitos. Non podo dicir o mesmo, antoloxía e hemeroteca, da outra historia benemérita. Outra cousa é que a Garda Civil, como a realidade falla, trate de creala. Ou, non é que non muito tempo atrás nos secuestraron Tamara Carrasco -e o Adri, fuxindo por unha xanela cara a Bélxica- presentándoa como terrorista dos CDR, confinándoa un ano no seu concello e agora resulta que a Audiencia Nacional se desdi e do dito nada de nada? Contra a memoria de peixe, memoria de elefante. Infelizmente, coñecemos demasiadas siglas inventadas -Acción Radical Catalá, Comando Barcelonés de Liberación Nacional- que naceron e morreron, baptizado e defunción, nun despacho policial. Para desgraza da memoria, na Via Laietana de sempre.

E daquela? Daquela esta comparación é recorrente mais falsa. Recorrente e útil porque hai que combater a mentira. Mais falsa. Onde falla a simples equiparación? Insisto: en que se non prohiben a hemeroteca, podo acreditar, en papel prensa ou en sede xudicial -tanto me ten-, que hai mandos da Garda Civil condenados en sentenza firme -e indultados e consentidos- por todos os delitos que referín. E ningunha, nin unha única, para o movemento popular democrático que poida equiparar independentismo con terrorismo. A proba máis repugnante -infinito noxo insondábel- é que cando teñen que ir aos feitos concretos mostran fotos do atentado de Vic e do atentado de Hipercor. E aí radica o abismo: a base da miña metonimia é verdadeira: tantas sentenzas firmes e dores amorfas. A súa, ficcionada e falsaria e inatribuíbel. Podo acreditar o que digo con sentenzas e feitos, xeneral. Vostede, non. E espero, por suposto, que nunca poida facelo.

Onde reside, apesar de todo, a esperanza? En que xa non engolimos, desde hai tempo, gato por lebre. E por iso, seguramente, fan o que nos fan. Cunha constatación final que si marca, polo menos para min, unha diferenza capital e neurálxica. O 1 de outubro orgúllanos e orgullaranos todas e todos os que o fixemos posíbel: combatermos a violencia, iso fixemos. Desde a ética humanista da desobediencia civil pacífica, por o dicir todo. Do que fixeron eles, no entanto, ninguén quere saber nada e ninguén quere lembrar agora a violencia que dirixían. Xa o dicía Juan Gelman contra toda amnesia: algúns teñen sempre un repentino esquecemento en esquecer todo o que ordenaron. Ver agora as imaxes dos xulgados onde o xeneral Pérez de los Cobos e o Secretario de Estado de Interior, José Antonio Neto, pasan a pataca quente un ao outro negando que ‘o fixeron’, fascina, prende e desvela. Tan valentes nos cuarteis e tan calados nos xulgados. Iso si, cando se trata de ser ascendido e enmedallado, Pérez de los Cobos non ten ningún problema en asumir toda a responsabilidade. E iso ten nome e epíteto, que neste exercicio dialéctico condenado ao fracaso, non pronunciarei, porque choca frontalmente con algún precepto da Lei Mordaza. Entretanto e polos vistos, intemperies dun país estraño, vemos que voltan necesitar destacamentos militares para aplicaren a sentenza que virá, que equiparará, pobre Kafka, un referendo cunha sedición. Tempos estraños de espirais deseñadas, onde a provocación é estratexia de Estado. E Judith Butler, en pé de paz e máis do que nunca, alí no medio: “A non violencia é decidir non ser violento nun estado de violencia”. Se non, de que.

Termino a filípica e a carambola, desculpen. Antonte, o xeneral Pedro Garrido, xefe da Garda Civil en Cataluña, esclarecu en descoido político que perseguen proxectos, causas e ideas: ‘sob a xustificación da defensa dunha causa que a lei non contempla’. Si, claro, como a causa polas oito horas laborais no seu día, da que vostede goza hoxe e que tamén estivo fóra da lei demasiados anos. Mais ben, se vostede quere pór, como mínimo, un 48,5% da sociedade catalá fora da lei, tamén lle digo claramente: aquí estamos e aquí estaremos e non sei como pretenden facelo. O xeneral dixo algo máis, criminalizando todo o que toca, en relación coas últimas detencións e os últimos sete encarceramentos sob réxime FIES3: ‘os pretendidos sorrisos revolucionarios convértense, con máis facilidade da que é posíbel pensar ou desexar, en apenas o rictus que disimula o odio e a mesquiñez capaz de xerar destrución, dor e sufrimento’. Ao xeneral -que, olla ti por onde, hoxe si ten quen lle escriba- retórnolle, en contraposición lóxica, a súa nihilista afirmación aplicada ao corpo que dirixe: ‘a pretendida defensa da orde pública da Garda Civil converteuse, con máis facilidade da que é posíbel pensar ou desexar, en apenas o rictus do odio e a mesquiñez, capaces de xeraren narcotráfico, terrorismo de Estado, violacións e brutalidade’. Se non está de acordo coa miña premisa, entón, xeral -que paradoxo antirepresivo- non pode estar de acordo coa súa. Se a miña premisa é falsa, sería exactamente tan falsa como a súa. E a miña, por metonímica e si, é tan falsa como a súa, xa llo adianto: mais polo menos, baseada en feitos verdadeiros, dolorosos e concretos, en feridas abertas e cicatrices non fechadas. Aguante a metonimia, xeneral. Ou reprímaa, polo menos, até as rás criaren pelo ou os elefantes voaren.

David Fernández

Insurgente