“A quen nos ataca na rúa, vémoslle as maos, / mais os que atacan de verdade fan por escondelas”

(Bertolt Brecht)

 

Resultado de imagem para ignasi sabater

 

O título é unha frase clásica nacida na tempestuosa Transición, entre os actos de selvaxismo da Frente de la Juventud, os mortos que nunca contan ou os destrozos ultras contra librarías. Na altura a frase, verdade popular, era un segredo de Polichinelo e unha realidade con bombas: denunciaba con sinxeleza a evidente conexión directa entre violencia policial, tramas ultas e cloacas do estado. A tríade da estratexia da tensión e a cultura do medo do búnquer franquista que tentaba atemorizar o persoal, impedir a mudanza e prolongar a excepción.

Por dicir esta mesma frase, o alcalde de Verges, Ignasi Sabater, foi denunciado en abril pasado, en fraude de lei e contorcendo o Código Penal, por un suposto ‘delito de odio’ contra a policía. Pronunciouna despois de uns descoñecidos, enésimo asalto, furaren as rodas de 163 vehículos e despois de o municipio se ter convertido na obsesión da extrema dereita, con numerosos ataques nocturnos reiterados. Despois de agresións continuadas, esta semana produciuse, finalmente, a primeira detención: a do alcalde que a denunciara. Todo en orde: circulen. En Verges hai encapuzados ultras que atacan de noite e policías encapuzados que actúan na mañanciña, sen orde xudicial e por uns feitos en que Ignasi nin sequer estaba presente. Brincadeiras da democracia cando á democracia é de brincadeira, o Tribunal Superior de Justìcia de Catalunya (TSJC) comunica que non hai mandato xudicial e Marlaska sostén que o hai. Un dos dous mente -e non é o primeiro.

Para non perder o fío, este non é só, mais tamén, un artigo de solidariedade co Ignasi -e o resto de detidos, claro-. É tamén un artigo de autodefensa democrática e informativa contra o crecente risco censurador de non poder chamar as cousas polo seu nome e para que antes de que acabe sendo delito sexa a realidade e a historia. Sobredose de memoria contra os ionques do poder do esquecemento e da impunidade, fío na agulla: hai uniformados de día que de noite se descontrolan, sí. O último ano e medio foi prolífico. E iso apenas é unha proba de como se coce o pan. Noite mesta, en Espolla, ao pé de Verges, en outubro do 2017 foron apañados catro gardas civis á paisana arrancando senyeres e furtando estelades de balcóns particulares: ían nunha furgoneta sen distintivos do corpo militar. De día uniformados, de noite incontrolados? Pois sí.

Unha semana antes, a policía local de Alcarràs identificaba un coche patrulla da Garda Civil parado na beira da estrada. Foi aproximarse e o coche patrulla escapar a fume de carozo. Na estrada ficaba unha pintada fresca: as cores da bandeira española e “Puigdemont nunca mais”. De día multando por facer pintadas e de noite fazéndoas? Altamente probábel. Máis: noite de agosto do 2018 en Terras do Ebro. Caras tapadas, frontais de luz, ferramentas para cortar e mapas de planificación para arrancar lazos. Os Mossos d’Esquadra interceptan catorce persoas. Unha delas, un garda civil desdobrado. De día servidor público e de noite comando ultra? Pois parece que algúns, tamén. E agora a cereixa na ponta do bolo. O principal investigador da causa xeral contra o 1-O, o tenente coronel da Garda Civil Daniel Baena -xefe da policía xudicial en Catalunya- dedicábase ás agachadas, tacitamente e no Twitter, a insultar quen investigaba: axente analóxico de día, trol dixital de noite. E a Procuradoría Xeral calada. A eterna dúbida non resolvida: E se son tan descontrolados como parece e tanta tolerancia ministerial e silencio oficial non cadran?

 

“Le metía la porra para adentro como si no hubiera mañana. Si uno no se ha ido con la costilla rota poco le ha faltado”. Non, non é un ‘hooligan’ un 12 d’octubre. É un garda civil, en comunicación interna, o primeiro de outubro de 2017. Fascinante.

 

Tamén os hai descontrolados de todo: o comisario Villarejo apañando mesmo o BBVA. E tamén os hai desbocados, que o bar aberto da impunidade do “A por ellos” é longo e dá para moito. Noite do 23 de outubro do 2017: sete axentes do CNP denunciados por destrozos nun bar e agresión a un empregado no Born -“Somos la puta ley aquí! […] Barcelona es España”-, lembram? Decembro do 2017 na Barceloneta: un garda civil fora de servizo arrancando unha estelada, reducido polos Mossos e denunciado por ter agredido un cidadán. Ás veces, nin sequer é preciso andaren sen o uniforme para perder todo control. Poden levalo posto: “Le metía la porra para adentro como si no hubiera mañana. Si uno no se ha ido con la costilla rota poco le ha faltado”. Non, non é un ‘hooligan’ un 12 de outubro. É un garda civil, en comunicación interna, no primeiro día de outubro do 2017. Fascinante, hai um monte macabro de exemplos rexistrados o 1-O, repertorio de palabras proferidas por uniformados desbocados, non só verbalmente. “No hables con escoria”, “Te voy a romper las gafas, que valen un dinero”, “Sal de ahí, gordo”, “Por los sanfermines dirá que es violación”. #findelacita

