No próximo sábado, dia 2 de xullo, terá lugar un debate aberto sobre “Liberdade de expresión e igualdade. Unha CRTVG ao servizo do pobo” que vai se desenvolver na nave do bairro compostelano do Sar da Casa Obreira espazo de encontro, formación e debate-. Na xornada participarán voces relevantes do ámbito profesional, sindical e social galego, que someterán a crítica o estado da liberdade de expresión e os discursos públicos da CRTVG, nun momento en que o uso espúrio dos medios públicos de comunicación fomenta un debate intenso sobre o control político da información e o seu uso para fins alleos ao propio dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e de calidade.

 

 

 

A xornada será dividida en catro mesas en que se tratarán asuntos relacionados coa garantía da liberdade de expresión, medios públicos feministas, control da manipulación informativa e fiscalización sindical e social dos medios públicos. Coordenadas por xornalistas do país, nestas mesas participarán representantes de diversos medios de comunicación e organismos e colectivos relacionados co sector e cos dereitos e liberdades (Xornalistas Galegas, Colexio de Xornalistas, Defende A Galega, Consejo de Informativos de CRTVE e Esculca), así como representantes parlamentares da Comisión de Control da CRTVG.

O encontro pretende facer un diagnóstico profundo do que acontece nos medios públicos galegos de comunicación e buscar posibeis solucións para garantir que estes cumpran coa misión de servizo público sen interferencias políticas nin prácticas de manipulación e represión.