En Euskadi, saben moito disto, dolorosamente, de todo isto. Desde os GAL cheos de comisarios policiais e mercenarios ultras até os disparos de hai quince días contra as xanelas da casa dunha familia da esquerda abertzale: o detido é un ex axente da Policía Nacional e está na rúa. (Paréntese bestia do terrorismo de estado. Na antoloxía do horror fica isto, impunemente: o BVE (Batallón Vasco Español) perpetra un atentado no 1980 en Hendaia en que morren tres persoas; os perpetradores saltan a fronteira, entréganse á policía e fican en liberdade despois de o comisario chamar Manuel Ballesteros, que nunca dirá os seus nomes. Balllesteros será condenado mais un tribunal -chamado Supremo- absolverao dúas veces, porque estaba “na crenza errónea” que primaba os protexer sobre informar a xustiza. Fecho animalada).

Por haber, hai mesmo narcotraficantes con tricornio. O comandante Luis Pindado, máximo responsábel da loita antidroga da Garda Civil, foi condenado -o escandaloso caso Ucifa- por tráfico de drogas en 1997. En maio de 1999 Defensa -que desorde- outorgáballe pensión vitalicia. Excepción? ünica, seguro que non. O tenente coronel Rafael Masa -condenado por torturas e instigador, segundo o executor, do asasinato de Santi Brouard- foi condenado no 2004 a 11 anos por narcotráfico. Máis: o número dous do museo dos horrores de Intxaurrondo, o tenente coronel Máximo Blanco, foi condenado no 2003 por introducir 4.200 quilos de haxixe no porto de Sant Carles de la Ràpita; no 2005 José Bono asinaba -que descontrol- o seu ascenso a coronel. De día, uniforme antinarcóticos, de noite acarretando fardeis de droga. Por non esquecer, non esquezan que a última cúpula do CNP en Catalunya -desde o comisario Luis Gómez até inspectores de estranxeiría- foi condenada por corrupción e suborno: avisaban -cobrando- os prostíbulos Saratoga e Riviera cando había batidas. De día comisario da orde e de noite rede proxeneta? Pois sí.

Mesmo nos anos noventa a Barcelona pós olímpica deixou un rosario de impunidades policiais. Urxe lembrar, especialmente, a detención dun destacado grupo de ultradereita pola colocación dun artefacto explosivo nas Cocheiras de Sants. O comunicado da Brigada Provincial de Información -sí, exacto, a mesma que practicou as detencións desta semana- rebitaba sinópticamente: “Trátase dun grupo de amigos que querían dar un susto ao movemento okupa”. No xuízo, celebrado anos despois, os acusados aduciron como eximente que o fixeran “en defensa de España”. A xuíza, na sentenza, apuntou que iso podía ser un atenuante, si, mais só antes, moito antes: sob a ditadura. A Brigada de Información non debia pensar o mesmo.

 

 

Despois de o agredir, mostrou a placa: e neste xesto sinxelo mostrou a curta distancia que vai da agresión á impunidade

 

Concorre finalmente, porque sempre se pode ir a peor, a evolutiva regresiva. Recuamos? Probabelmente a frase xa non é tan exacta, porque xa non é preciso que sexa de noite para agredir, atemorizar ou ameazar. O axente da Brigada de Información que agrediu o fotoxornalista Jordi Borràs fíxoo a plena luz do día, no centro de Barcelona e ao brado de “Viva Franco”. Non necesitou capuz nin nocturnidade. Despois de o agredir, mostrou a placa: e neste xesto sinxelo mostrou a curta distancia que vai da agresión á impunidade. Continúa en activo, protexido e blindado, sen medida cautelar ningunha. Que tal vai, Teresa Cunillera?

Inicio e final, por lembrar aquela vella e xusta frase -tan actual á luz dos feitos e os antecedentes referidos- o Ignasi Sabater é investigado. E a única alternativa democrática que se me ocorre é suscribi-la integralmente as veces que for preciso. Ratifícoa, por estado de necesidade deontolóxico e antirrepresivo, hoxe, agora e aquí. Por escrito, en papel prensa e ao abrigo da hemeroteca: uniformados incontrolados. Desde o dereito inalienábel -e de tantas liberdades ameazadas- de dicir que o que pasa sí que pasa, contra a mentira habitual do poder que nos quer facer engolir que o que pasa non pasa. E lembrando que non pasaría se moitos, tantos, non calasen tan vergoñosamente. Ora, se por escribilo temos de acabar no banco dos acusados, pois mala sorte e alí estaremos. Mellor iso que termos que mentir, ou, ainda peor, termos que calar, ou ainda máis letal, acabar sendo cómplice de tanta inquisición. Porque afinal, parafraseando Fuster, só imputan, en ditacracia ou democratura, para ver se non fan calar. E nin así, axentes Smith de turno. Nin así poderedes..

Ara.cat